¿a que dereitos estarías disposto a renunciar para manter o emprego?
Por Angelo Nero
¿Qué son sete minutos menos de descanso, comparados con un despido? A esta pregunta, en principio de resposta rápida, teñen que contestar as once mulleres protagonistas desta coprodución italo-suizo-gala, membras do comité de empresa dunha fábrica téxtil italiana, que acaba de ser mercada por unha multinacional francesa. En realidade a pregunta que se plantexa é ¿a que dereitos estarías disposto a renunciar para manter o emprego? Pois isto é o que aniña na proposta empresarial, na condición de recortar o tempo de descanso das trescentas traballadoras da fábrica, para manter os postos de traballo e aumentar os beneficios para os novos propietarios.
Baseada nunha historia real, na loita das traballadoras dunha fábrica de lencería gala en Yssingeaux, absorbida por Vuitton, o director teatral Stefano Massini situou a acción en Latina, Italia, e nesa obra inspirouse Michele Placido –a quen coñecíamos pola salientable serie Romanzo Criminale- para mostrarnos este drama social, no que, en vez de por o foco no conflito entre a patronal e as traballadoras, aínda que tamén, pono nas loitas internas entre estas últimas, debaténdose entre os dereitos gañados e a posibilidade de perder o seu emprego.
Unha historia que, desgraciadamente, coñecemos ben, azoutados pola pantasma das crises cíclicas do capitalismo, que carga sobre as costas da clase obreira os desequilibrios do mercado. ¿Quen non se atopou, na súa vida laboral, con dilemas semellantes? Rebaixar salarios e dereitos, alongar xornadas de traballo, facer horas gratis, calquera esforzo é pouco para que nos chegue a nómina a fin de mes.
Así no filme, asistimos ó debate, no que so difire a portavoz do comité, das representantes das traballadoras, cada unha cun perfil diferente e arrastrando a súa problemática particular: unha emigrante africana, a rapaza co primeiro emprego, outra emigrante albanesa, unha muller maltratada, outra embarazada, unha veterana curtida na loita, unha operaria que fica nunca cadeira de rodas por un accidente laboral… Estas mulleres son representadas por un reparto impresionante e de varias nacionalidades, coas italianas Fiorella Mannoia e Maria Nazionale –as dúas coñecidas polas súa faceta de cantantes-, Ottavia Piccolo, Ambra Angiolini, Cristiana Capotondi, Violante Placido, a malinense Balkissa Maiga, a suiza Sabine Timoteo, a francesa Clemence Poesy, é, completando este elenco de estrelas, a tamén gala Anne Consigny, no papel da dura negociadora da multinacional.
Mentres os directivos da fábrica –entre os que están o interpretado por Michele Placido- festexan a venda, ás mulleres do comité teñen que loitar contrareloxo para procurar un acordo, pois este non semella tan unánime como ó principio, e as posturas van mudando conforme avanza o debate, quedando patente a división entre as traballadoras autóctonas e as foráneas, o racismo que sempre aflora nos momentos difíciles, a falta de confianza na portavoz –que pode estenderse ó resto das representantes-, o conflito entre as vellas e as novas xeracións, que non disfrutaron xa de moitos dereitos perdidos. Nun dos momentos máis lúcidos do filme, a máis veterana di que cando comezou a traballar na fábrica parábanse 45 minutos para almorzar, despois 30 e finalmente 15. Si se recortan sete minutos máis, ¿que será o seguinte? ¿quizais quedar sen tempo para o descanso? Todos nós teríamos que facernos a pregunta.
7 minuti. Ano: 2016. Direción: Michele Placido. Guión: Stefano Massini, Michele Placido. Música: Paolo Buonvino. Fotografía: Arnaldo Catanari. Reparto: Ambra Angiolini, Cristiana Capotondi, Fiorella Mannoia, Maria Nazionale, Violante Plácido, Clémence Poésy, Sabine Timoteo, Ottavia Piccolo, Anne Consigny, Michele Placido. Productora: A&G/CineFinance, Italia/Goldenart, Production/Manny Films/Ministero per i Beni e le Attività Culturali /Regione Lazio/Ventura Film.
Se el primero en comentar