Ceaqua recorre o arquivo da denuncia polo asasinato de Moncho Reboiras

Manuel Reboiras ensina a querela criminal polo asasinato do seu irmán, Moncho Reboiras. Estivo acompañado da avogada de Ceaqua, Irene A. Francés. (Foto: Nós Diario)

O xulgado ferrolán considera que o crime xa está prescrito

Por Elvira Branco / Nós Diario

A Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina (Ceaqua) Galiza presentou esta terza feira un recurso directo de apelación contra a resolución do xulgado de Instrución número 1 de Ferrol que decreta o sobresemento da querela presentada polos familiares de Moncho Reboiras contra 24 integrantes das forzas policiais franquistas que participaron no dispositivo no que o militante nacionalista foi asasinado o 12 de agosto de 1975.

Así o comunicou a Nós Diario Irene A. Francés, avogada e integrante do equipo xurídico de Ceaqua após coñecer a resolución xudicial. Nun auto datado a 3 de abril, a titular do xulgado de instrución ferrolán, Ana González Lorenzo, decreta o arquivo da denuncia por prescrición do delito de lesa humanidade en concurso cun delito de asasinato, que foi formulada o pasado mes de febreiro por Manuel Reboiras Noia, irmán do histórico dirixente da Unión do Povo Galego (UPG) foi asasinado a mans da policía franquista cando tiña 25 anos.

Na súa resolución, contra a que cabe recurso de reforma e apelación, a maxistrada Ana González Lorenzo apóiase nunha serie de sentenzas de distintos organismos xudiciais para concluír que está «extinguida a responsabilidade penal dos autores da morte de Reboiras ao estar prescrita». Isto, para a xuíza, non modifica a nova Lei de Memoria Democrática en vigor desde outubro de 2022, meses antes da presentación da querela.

Así, apunta que a imprescritibilidade dos delitos de lesa humanidade e xenocidio foi introducida no ordenamento xurídico español “en data moi posterior” ao crime de Reboiras, momento no que “non existía ningún precepto legal que acordase ou recoñecese a natureza prescritíbel dos mesmos”.

Convención das Nacións Unidas

xuíza recorda que España non ratificou a Convención das Nacións Unidas de 1968 que declarou imprescritíbeis os crimes de guerra e de lesa humanidade, polo que este texto internacional “non pode ser aplicábel” no Estado español, onde, polo tanto, só poden ser perseguidos delitos dese tipo que se cometeran a partir do 1 de outubro de 2004.

Só dez Estados asinaron a Convención entre 1969 e 1970, engadíndose á listaxe en 2002 o Estado de México. Tento en conta os Estados adherentes, a partir de decembro de 2020 coa adhesión de Ecuador, a Convención ten 56 Estados partes, que inclúe 55 integrantes da ONU e Palestina.

Lei de Amnistía

Tamén sinala que sobre o asasinato de Moncho Reboiras a mans da policía española pesa a aplicación da Lei de Aministía aprobada dous anos despois do crime, en 1977. Así, recorda que o Tribunal Supremo determinou que os tratados internacionais “non prevén” a posibilidade de que unha lei sexa declarada nula por un xuíz, que “están suxeitos ao principio de legalidade e, polo tanto, non poden en ningún caso derrogar leis”, algo que corresponde en “exclusiva” ao lexislador.

“Non pode esquecerse neste sentido que en 2011 o Congreso dos Deputados e das Deputadas rexeitou a proposición proposta para modificar a Lei de Amnistía”, subliñou na súa resolución a maxistrada Ana González, que tamén determina que a nova Lei de Memoria Democrática tampouco ampara legalmente que poidan ser perseguidos delitos de lesa humanidade cometidos antes do 1 de outubro de 2004.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.