Vigo foi de Tertúlia a Castrelos coas Fillas de Cassandra

Foto: Candela Lora

Crónica do concerto de Fillas de Cassandra no auditorio de Castrelos de Vigo, celebrado o domingo 16 de agosto de 2026, como parte do festival Fnac Live.

Por Angelo Nero | 4/09/2026

Descubrín ás Fillas de Cassandra no V aniversario da sala viguesa Doppler, onde partillaban cartel co grupo do meu sobriño, Kings of the Beach, en decembro de 2022. Achegárame para gozar con outra descarga do punk-rock garagero da que era seareiro, e atopeime coa sorpresa de que non quedaban entradas. Menos mal que Samu estaba na porta e me colou. Paseino en grande co show dos KOTB, que nunca defraudaban en directo, e a seguir tiven unha auténtica epifanía con María Soa e Sara Faro, dúas rapazas que mesturaban dun xeito sublime a música tradicional, a urbana e a electrónica. Vinas moitas veces dende entón, en escenarios pequenos onde ían medrando, ata converterse nunha auténtica revolución musical, dentro e fora da nosa terra. Os Kings deixaron de reinar fai dous anos, despois dunha década recorrendo toda a península, cruzando o charco para tocar en Austin e New York, e ata para facer unha xira mexicana, pero nunca pisaron o escenario de Castrelos. Semella que os nosos grupos non son bos dabondo para o goberno local. Viñeron demostrar o equivocados que están os nosos gobernantes, desbordando o auditorio de Castrelos, non so cunha proposta musical feita na nosa cidade, en Vigo, senón que, ademais, cunha proposta cultural que emprega a nosa lingua.

Quixen estirar a xornada de máis, praia pola mañá e monte pola tarde, mergulleime no mar de Coruxo e camiñei polas grallas do Galiñeiro, de tal xeito que fixen escarnio dos reloxos, e cando cheguei á Finca da Marquesa xa rematara a actuación de Eladio, outra das referencias da música local. Mágoa non escoitar Acordarei nese escenario, como escoitara no areal de Santa Baia, na gravación do documental sobre os nosos espazos de memoria. Castrelos xa estaba ateigado de xentes de tódalas idades, familias enteiras, moita rapazada, vigueses e viguesas con ganas de festa. Así que tiven que subir ó poleiro, e por sorte atopei un oco xusto antes de que María e Sara saísen ó escenario. Unhas enormes pantallas achegaban ás Fillas de Cassandra a todo o público, por afastado que estivese.

Aínda facía calor, así que María e Sara quitaron as cadeiras para “Saír á fresca”, como unha invitación a abrir a “Tertúlia”, como se chama o seu último traballo. “Este momento estivo sempre no imaxinario de Fillas desde que naceu e hoxe vólvese tanxíbel. Estamos ó lado do parque que nos viu crecer , no que xogamos tantas veces e onde estivemos escoitando tantos concertos coas nocas familias e amigas. Hoxe, tocamos nós.” Declaraban pouco antes de saír ó Faro de Vigo. Toda unha declaración de intencións é tamén a letra desta canción: “Incisivas, de mordedura contaxiosa / Suorosas, auga gloriosa, auga santa / Non ansiamos dogmas, solo mantras / ácidas con pica / Queremos ser obra de Tamara de Lempicka / Santa Rita / O que che dou non se che quita.”

E obrigado salientar que as Fillas non viñan soas, traían de tertúlia a unhas boas amigas: Vicky González, na batería, Icía Varela, na percusión e Elena Domínguez, no chelo, e ademais, as tres acompañaban coas voces.

Seguiron de tertúlia con “Alboroto”, un tema con moitas capas e texturas sonoras, na que mesturan cunha alquimia perfecta a tradición das pandereteiras coa vangarda máis electrónica, a reivindicación feminista coa festa rachada, un tema para bailar e para pensar, como moitos dos que forman o seu repertorio, ¿que non sabes quen era Ana Mendieta? Pois xa tes deberes para despois do concerto. É que os temas de Fillas son para bailar, para cantar, e tamén para ler: “Coas agullas dos meus beizos / vou pronunciarte moi moi lento / da nosa paz o voso tormento.”

“Hibernarse”, que deu título ó seu anterior EP, un acto de resistencia contra a sobreexposición e as presas do mercado, escoitouse a continuación no auditorio de Castrelos: “Xa mo dicía mamá / Ti chega tarde que é mellor que non chegar / Como elixir entre a savia eo veleno? / Se aínda non coñecemos / A forma de tódalas voces que teremos.” Tan novas e tan sabias, como dicían nunha entrevista para Mondo Sonoro, a prol deste traballo: “O persoal é político, e as nosas vivencias transfórmanse nun mensaxe colectivo.”

