Fillas de Cassandra: “Cremos que a linguaxe ten a capacidade de construír outras realidades porque as nomea, e nomear é facer existir”

Entrevistamos a María Soa e Sara Faro, integrantes do dúo Fillas de Cassandra.

As viguesas Sara Faro e María Soa, forman unha das novas propostas desa Revolución Trad que recorre toda a xeografía peninsular, con proxectos tan dispares como Rodrigo Cuevas, Tarta Relena ou os irmáns Cubero, e que nesa mestura entre pop electrónico e música de raíz, ou tradicional, ten na Galiza un bo feixe de representantes como Sheila Patricia, Baiuca ou Lume, ós que se suma este novo dúo que ven a sumar diversidade ó panorama galego dende unha óptica feminista, máis sen esquecer unha invitación á festa.

¿Como xurdiu ese encontro entre os universos musicais de María Soa e Sara Faro, seica vindes de lugares tan distintos como a música clásica e as cantareiras, non si?

O motivo do noso encontro foron unhas xornadas que se organizaron polos numerosos feminicidios ocorridos no verán do 2021. Chamáronnos por separado para tocar cos nosos proxectos persoais e María propúxolle a Sara facer algunha das cancións xuntas. Foi dende aí a toma da decisión de seguir cun proxecto conxunto. Precisamente da mestura entre a música clásica e a música tradicional nacen as raíces dos nosos traballos, atopando os puntos que unen estes dous estilos, realmente moi cercanos.

¿E as vosas influencias, de onde xurde a vosa inspiración?

Vivimos un período tan rico na música galega de raíz tradicional con artistas como Baiuca, Aliboria, Xosé Lois Romero, Catuxa Salom ou Tanxugueiras que como creadoras, sería imposíbel pensarnos á marxe de toda esta vaga renovadora. Porén, as influencias clásicas de María aparecen no contrapunto barroco das voces e na produción, podería dicirse que embebemos da industria máis mainstream do panorama internacional, con voces coma a de Bad Gyal, Rosalía ou Billie Eilish.

As fillas de Cassandra remítenos á mitoloxía grega, máis tamén á loita feminista máis actual, ¿que hai de todo isto na elección de ese nome para bautizar o voso proxecto musical?

Partindo da parte máis teatral, Sara propuxo o mito de Cassandra, simplemente para inspirarnos e quizais tamén como proposta para empregar a Cassandra como nome para o grupo. María aceptou máis para ela o feito de ser “filla de” era moi importante, ao menos no noso contexto familiar e o que supuxo en nós iso, sen ir máis lonxe, dedicarnos á musica entre outras cousas. Polo que da idea de dar voz a esa Cassandra que sufriu o castigo de nunca ser crida e á vez dar voz as nosas nais que tanto fixeron por nós en silencio, naceu o nome de Fillas de Cassandra.

O feminismo está moi presente na vosa proposta, máis tamén outras reivindicacións como o antimilitarismo, ata vos atrevedes a versionar o Bella Ciao ¿sodes das que credes que a música segue sendo una arma de transformación social?

Non a chamaría arma, pero si ferramenta, porque a intención non é destruír senón deconstruír e reconstruír un panorama onde caiban as voces de todas. Cremos que a linguaxe ten a capacidade de construír outras realidades porque as nomea, e nomear é facer existir. Dalgún xeito, a linguaxe musical ten tamén ese poder. Aínda que sabemos que ás veces a nosa mensaxe pode ficar eclipsada polo carácter festivo dos temas, con que a unha persoa lle quede un pouso de reflexión que a convide a querer saber máis e formar o seu propio pensamento, dámonos cun canto nos dentes.

A mestura entre a tradición é os ritmos máis actuais, está dando un novo pulo á música galega, como demostra o fenómeno das Tanxugueiras, ¿Como vedes vos este panorama, e vos sentides parte de esta nova fornada con base na música de raíz, pero con vocación de modernidade?

Este “neotradi” é unha sorte, unha necesidade e sen dúbida unha nova etapa na música galega á que por suposto nos sumamos. Efectivamente, bandas como Tanxugueiras, A Banda da Loba, Baiuca, Aliboria… abriron o camiño que da flote a todos os proxectos en galego que se estaban xestando, e nós, persoalmente, lles estamos moi agradecidas. Sentímonos orgullosísimas de ser parte deste movemento no que a música en galego xa non está pechada, senón que agora existe a posibilidade de escoitar prácticamente calquer estilo en galego e crear con liberdade o que se queira, e iso parte dunha necesidade enorme por ter actualidade na marabillosa tradición galega.

Este verán pasado as Fillas de Cassandra deron unha chea de concertos e mesmo participades en varios festivais, ¿cal é o balance que facedes desta tempada, na que moita xente vos coñeceu, e como afrontades o inverno, no que baixa o ritmo de actuacións?

Comezamos o verán pasado con moitas ganas pero certamente, con case ningún concerto programado. Non tinhamos nada fóra, nin un tema ou vídeo que presentar para que nos contratasen, e aínda así, a maxia do boca a boca e a confianza da xente nesas persoas que nos recomendaron, fixo que nos movésemos por toda Galiza, polo que o balance é máis que positivo, ilusionante. Pero tamén precisábamos baixar o ritmo, gravar o disco con calma, ter tempo para compor, para organizar o proxecto, para nós… e aínda así, este inverno tivemos a sorte de poder tocar na nosa cidade, en salas como a MasterClub ou a Doppler.

Para febreiro tendes anunciado a aparición do voso álbum Acrópole, producido polo artista e produtor Berto Mira, do que sa saíu o single Antígona como adianto, ¿que nos ides a ofrecer en este traballo?

Agardamos que ACRÓPOLE sexa unha síntese do que somos e do que é o noso pensamento, a presentación de Sara e María como unha única cousa, unha única loita e unha nova, intentamos, vertente musical. Á vez, gustaríanos dar unha nova visión dos mitos clásicos, desas historias nas que as mulleres, ninfas, deusas… foron castigadas por unha causa inxusta e que levado á actualidade, son historias que seguen pasando día a día, nas nosas vidas e nas de todes.

Tamén coidades o aspecto visual do voso proxecto, os vídeos dos temas Lisistrata e Antigona están realmente moi currados, cunha invitación á rebeldía, máis tamén ó baile, ¿quen está detrás da realización e da produción destes vídeos?

A idea orixinal adoita partir de nolas dúas porque, dalgún xeito, somos as que temos claro o que pretendíamos comunicar e buscamos a mellor forma de traducilo a imaxes. Con todo, o ollo de Santiago Iglesias (videógrafo e editor) é o que fai finalmente a maxia, e a nosa confianza nel é plena. Na produción, ademais do noso traballo de busca e organización de recursos, sempre o dicimos: sen o apoio incondicional das nosas familias e amigas, tería sido realmente complicado.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.