Comunicado da Iniciativa Galega pola Memoria
Recoñece o labor da Deputación e da CRMH da Coruña, así como dos investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo polo seu inxente traballo, base do impecábel informe xurídico encargado pola Vicepresidencia Provincial, que serviu de soporte á demanda do Estado auspiciada por institucións galegas
A Iniciativa Galega pola Memoria, que reúne a colectivos de todo o país, quere amosar publicamente a súa satisfacción pola sentenza da maxistrada do xulgado número 1 da Coruña, Marta Canales, que condena á familia Franco a devolver o Pazo de Meirás sen ningún tipo de indemnización. Consciente da cautela que supón estar ante un xulgado de primeira instancia, a IGM agarda que os tribunais responsábeis de dirimir os recursos da familia do ditador avalen o fundamentado fallo e convertan en firme a devolución, posibilitando que o Pazo de Meirás, ata agora símbolo da impunidade e o espolio franquista, mude nun espazo destinado á recuperación da memoria democrática galega.
O movemento memorialístico galego ten claro que a histórica sentenza non se podería ter producido sen a importante mobilización social en pro da memoria democrática que vén realizando desde hai vinte anos a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña así como sen o inxente traballo de investigación desenrolado por Carlos Babío Urkudi e Manuel Pérez Lourenzo, que serviu de base ao proceso iniciado pola Deputación da Coruña a través da súa vicepresidenta, Goretti Sanmartín, coa creación da Xunta Pro devolución do Pazo e a elaboración do impecábel informe xurídico base da demanda interposta polo Estado, tras os acordos auspiciados nese senso polo anterior Parlamento galego, a Xunta de Galicia e os concellos de Sada e A Coruña, entre outros.
Para a IGM, a sentenza da maxistrada Canales evidencia “o entramado de complicidades que desde o inicio da Transición vén protexendo os intereses e os negocios da familia Franco” e lembra que Meirás e só “a punta do iceberg” do espolio, polo que insiste na necesidade de investigar e recuperar todos os bens espoliados así como de aprobar unha lei de memoria histórica moito máis ambiciosa que serva para desmantelar todos os vestixios franquistas e acabar de vez coa impunidade. Nese senso, recalca que este é o camiño das forzas democráticas e non o de amparar a procesados por crimes franquistas, como para bochorno de calquera demócrata ocorría na véspera desta histórica sentenza. Nese senso, a IGM alerta da posíbel aparición de presións para condicionar as decisións de instancias superiores o que suporía unha grave eiva democrática. E agarda que tamén haxa unha sentenza favorábel para @s 19 de Meirás.
Se el primero en comentar