Sheila Patricia: “As músicas temos que dar fe da realidade do que está pasando e do que pasou. Creo que é a nosa obriga”

Maneo de Caión é un tributo á muller labrega, especialmente nos períodos de emigración, que moitas veces non se reivindica esa posición da muller galega, que ó final o home marchaba e ela quedaba ó cargo da casa, dos nenos, de todo, e quedaba sola, era como unha viúva en vida

Foto: Nuria Cancela

Aquí en Galiza nosoutros témolo, temos contadores, temos danza, temos unha poesía, unhas coplas populares que se poden reconstruír, temos autoras e autores, e temos iso un pouco espallado, se saes do tradicional, propiamente, está todo moi espallado, e ó final pode ser todo unha familia única

Por Angelo Nero

Filla do cantante arxentino Héctor Findell, e da poeta de Cesantes Xulia María, semella que Sheila Patricia alimentárase xa dende o berce dun universo de versos e cancións, que tería por forza que agromar na súa propia voz. ¿Como influíu en ti esa herdanza cultural, con que músicas medraches, e que lecturas marcaron a túa adolescencia e espertaron en ti o desexo de converterte en cantante?

Evidentemente, meu pai e miña nai teñen moito que ver co meu imaxinario. Na miña casa sempre houbo música, ademais esta é unha casa grande, e sempre había moitos convidados artistas, e para min foi fundamental. Da miña nai me chegaron as primeiras lecturas e recordo moi ben cando miña nai me regalou “El mundo de Sofía”, que con esa idade, imaxina, e tamén noveliñas, que me determinaron totalmente.

Eu estudei filosofía, despois un pouco nese mundo foi onde naceron as primeiras cancións, onde naceu a miña música, nese mundo entre os libros e a música, que chegaron moi pronto, con catorce ou quince anos compuxen as primeiras cancións. E tamén chegaron músicas de Latinoamérica, e a literatura universal, en especial os poetas: Neruda, Miguel Hernández, toda a xeración do 27, Lorca, por suposto. E todo iso viu da parte dos meus pais, claro que iso foi determinante.

Ademais da música e da poesía, hai outra disciplina cultural moi importante para ti: a danza ¿como chegaches a ese mundo e que relación ten coa túa iniciación na música? ¿foron paralelos ou diverxentes, os vieiros que te levaron a decidirche finalmente polo mundo da canción?

A danza chegou como algo de ocio, primeiro coas danzas latinas, coas danzas do pobo, un pouco, e despois co tradicional. Aquí temos un entroido moi importante, o entroido de Cobres, e entón eu aí fixen as primeiras incursións, tanto tocaba como bailaba. E nas viaxes a Cuba, cos meus pais, cos que comecei a viaxar cando tiña catorce anos, aí entendín o poder que ten a danza. É exorcistante, un pouco, a nivel emocional, a nivel mental, a nivel humano, ó final. Entón, a danza sempre estivo comigo, e eu sempre contemplei a parte rítmica, aínda que non está moi moito no inicio da miña música, está máis no que estou facendo agora. Toda esta parte sempre estivo dentro de min, ó final, e é parte da miña formación.

Eu contemplo nun escenario a canción, como a poesía, pero o movemento é importante tamén para min, como te expresas, como moverte ou como non  moverte, porque, ó final, cando ti estás entregando unha poesía, cando estás entregando algo moi profundo, como antes cando falabamos de García Lorca, e é ese o único protagonista, e aí o movemento ten que ser algo sinxelo, pero hai outras músicas que acompañan. Ese vínculo para min sempre foi súper importante, e ademais dentro de min, contemplándoo como o nacemento, a creación, para min están fiados os dous.

Estudaches filosofía e algunha vez dixeches que sen ela non te terías dedicado á música. Sorprendeume un pouco iso ¿que atopaches na filosofía que te animara a subirche a un escenario?

Eu teño que dicir que durante a época da facultade, eu estiven renegando da música, catro ou cinco anos, e eu cando cheguei á facultade topei un parque de xogos marabilloso. Eu topeime cun lugar onde, de pronto, había xente de vinte anos coa que podía pasar charlando cinco horas despois de clase, do que falaramos na clase. Foi impresionante, queiras ou non, vindo dun pobo coma este, pois non tiña moita xente coa que falar disto, máis ca na casa.

