Marcos Nine: “Na procura dun idealizado cambio social, Aurora Rodríguez decidiu emprender un plan euxenésico e levalo ata as súas ultimas consecuencias”

Foto Mario Llorca

Entrevistamos ó director e guionista Marcos Nine, autor de documentais como “Pensando en Soledad”, “A fábrica”, “O premio da rubia”, “Aarón” (Mestre Mateo 2009 á mellor obra experimental), “Manuscritos pompeianos”, ou “Radiografía dun autor de tebeos”. Conversamos con el a propósito da sua última película, “A virxe roxa”.

Por Angelo Nero | 3/03/2024

Aurora Rodríguez concibiu a súa filla, Hildegart, como unha obra perfecta, e cando a súa creación, despois de superar as súas expectativas, quixo emanciparse, rebelándose contra a súa nai, esta a matou, nun feito que causaría unha fonda conmoción social na época. O director Marcos Nine indaga na vida destas mulleres, debuxando, ademais, un bo fresco dun tempo marcado por profundas transformacións sociais, culturais e políticas.

A virxe roxa” é un mosaico de imaxes, realizado a través de fragmentos de películas que, cun ritmo moi axeitado, van intercalando entrevistas e ilustracións, para ofrecer un relato poliédrico moi ben fiado sobre Aurora, Hildegart e o tempo que lles tocou vivir. ¿Como foi ese traballo de documentación previa, a escolla dos fragmentos de películas que aparecen no teu filme, e a montaxe posterior, e como se artella todo isto nun guión para dar coherencia ó relato?

A documentación é como sempre moita lectura. Libros sobre a figura de Aurora Rodríguez, as obras de Hildegart, textos sobre a época, etc, e con eso armas o que sería o relato xeral do filme. A partir daí está o “como o contamos” e nese caso non é tanto unha escolla previa de anacos de filmes senón que o que fago é imaxinar que tipo de imaxes me poderían axudar a contar o relato escrito e comezar unha busca que vai por partes que poderían equivaler a episodios dentro do filme. Dividín a película en 12 episodios, mentres montaba o episodio 1 había persoas que me buscaban imaxes para o 2 e así sucesivamente. O máxico de todo isto é que ningunha imaxe de ningún episodio é excluínte, por tanto cando estás no episodio 10 xa contas con imaxes dos 9 anteriores o que provoca que a peli se vaia transformando a medida que se vai facendo.

Esta historia espertou o interese cinematográfico de xente tan diversa como Fernando Fernán Gómez, que dirixiu en 1977 “Mi hija Hildegart”, ou máis recentemente Paula Ortiz, con Alba Planas e Nawja Nimri como protagonistas en “Hildegart”, así como deu pe para numerosas obras literarias con autoras como Carmen Domingo, Almudena Grandes ou Fernando Arrabal. ¿Con tantas visións sobre estas dúas mulleres, cal foi o aspecto onde quixeches poñer o foco para a túa particular ollada en “A virxe roxa”?

O foco está en Aurora e o contexto histórico que rodea a Aurora. Hai que pensar que a través da súa vida podemos pasar desde o nacemento do movemento obreiro ata a guerra civil, que a través de Aurora podemos introducirnos nas primeiras teorías sobre o control da natalidade, o peso do pensamento relixioso como mecanismo de control da sociedade, e xa con Hildegart, nalgunhas das primeiras publicacións sobre sexualidade que se realizan en España. É dicir, é unha figura que condensa na súa experiencia vital, unha das épocas máis transcendentes da historia.

Para por en contexto a historia, hai un elemento esencial na película que está formado polas entrevistas a Guillermo Escrigas, Rosa Cal, Fernando Agrasar, Xavier Castro, Guillermo Rendueles e Lola Ferreiro, ¿porqué era importante incluír estas voces na película? E seica que, pola pandemia, quedaron algunhas que tiñas pensado incluír sen recoller, ¿cales eran?

Digamos que existen 2 tipos de voces diferentes no filme, dunha banda expertos que coñecen ás figuras de Aurora e Hildegart de xeito global polas súas investigacións, é o caso de Guillermo Rendueles que a través do seu “Manuscrito encontrado en Cienpozuelos” realiza un certeiro perfil psicolóxico da figura de Aurora Rodríguez ou de Rosa Cal que investigou a xenealoxía familiar de Aurora, e outras voces que se circunscriben a ámbitos concretos xa sexa desde o punto de vista histórico, filosófico ou social. A pandemia impediu que as voces fosen algunhas mais. Foi unha pena non poder contar con Carmen Domingo, autora de “Mi querida hija Hildegart” e con nos encantaría non só coñecer a súa visión senón poder contrapoñela con outras opinións como a de Escrigas, Lola Ferreiro, o propio Rendueles, etc. E despois tamén botamos en falta poder falar con Almudena Grandes e que nos falase do seu achegamento a Aurora a través da ficción.

Tamén é importante, a nivel narrativo, tanto o dialogo entre María Vázquez e Nerea Barros, que interpretan a Hildegart e a Aurora, como o papel de Antonio Durán, Morris, como narrador e condutor do relato, ¿de onde xurde este diálogo? ¿de que fontes?, e ¿como é de precisa a figura do narrador para artellar toda esta historia?