“Que forte, estaba aquí dicindo boa noite Castrelos, aquí e flipando. Ademais con esta terra que se está levantando un pouco de polvo, non haberá que varrer un pouco?”, dixo María, e a xente das ergueuse e Castrelos viuse arriba con milleiros de voces berrando “varre vasoira” un verdadeiro himno feminista que Vigo leva xa no seu cerne, tanto ou máis aínda co do Celta: “Somos distintas das que comezaron / na nosa pel gardamos o legado / alén das bombas soubemos pararnos / nin sexo, nin carne, nin putos coidados. / Non asumimos o voso pecado / facedes a guerra cos ollos pechados / non recoñecedes nin o propio bando / a acrópole canta: / Varre vasoira, vasoira miña / fai moito tempo que non várre-la cociña.” E certo que con tanto varrer ergueuse unha nube, pero non de po, senón de estrelas, das cinco que estaban sobre o escenario, na que destacaba Vicky González, que manexa tamén as baquetas na banda estremeña Los Niños de los ojos rojos.

A seguir un deses temas que te araña as paredes do corazón, que ergue as lembranzas daqueles que te quixeron (e que quizais non soubeches querer), “amOr”, unha canción que te fai sentir nostalxia nos pés cando no non tes con quen bailar. No escenario, María e Sara bailaban abrazadas, cómplices: “Oxalá poder tocarnos sempre / nas cancións que nunca nos cantamos / Que difícil isto de querer / que difícil isto de olvidarnos.” A quen non lle pon a pel de veludo unha letra como esta…

“Déixate ver” tamén ten moito de epidemia de melancolía, con un coro de voces harmónico que debuxa unha textura sedosa sobre a que as Fillas lle cantan á ausencia dunha amiga: “Hai unha porta, unha luz ao pasar / As cadeiras da praia plegá’s / Hai un oco na mesa que doe mirar / Xa non miras por esta ventá / Polo brindis que non se vai dar / Poderías se queres volverme chamar.” Este tema, que foi adianto da súa tertúlia, é un dos máis vangardistas do álbum, na mestura entre tradición e modernidade.

Outra das doce cadeiras da “Tertúlia” de María e Sara é esa nana fermosísima chamada “Filla filliña”, que nos agasallaron nesta noite máxica na que Castrelos foi máis galega que nunca, unha desas cantigas de berce que debería cantarlle á pequena Xabriña: “Filla filliña, ai, se te teño / Quero cantarte e durmir o medo / Fóra hai soños de sangre e ferro / Que desvelo, que desvelo / Haberá días en que a tenrura / Queira mirarte dende as alturas / Podes ser boa, podes ser dura / Coida da raiba cura que cura.” Como din as propias Fillas é “ unha nana que funciona á vez como protección e advertencia, unha reflexión sobre a transmisión interxeracional e o mundo que herdarán quen veña detrás: as fillas que quizais teremos.”

Para o seguinte tema, “Arderse”, contaron con outro dos dúos galegos que máis éxito está tendo fora e dentro da nosa terra, o formado polas voces e o violín de Antía Ameixeiras e o acordeón de Sabela Caamaño. Unha invitación a festa que non se pode rexeitar, unha explosión instrumental e un traballo vocal fascinante: “Nos vosos reloxos non me podo ver / A pel meteorito e o corpo iceberg / Eu quérome ver nun tempo varado / No que ollas ao ceo, xa temos pasado.” Confeso que era a primeira vez que vía nun escenario a Caamaño & Ameixeiras, pero xuramenteime para que non fose a última.

En 2024 as Fillas de Cassandra comezaron tamén unha frutífera relación musical co grupo de rap Rebeliom do Inframundo, e a súa primeira colaboración foi “Contra vento e marea”, e Nervo e Malvares saíron ó escenario de Castrelos para cantar con María e Sara este temazo que nos fala da forza do colectivo e que xa é parte do noso imaxinario musical: “A cada escalom que baixo, mais perto de me atopare. / Nas augas do inframundo fazemos o nosso mare. /Nada foi iguale / Fomos rochas contra o mare / Tudo por te amare / Como Santa Liberdade / Espido num cantil a fim de mes, / a conta em negativo, mareas de estresse. / Diazepam e cubalitro como o vês? / O médico confunde o mar com o Everest.” Mágoa que houbo algún problema de son, e o tema quedou algo deslucido, a ver se podemos volver ver a esta guerrilla do Condado tomando novamente o escenario de Castrelos.

Cando ían a iniciar o seguinte tema, os micros enmudeceron, algo pasou na mesa de son, e o público reaccionou cantando a “Rianxeira” e o “Miudiño”, mentres se arranxaban os problemas técnicos, e berrou o nome das Fillas de Cassandra para mostrarlles o seu cariño. Xa solucionado o contratempo volveron hibernarse con “Feito a man”, un manifesto contra a moda de usar e tirar: “Imos á moda, todo feito a man / Vés regateando, onde queres chegar? / Imos á moda todo feito a man / A tea seca ao sol, vas ter que aghardar”. E enlazaron con “Punheta”, ese outro temazo que as Fillas compuxeron con outro dos que agora mesmo están a revolucionar o panorama musical galego, Mondra, co que gravaron, ademais, un animado vídeo.