Foi sumamente importante, pero, fíxate que na ausencia as veces decátaste do que é importante para ti. Eu pensaba atopar unha facultade na que houbera moita creatividade, na que se incentivara isto no alumnado e non pasaba, desgraciadamente. Si que había moito incentivo do raciocinio, do intercambio de opinións, pero non había esa parte, e entón, eu, que deixei durante catro anos a música, estaba moi metida na danza e na filosofía nesa época, dinme de conta de que me estaba faltando algo, e ese algo era a música, que era a miña fonte de creación. O final esa experimentación do raciocinio e todo iso, levoume a darme de conta de que a orixe miña, era a miña base de creación e de movemento.

É unha resposta ambigua, é un pouco paradóxica mais ben, pero neses explotar e experimentar co raciocinio dáste de conta que a creatividade é moi importante, e non está no raciocinio, moitas veces, se non que está noutra parte. Sen esa parte da miña vida, sen ese experimentar o pensamento, probablemente non terían as miñas cancións o que teñen hoxe en día.

Foto: Aitor Ramos Soto

De tódolos xeitos seica o teu comezo na música non foi doado, custouche atopar o teu espazo, ata que fuches seleccionada para un certame en Compostela, e iso deuche azos para comezar a traballar no teu primeiro disco “El camino de los sueños”. ¿Como foi o proceso de creación dese traballo, que gravaches en Madrid, e os primeiros concertos, xa cun disco no peto?

Nese ecosistema da facultade e da filosofía, presento un tema a un certame, Santiautor, e despois tamén a un de Burgos, que foron os determinantes neses anos. E foi unha odisea, eu non tiña como gravar, non tiña nada, estaba desvencellada totalmente da música, nese momento, e entreguei o tema tarde, con problemas de son, e cando me chamaron para seleccionarme nas finais, dixen: pero isto é impresionante. Con todos os problemas de gravación que me supuxo, e aínda así me seleccionaron, aquí debe haber algo interesante. E aí comezou todo, comezou a fraguarse ese primeiro disco, que son todo cancións da adolescencia, e foi unha compilación de toda esa música que me acompañaba ata ese momento.

Decidín a partir de aí dedicarme á música, a partir dos certames, marchei a vivir a Madrid, un pouco nesa cousa que facemos os artistas, bastante equivocado, por certo, e aí xurdiu ese disco, case fortuitamente. Eu fun gravar uns vídeos e, ó final, decidimos que ese audio podía ser un disco, aínda que ni tan sequera era intencionadamente un disco. E así xurdiu ese primeiro disco, que, ademais, se gravou nun estudio súper importante, en directo. E foi todo un proceso de renacer, porque eu viña ca música de toda a vida, pero houbo un parón e nese momento foi como renacer.

E ten ese nome “El camino de los sueños”, porque era como un soño nese momento, porque era unha cousa que non se sabía, se podería ser. O día que me dixeron que estaba seleccionada para o certame compuxen esa canción. A intención é que con traballo, con persistencia, con moito cariño sobre o que fas, pódense realizar eses obxectivos.

E eses primeiros anos xa te imaxinarás, fixen bolos ata na igrexa. Fixen bolos en todos lados, nas casas, nas igrexas, nos bares, en todos lados. Moita rodaxe. Foi un entrenamento marabilloso.

Seica o cantautor arxentino Rafael Amor foi unha inspiración no comezo da túa carreira. ¿velo como público nun concerto teu debeu ser un gran aliciente para reafirmarte no teu desexo de dedicarte á música?

Si. Rafa sempre estivo na casa, era amigo dos meus pais, e de pequena sempre foi para min unha figura moi impoñente, tanto a nivel persoal como creativo, e para min a proba máis difícil que tiven que pasar foi cando Rafa viu a un concerto meu, que me puxen máis nerviosa que na miña vida. E foi en Madrid, nun barciño, ó lado de Sol, e lembro ese día perfectamente. Tocaba cunha chica que viña a acompañarme. Pero non pasou nada, deume o seu beneplácito, e pareceulle moi bonito. A verdade e que foi unha figura fundamental para min, para entender a maneira de cantar, de compoñer, e o oficio de artista, de compositor. Para min foi fundamental como el o entendía, dende o día que comezou a cantar, ata o día que morreu Rafa dedicouse á música, e iso é o oficio, o traballo de forza e de persistir.

