En cada copla tradicional está a nosa identidade coma pobo
Por Angelo Nero
Aida Tarrío e as xemelgas Sabela e Olaia Maneiro, son tres revolucionarias da música tradicional, modernizando o folclore galego dende o ano 2018, e xa con dous albums no peto, unen a musica de raíz, a perspectiva de xénero e a identidade rural, cunha forte aposta pola modernidade, que impregna as súas músicas e, moi especialmente, os seus vídeos.
Reivindicades o papel das cantareiras e das pandereteiras, que sempre estiveron nun segundo plano no noso folclore, no que os gaiteiros eran os valorados. ¿Pensades que o patriarcado tamén deixábase sentir aquí, no mundo da música tradicional, como en tantos outros eidos da nosa sociedade?
O patriarcado estaba e está implantado na nosa sociedade, polo tanto no mundo tradicional non ía ser menos. As pandeireteiras estiveron infravaloradas polo mero feito de ser mulleres. Estamos seguras de que si foran tocadores en vez de tocadoras o as pandeireteiras terían máis prestixio.
Tamén facedes moito fincapé nas recollidas do noso cancioneiro rural, desa etnografía musical que, grazas a un montón de xente bastante anónima, rescatou un patrimonio que, en moitos casos, so se conservaba por unha herdanza oral que, en moitos casos, estaba abocada a desaparecer. ¿Ese patrimonio popular é o xermolo de Tanxugueiras, o desexo de que ese tesouro das cantigas das nosas avoas non desapareza?
En cada copla tradicional está a nosa identidade coma pobo. Nelas explícannos como vivían e como sentían, e queremos deixar o noso gran de area con coplas feitas por nós, e que co tempo formen parte da nosa tradición.
O lanzamento do voso primeiro álbum homónimo, en 2018, foi unha autentica revolución no panorama da nosa música popular, e boa mostra diso e que nos seguintes tres anos non deixaron de chegar actuacións, non so en Galiza, senón que vos levou a escenarios de todo o mundo. ¿Cómo foi ese despegue de Tanxugueiras, “ata o infinito e máis alá”? ¿Sorprendeuvos a resposta dos programadores e o apoio entusiasta do público?
Foi o noso primeiro disco. Cando comezas non sabes como vai a funcionar, como vai a responder a xente… pero foi toda unha alegría saber que o que se fixo con tanto cariño gustara e chegara tanto o público coma ás programadoras e aos programadores.
O inventario de recoñecementos é realmente abraiante: Premios MIN da Música Independente, o Martín Códax, finalistas no Scots Trad Music Awards e no Mestre Mateo cos vosos vídeos, o aR(t)mar, o World Music Charts Europe… Semella que a crítica tamén abala o voso proxecto. ¿Que importancia lle dades a estes premios, dentro e fora do país, e a boa valoración que fai a crítica do voso traballo?
Que xente con criterio musical valore o teu traballo con tan boa puntuación para nós é un premio a todo o esforzo, traballo e ilusión posto en cada copla e cada melodía.
“Contrapunto”, editado en 2019, e un disco con moito compromiso, máis tamén con temas festivos, lémbrame aquilo de “martxa eta borroka” (festa e loita) da xuventude abertzale dos oitenta, salvando as distancias. Vos tendes fama de guerrilleiras, máis tamén sodes de troulear, non si?. ¿Quere recoller este disco esa dualidade, esas ganas de loitar, máis tamén de festexar?
Contrapunto é un claro exemplo de que con só voz e percusión podes chegar a facer un disco e un espectáculo á altura de calquera escenario. Necesitábamos facer ese disco para o noso empoderamento persoal e tamén para apoiar ou estimular o empoderamento de calquera pandeireteira.
Xavier Díaz acuñou o termo de “Trad” para definir proxectos como o voso, na procura de afondar na música de raíz, no tradicional, per cunha modernidade que no voso caso fai que a vosa aposta sexa máis atractiva para a xente máis moza, incluso para os que están máis afastado da música popular. ¿Estamos asistindo a unha nova posta en valor, con aparente éxito de crítica e público ademais, da nosa música con raíces, con apostas como Baiuca ou Tanxugueiras?
Todo é cíclico e todo muda continuamente. Xa o fixeron outras artistas antes ca nós; mais temos a sorte de estar no momento onde están a mudar cousiñas e onde, por fin, semella que a música de raíz vai a ocupar o papel que se merece.
Se xa non era moi doado vivir da música antes, coa pandemia o tema púxose realmente complicado para moitos profesionais que tentaban vivir con dignidade desta actividade cultural. ¿Cómo foi a vosa travesía por ese ano longo de confinamento, peches perimetrais, e cancelación de festivais e de moitas salas que deixaron de programar pola ameaza do Covid?
O comezo da pandemia foi bastante desolador. Cancelábanse concertos e non sabiamos cando remataría todo para poder volver aos escenarios… pero fomos quen de cultivar a paciencia e pararnos para ver por onde queriamos avanzar.
Con “Midas” e “Figa” subides a outro nivel en canto á produción audiovisual do voso proxecto, a vez que facedes máis evidente o empeño en fusionar a tradición coa modernidade, os ritmos urbanos cos rurais. ¿E agora, neste mundo dixital, máis importante que nunca a imaxe, o apoio audiovisual para espallar calquera proxecto musical?
Hoxe en día, grazas tanto ás plataformas dixitais coma as redes sociais hai máis posibilidades de chegar a outros públicos. E sabemos que imaxe é importante, pero tendo sempre moi claro que iso non implica deixar de ser nós.
Seica tendes un forte compromiso non so co noso patrimonio cultural, senón tamén coa defensa do medio ambiente. Tamén fai pouco soaron as vosas cancións ás portas do Pazo de Meirás, apoiando ó movemento memorialista. ¿A vosa música tamén ten un compromiso social e reflexa as vosas inquedanzas?
Cremos que temos un altofalante nas nosas mans e que o queremos utiliza. Cando vemos inxustiza tentamos prender o micrófono para falar as cousas abertamente, do que pensamos e do que somos.
Se el primero en comentar