Os diálogos entre Aurora e Hildegart non foron inventados, parten de fontes escritas. Cando hai un diálogo directo entre as dúas está sacado da obra de Eduardo de Guzmán, o que equivale a dicir que son sacados da boca de Aurora, xa que foi ela quen fixo posible que esas conversas chegasen ata nós. É importante sinalar que gran parte do que sabemos desta historia ven filtrado pola propia voz de Aurora. Fora diso, hai momentos nos que poñemos en boca de María Vázquez textos escritos por Hildegart, tanto en prensa como en algúns dos seus libros e que nos axudan a entender as liñas básicas do pensamento de Hildegart. En canto ó narrador, sempre foi un recurso que me gustou, no fondo pensaba na peli como unha especie de conto gótico, e se penso en Mary Shelley véxoa a ela narrando, supoño que ten que ver algo con eso.

Fragmentos de época empregados en ‘A virxe roxa’ © Marcos Nine

Outro dos elementos que dinamizan moito a película, e axudan a comprender a historia, é a ilustración, ¿foi a utilización desta o xeito de cubrir a falta de imaxes de Aurora e Hildegart e de mostrar a evolución das personaxes no tempo?

As ilustracións son en gran medida unha liña temporal encuberta. Non só me permiten visitar os momentos claves da vida, esencialmente de Aurora, porque é a que fía todo o relato, senón que nos ubican temporalmente cando vemos as idades das nosas protagonistas nas ilustracións.

Na película faise fincapé na idea da euxenesia, unha filosofía social que tivo un certo eco na época, e que dexenerou en España en psiquiatras como Vallejo-Nágera, e que tamén serviu en Alemania para asentar as bases do nazismo. ¿Cal era a idea que tiña Aurora sobre a euxenesia e que a diferenciaba desa idea que serviu de doutrina para a solución final?

É difícil explicar a idea que tiña Aurora sobre a euxenesia. Non pode entenderse sen o contexto. Na época existe un problema en canto ó crecemento poboacional en relación ós recursos existentes que son necesarios para a vida, o que fai que xurdan toda unha serie de teorías que teñen que ver coa mellora da sociedade. Existen as primeiras teorías sobre o control da natalidade pero tamén existe a idea de que a forma de mellorar a sociedade é a partires da unión dos homes e mulleres máis “aptos” e que por transmisión xenética os fillos destes serían “seres humanos mellorados”, e aínda que hoxe nos pareza unha barbaridade, este era o pensamento dominante. Logo Aurora era defensora da euxenesia, pero en realidade Aurora era unha muller do seu tempo pese a tódolos condicionantes por ser muller, e na procura dun idealizado cambio social decide emprender un plan euxenésico e levalo ata as súas ultimas consecuencias. Creo que esa é a clave.

Hildegart tamén tivo unha intensa, aínda que curta, actividade política, primeiro no PSOE de Pablo Iglesias, e despois no Partido Radical Republicano, ¿podería considerarse daquela unha revolucionaria?

Foi educada para eso. En realidade o complicado para Hildegart debería ser pensar nunha clave distinta á revolucionaria. Métenlle na cabeza desde nena que foi concibida para redimir ás mulleres e á clase obreira, imaxino que debe ser unha gran carga para unha nena pero ¿como vas pensar?, ¿como vas actuar?, ¿como te vas expresar? Se a túa misión é a revolución.

Fotograma de ‘A Virxe Roxa’, de Marcos Nine © Marcos Nine

O Ferrol que coñeceu Aurora tamén era un fervedoiro do movemento obreiro, e ela que facía fincapé na educación, promoveu iniciativas como a do falasterio, ¿cal era o ambiente social en Ferrol naquela época? E ¿en que consistían esas institucións?

Ferrol tiña que ser un sitio complexo. Coa perspectiva de hoxe non é fácil entender a magnitude do que significou a creación dos asteleiros para a armada. Hai que pensar que eso provoca un éxodo enorme das zonas do interior cara a Ferrol, e que aí conflúen, unha poboación fundamentalmente obreira que medra de maneira desproporcionada en moi pouco tempo, os militares, os mariños que chegan a porto desde calquera parte do mundo e un poder relixioso moi arraigado no tecido social, co cal si era un lugar propicio para o florecemento de novas ideas pola confluencia de xentes de orixe tan diversa, pero tamén era un lugar onde existía pobreza, onde a explotación laboral era unha constante, había fame, e onde todo isto derivou en ideas políticas que demandaban máis dereitos para os traballadores.

En canto ó falansterio, é unha idea que parte da procura dun ordenamento social máis xusto no que se promove a ruptura da unidade familiar convencional, que se considera como o xerme da perpetuación da desigualdade. E o que plantexa é unha unidade colectiva. Un grupo de mulleres e homes que residirían nun espazo colectivo no cal se repartiría de maneira equitativa os traballos e os beneficios. A educación dos fillos non correría a cargo de pais e nais senón que se faría de maneira colectiva para educalos na idea do común.

A música tiña un papel destacado na educación ideal de Aurora, como demostrou na educación da súa primeira creación, Pepito Arriola, máis tamén na túa película é adecuado subliñar, ¿como se creou a banda sonora de “A virxe roxa” e quen foi o encargado de creala?

A música orixinal compuxoa Arturo Kress, un magnífico compositor, que xa estivo nomeado ós Goya por “El bosque animado”. Despois hai moito de Pepito Arriola que eu levaba escoitando desde a fase de escritura, creo que hai secuencias que xa estaban escritas coa música na cabeza. E despois hai outras pezas que fun escollendo sobre a marcha. A elección da Canción de Solveig da Sinfonía Peer Gynt, foi moi importante porque sabes que a canción que escolles para o momento clave remata sendo a canción da película.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.