Comezaches a dar concertos por varias cidades da península, e non tardaches en cruzar o Atlántico para levar as túas cancións a Arxentina e Cuba ¿como foi esa experiencia, e como marcaron os aires da nosa América ó universo musical de Sheila Patricia?

Arxentina é completamente determinante para min. Arxentina ten uns ritmos moi ricos é a min inspírame moito, e o final hai unha mestura inevitable na miña música. Cando eu me poño a compoñer, o fago con cousas de aquí, pero con patróns rítmicos de ala, ou me poño a compoñer unha muñeira que ten unha harmonía de chacarera arxentina. E o mais impresionante de Arxentina foi ver un tratamento do folclore, da música da súa terra, desa construción de identidade, como pobo, que vai máis ala das cuestións políticas, moitas veces. Ese enxalzamento completo das súas danzas, dos seus ritmos, dos seus cantores e cantoras, dos poetas, e esa unificación que hai entre a danza, a poesía, a música, os contadores… iso que é transversal e que aquí estamos perdendo, e iso é o que constrúe un país ó final.

Aquí en Galiza nosoutros témolo, temos contadores, temos danza, temos unha poesía, unhas coplas populares que se poden reconstruír, temos autoras e autores, e temos iso un pouco espallado, se saes do tradicional, propiamente, está todo moi espallado, e ó final pode ser todo unha familia única. Iso me ensinou Arxentina, a aunar ás artes.

E Cuba é ritmo, alegría, alí a música é unha festa. A música pode ser unha festa, e converterse nun punto de unión moi importante. Arredor dunha guitarra ou dunha percusión pódese xuntar a dez persoas de dez países diferentes que o van a pasar súper ben, aínda que teñan dez linguas diferentes vanse entender. Eu con Cuba aprendín a apertura, ese poder de unión da música.

Con “Maneo de Caión” marcas un novo rumbo na túa carreira, cunha forte conexión coa terra, coa música de raíz, cos sons tradicionais, pero cun horizonte de modernidade que está ben marcado nese impresionante videoclip de lanzamento. ¿Que destacarías do proceso de creación deste tema e do vídeo que o acompaña?

“Maneo de Caión” foi un traballo en conxunto con Aitor Ramos, e foi unha implicación man a man, incluso tiñamos as nocións da historia na cabeza, pero rematouse de configurar a medida que íamos preparando o traballo. Foi tamén a primeira vez que enfrontamos un traballo audiovisual a nivel tan potente, traballamos na miña imaxe, na identidade que queríamos proxectar, na música que estou sacando nova, que vai nestes aires. E este traballo foi duro, pero foi marabilloso, porque crea, de pronto, un séquito de xente arredor traballando contigo. É marabilloso ver de pronto que o teu proxecto pode ser interesante para un montón de xente, que hai xente con ganas de traballar nel. Iso é unha das cousas que máis podo resaltar deste traballo.

E despois, que queriamos volver un pouco á orixe, iso que é un tributo á muller labrega, especialmente nos períodos de emigración, que moitas veces non se reivindica esa posición da muller galega, que ó final o home marchaba e ela quedaba ó cargo da casa, dos nenos, de todo, e quedaba sola, era como unha viúva en vida. E aquí houbo unha guerra, a parte dos outros períodos da emigración tamén a Suíza, e outros países, que as deixou soas por múltiples motivos, e foron mulleres que quedaron no silencio. Porque ó final no cotiá parece que non hai nada salientable, pero para min no cotiá está o mais bonito, traer á música o que significa unha nai que leva adiante unha casa, que che fai unha comida rica, iso é un agasallo marabilloso, que sustenta todo.

Xa que falamos da homenaxe ás mulleres galegas que tiveron que erguer un país desangrado pola represión e pola emigración. ¿Pensas que é importante ollar cara o noso pasado, entendendo, para construír o noso futuro, a escoitar as voces tantas veces silenciadas, como as das nosas mulleres naquela longa noite de pedra?

