Laroá: “Para nós utilizar os cantos das nosas nais e avoas, é unha maneira de continuar coa tradición, de seguir transmitindo esas historias”

Entrevistamos a Laroá, un proxecto musical que transita polos camiños da word music e, sen esquecer as súas raíces, está aberto á fusión do jazz, da lusofonía e da música latina

Por Angelo Nero

Laroá é un proxecto ligado cos sons da terra, coa música de raíz, con ese “trad” que agora agroma con forza, máis tamén ca chamada word music, na que se pode mesturar dende ritmos latinos ata jazz. Eles naceron en 2016, da man do batería Franc Gorriz e do gaiteiro e percusionista Miguel Fragas, os que se foron sumando un feixe de estrelas, como o trompetista Javi “Gdjazz”, Rosolino Marinello ó saxofón, clarinete e frauta, ou o baixista Rafa Morales, ata formar esta constelación chamada Laroá, na que, nunha primeira formación, puxo voz Davide Salvado. Foi na Festa do Ravachol en Pontevedra. Despois dese bolo incorporouse Sheila Patricia. Cando Sheila deixou a formación tomou o relevo na voz a cubana Diana Tarín.

Porqué Laroá semella un organismo vivo e dinámico, como a súa música, e co tempo foi engadindo ritmos e músicos, e non so, pois tamén o seu espectáculo conta cun importante aporte audiovisual, da man de Carlos Andrés Pereira, un traballo que antes compartían Juan Cella, Miguel Fragas e Franc Gorriz. Agora están presentando “Camiños”, e deses camiños recorridos por Laroá falamos con eles, no seu andar na procura por atopar o seu particular sendeiro musical.

Xa son uns anos os que levades no camiño, máis interésame, para comenzar, descubrir como foron eses primeiros pasos, ¿que vos impulsou a comezar esta nova aventura musical, e que pensabades aportar á escena galega que nos últimos anos semella inmersa nunha certa revolución trad?

Miguel máis eu coincidiramos nun grupo chamado Banda Baile Asalto. Ao rematar esa andadura musical tiñamos claro que queríamos seguir traballando xuntos. Se che son sinceiro máis que pensar no que queríamos aportar a escena galega pensamos no que nos apetecía facer. Sabíamos que se éramos honestos con nos mesmos sen pensar no que estaba de moda ou que a xente lle gustaría escoitar, faríamos algo que lle chegaría as persoas. Simplemente a idea era partir da música de raíz de orixe lusófono e mesturalo con harmonías jazzísticas dando espazo a solos.

Como dicíamos, Laroá é unha formación pola que pasaron xa bastantes músicos, quizais a novidade máis salientable, neste “Camiños” sea o cambio de voces, que abren o abanico á outros sons, como os que veñen da lusofonía. Contádenos, ¿cales foron eses cambios na formación, e de que xeito mudaron o voso son?

Cando se gravou o disco, Diana Tarín engadiu bastantes voces, por certo fixo un moi bo traballo. Para levalo ao directo engadimos dúas coristas, éramos 8 músicos en escena! Nun momento dado Miguel tivo a idea de que foran dúas cantantes as que estiveran en primeira liña. A cousa era que unha fixera os temas de orixe galego e a outra os de fala portuguesa pero traballando moito as voces, onde ningunha delas fora protagonista, onde ambas as dúas foran como unha. Nese momento Diana decide deixar o banda e entran en escena as dúas cantantes actuais: Madalena Gamalho y Sandra Lima. Estamos encantadísimos e impresionados do traballo feito por elas. De feito é unha das cousas do espectáculo que a xente remarca.

No voso primeiro traballo, “Proxeccións”, contades coa colaboración de Kepa Junkera, e tamén de Gabriel Peso, Davide Salvado e Jaime Rebollo, ¿como xurdiu esa colaboración e neste novo “Camiños” contades tamén con aportacións doutros músicos?

Pois mira, case todos os que nombraches son amigos. O tema de Kepa Junkera foi do seguinte xeito. Miguel pensou que a colaboración de Kepa sería una achega enorme ao noso traballo, é un músico que admiramos moitísimo. Así que chamouno e Kepa dixo que si, jaja, así de sinxelo. É extraordinaria a xenerosidade desta persoa. Por certo aproveitamos esta entrevista para enviarlle una forte aperta.

Para a música tradicional, é moi importante, e vos facedes fincapé nelo, o papel dos informantes, que están presentes dalgún xeito no voso espectáculo, con especial atención ás mulleres, como depositarias da nosa tradición. ¿Quen son esas informantes, e ata que punto é un eixo sobre o que gravitan moitas das vosas composicións?

As informantes son as nosas nais, as avoas, as tataravoas… que de maneira lúdica interactuaban entre elas para cantar/contar historias deixando así un rexistro que pasaba de xeración en xeración. Para nós utilizar eses cantos é unha maneira de continuar coa tradición, de seguir transmitindo esas historias.

O camiño de Laroá, como o de moitos músicos, foi truncado pola pandemia, máis esta deuvos azos para seguir camiñando, ¿como leváchedes o confinamento, e como afrontades a xira que iniciades despois de rematar este período de tantas incertezas para a industria musical?

O confinamento levámolo como a maioría de xente e grupos, con resignación e impotencia. Ao mesmo tempo foi unha oportunidade para compoñer e pensar en ideas para o directo. E como non, gravamos un tema, audio e vídeo, como fixeron outros tantos grupos, Ai Dolores!  

A xira que iniciamos despois foi complicada de datas. Tódalas bandas estaban con moitas gañas de concertos e a competencia foi dura pero aínda así non nos podemos queixar.

O voso espectáculo é, sen dubida, para disfrutar en directo, como unha experiencia sonora, pero tamén visual, aínda que non desprezades tampouco a difusión da vosa música nas plataformas. ¿Segue sendo o directo ó obxectivo primordial da vosa música? ¿Para apreciar o traballo de Laroá é imprescindible asistir a un dos vosos shows?

Sen dúbida a música en directo chega de outro xeito, as sensacións sonoras e visuais son completamente diferentes. O rexistro da música foi sen dúbida un avance tecnolóxico moi enriquecedor, en tódolos aspectos, pero un directo é incomparable, a música sempre mellor en vivo.

Sempre conto o mesmo cando falo de Laroá. Non facemos unha música comercial, mainstream. Pero é un espectáculo que atrévome a recomendalo a calquera persoa. Non quero semellar pretencioso pero é algo feito con moito agarimo, bonito, coidando cada detalle, os arranxos, as imaxes, a posta en escena. Todo está pensado, non hai nada que non teña que estar, nada de recheo. Cando algo se fai dende ese lado acostuma a funcionar e Laroá funciona.

Para os que aínda non puideron ver e escoitar o voso espectáculo, ¿tendes algunha data pechada para este verán?

Pois si, temos xa algunhas datas pechadas e outras a punto de pecharse. Por agora podemos confirmar que o 16 de xuño imos estar en Cotobade, o 3 agosto no Festival Noites de Jazz de Rianxo e o 18 de agosto en A Guarda. En breve sairán máis. Podennos seguir nas RRSS, Facebook, Instagram e na nosa web.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.