“Ultimamente está todo raro / Soño con campos pero arrasados / Médranme espigas nas mans como a Maruja Mallo / Ultimamente non sei que me pasa / Síntome estraña na miña casa/ Todo o que a ti che cura, comigo arrasa / Vexo pola ventá e todo é verbena / Doces para comer e grilandas de cea / Vexo pola ventá e o mundo está malo / Todo loce a cloacas sen campanarios.” Así comezaron “Verbena”, outro dos pratos fortes do seu último traballo, un bolero empapado de doce melancolía, unha pausa emociona para darlle a volta ó corazón antes de volver á festa.

Para cantar “As Moiras”, do seu primeiro traballo, “Acropolé”, tiveron unha sorpresa, a dun feixe de bailaríns, a maioría pertencentes a escola de danza Media Punta. O baile foi “unha proposta de María e Sara a de preparar esta actuación exprés e especial. Non é unha coreografía que estea dentro do concerto, senón que é xerada para este momento concreto e acaban de aprendelo”, afirmou Daniel Rodríguez, coreógrafo e director de movemento. Esas deidades que “non teñen nome, nin idade, que cargan o peso dunha eternidade”, animaron o corpo de baile, mentres as Fillas cantaban: “non imos sentir ningunha culpa por ter derrubado voso templo sen o permiso dun deus.”

Pero, sen dubida, o punto álxido viu con “Tataravoa”, xa enfiando o último tramo do recital, onde rebentaron Castrelos, demostrando que o galego segue sendo un idioma vivo en Vigo, a pesares da longa noite de pedra, e das políticas institucionais adicadas a silenciar a nosa fala: “Se do torreiro da festa / Eu fose sempre a primeira / En sacar a bailar / aos mocinhos, mocinhas / desta noite mesta.” E o público berrando: “A minha tatatata tatara avoa estaría contenta / Tatatata se me escoita cantar.”

Con “bUCÓLICA” as Fillas de Cassandra volvéronse arroupar co corpo de baile, cunha coreografía que semellaba con horas de ensaio detrás. Un anaco de tertúlia na que contaron no disco coa colaboración de Zetak, outra auténtica revolución na música vasca, que tamén mestura pop e electrónica en euskera. Unha invitación a unha boa foliada: “Oxalá pasen mil días sen ternos que despedir / Quedarnos nesta sombriña e nunca máis parar de rir.”

O seguinte tema animaba a bailar ata o borde da “Insolación”, nunha sorte de arremuiñada electrónica que rematou de erguer ós que aínda resistían co cu pegado nas gradas de pedra de Castrelos: “Andamos falando, fodendo, bailando entre as herbas molladas / Volvemos coas pernas picadas porque as preferimos ás mágoas / Rascadas, abrirnos feridas do día que acaba / Mellor sentir dor, sentir raiba a non sentir nada.” Obrigado ver o vídeoclip dirixido por Santi Iglesias e Sergio Steel, que semella un éxtases colectivo dentro dun Vitrasa, onde todas quixeramos estar.

Pero esta non era a parada final porque aínda quedaba a “TERTÚLIA” en maiúsculas, cunha participación moi especial, a da Agrupación musical do Rosal, que aporta unha textura sonora incrible ó tema. E que As Fillas son quen de facer que as nosas bandas soen como algo vangardista, “cunha navalla na liga por se nalgún / momento hai que abrirlle o peito á noite / e meternos dentro de entre todos os praceres / son solo dous que pido que os meus demos / me avalen e haxa quen cante comigo.”

O penúltimo tema do recital de María e Sara foi “Cassandra”, outro dos que compoñen o seu primeiro traballo “Acrópole”, un aquelarre feminista que tinguiu de morado toda a Finca da Marquesa: “Sómo-las herdeiras dunha estirpe loitadora / Descendimos dos altares, queimamos as togas / Quixeron calala e aquí estamos nós / Fillas de Cassandra.” E, a estas alturas do campionato, quen ía tentar calar a estas dúas meigas, que ademais de lograr un dialogo perfecto entre escenas musicais ben diversas, coidaban cada unha das estrofas dos seus temas, enchendo de contido o concerto sen precisar erguer ningunha bandeira.

E para o remate, a derradeira das cadeiras da tertúlia, “Lodos”, un deses temas que naceron para ser coreados por milleiros de gorxas: “Tantos lodos quedan por vivir contigo / Cantas ganas teño de morder se vivo / Para comprobar que acaso ten sentido.” Intimidade e festa rachada nun mesmo tema, folclore e electrónica, tradición e vangarda. Castrelos ergueu unha salva de palmas como non escoitara en moito tempo, agradecido porque as Fillas convidaran a todo Vigo a súa tertúlia.

Foto: Candela Lora

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.