Por suposto. Nos falamos sempre que se non sabes de onde ves, dificilmente podes enfocar para onde vas. É como unha árbore, se ten unhas boas raíces vai a florecer mellor. Esa ollada para o pasado está en todo o meu traballo. Porque, ademais, temos unha tradición moi bonita, moitas veces sobre situacións complicadas, constrúense a nivel artístico as obras máis bonitas. Viuse coa pandemia, viuse coa guerra, viuse en Arxentina coa ditadura, co florecemento do rock arxentino, reivindicativo. E nos temos esa labor, as músicas temos que dar fe da realidade do que está pasando e do que pasou. Creo que é a nosa obriga. Non creo que sexa nada máis que algo que un decide, senón que é a nosa obriga, un non pode compoñer no 2021 pensando que está compoñendo en 1950. Eu, en 2021 compoño con 2021, con 1950, con 1936. Ó final somos fillos doutras épocas, e doutras situacións. Aquí, en Galiza, ten unhas características, e ten unha historia, e creo que hai que dar fe desa historia.

Ultimamente vímoste tamén participando no documental “Acorda”, coa direción artística de Uxía Senlle, na que se recorre varios lugares sinalados da nosa Memoria agochada, e seica vas participar tamén na homenaxe ás vítimas do franquismo na illa de San Simón. Creo que ti incluso tes unha vinculación a través da túa familia coa historia dese illa que foi campo de concentración franquista…

Si, para min é unha honra que me chamen para participar. Eu falei con Luís Bará hai un tempo e lle dixen: para o que necesites. E despois viu a pandemia e houbo un parón, foron épocas complicadas. Pero si, a avoa da miña nai foi unha das madriñas de Redondela. E moitas veces nas familias non se conta moito desto, e tamén penso que hai que facer memoria e honrar a estas mulleres, en este caso de Redondela, e tantas outras persoas que tiveron que facerlle fronte a toda esa barbarie. Nos temos a sorte de vivir nunha época na que pasamos outras cousas, pero, por sorte, non nos ven ninguén a buscar á casa. Pero iso pasou onte. Nos coñecemos a persoas que pasaron por iso, non nos queda tan atrás. E para min é unha honra formar parte diso, e ademais penso que me toca, penso que é a miña obriga.

¿Cando chegará a nós o teu próximo disco, e que novidades nos agarda nel?

E un disco do que falamos, un pouco de tradición, un pouco de mestura, porque eu fago unha experimentación coa tradición, collo as músicas de aquí, de sempre, que son as que cantaban as mulleres, e experimento un pouco con eses ritmos. A min dinme: pero, ¿porque os tradicionais son tan así? Como que son moi fieis a como se toca. E eu o entendo e o respecto, pero nesta tensión entre o que eles queren conservar, á construción, porque ó final é o que lle contaron, e a experimentación que eu quero facer, é onde as dúas se sosteñen. Creo que temos unha tradición moi rica, unha tradición oral que non todos os pobos teñen tan forte, e penso que paga a pena pasar por aí, que todos os músicos deben investigar un pouco. Se es galego tes que investigar por aí, porque hai unha chea de cousas boísimas para sacarlles partido.

E este disco vai un pouco por aí, ten unha mestura tamén coa electrónica, non é moita, polo que falabamos, eu vivo no século XXI e, ó final, gústame experimentar cos sons, como se pode agora mesmo. Ademais temos a sorte que non teño que ter unha banda sinfónica nin un cuarteto de corda nun concerto, podo gravalo e poñelo en modo dillei e podo xogar con eses sons cun ordenador. Eu teño unha idade na que están eses sons nos meus oídos todo o tempo, está o máis clásico, pero tamén está o máis moderno. Ademais me parece moi divertido facer esa experimentación, así que o disco chegará a finais de ano.

Para rematar, o novo espectáculo, que sensacións te está dando…

O novo espectáculo é marabilloso, chamase “Simbiose” xustamente nesa mestura entre a tradición e a electrónica. Moi ben, tivo moi boa acollida, fixemos unha primeira presentación, e é un espectáculo que ten moita forza. Teño a dous marabillosos músicos comigo, que son Gabi Reboredo que é un chico que ben da tradición xustamente, e Lucía Cortiñas, os dous son percusionistas, ela toca percusión máis xenérica, digamos, e el toca percusión galega. E coas súas voces, tamén, facemos unha mestura. E eles déronme esa forza da percusión, que ademais son instrumentos de aquí, e esta tendo moi boa acollida, a verdade. Está interesando, esta gustando, e esperamos poder movernos con iso, a ver se hai sorte.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.