A Coruña aínda ten 180 símbolos franquistas

Este Catálogo da Coruña de 180 símbolos franquistas, recolle: 30 rúas, 21 retratos, 28 distincións honoríficas, 83 placas, escudos, monumentos; 14 en dependencias do Ministerio de Defensa e 4 centros de ensino

Por Manuel Monge / Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH)

Presentada información de 180 símbolos franquistas da Coruña para o catálogo de elementos contrarios á memoria democrática (Artigo 36.2. da Lei de Memoria Democrática)

Presenteino onte, venres, un escrito de 28 páxinas na Subdelegación do Goberno da Coruña para o Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, en aplicación do artigo 36.1 de Lei de Memoria Democrática (LMD): ”A Administración Xeral do Estado confeccionará en colaboración co resto das administración públicas un catálogo de símbolos e elementos contrarios á memoria democrática, incorporándose ao mesmo en todo caso os datos subministrados polas comunidades autónomas, e conterá a relación de elementos que deban ser retirados ou eliminados, nos termos do artígo 35”. Por outra parte, o artigo 36.2 sinala: “Poderán incluírse no mesmo aqueles elementos que se soliciten polas vítimas, os seus familiares ou as entidades memorialistas, en defensa de seu dereito ao honor e a dignidade, ou resulten de estudos e traballos de investigación.”

Presenta este escrito como vítima do franquismo, familiar de vítimas e investigador. Este Catálogo da Coruña de 180 símbolos franquistas, recolle: 30 rúas, 21 retratos, 28 distincións honoríficas, 83 placas, escudos, monumentos; 14 en dependencias do Ministerio de Defensa e 4 centros de ensino.

A documentación, que se axunta, recolle os antecedenttes desta situación, criterios para a eliminacións da simboloxía franquista e incumprimentos de leis, sentenzas e resolucións.

Finalmente, o escrito recolle unha breve biografía e unha análise comparativa. Así, dos 180 símbolos franquistas que quedan por retirar, 37 están relacionados cos alcaldes e alcaldesa na ditadura, lembrando que moitas cidades -Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Bilbao, Pamploa, Cádiz, etc- xa retiraron as rúas e distincións a estes alcaldes.

Manuel Fraga, ministro na ditadura, conserva a distinción de Fillo Adoptivo da Coruña, concedida o 24 de decembro de 1968, cando os concellos de Ferrol e Cedeira xa aprobaron, tamén co voto do PSOE, retirar a Fraga todas as distincións.

A Coruña ten dúas rúas dedicadas a José Calvo Sotelo; dá nome a un peirao, retratos, esculturas, placas, é Fillo Adoptivo e Predilecto, pero Logroño xa cambiou o nome da súa rúa, en aplicación da Lei de Memoria Histórica, sendo Cuca Gamarra alcaldesa do PP.

Sergio Peñamaría de Llano conserva, entre outras, unha rúa e retrato, mentres o Pleno municipal de O Barco de Valdeorras, aprobaba por unanimidade -PSOE, que ten a alcaldía, PP e BNG- unha moción que sinalaba “crueis e asasinas accións de represión ao servizo da ditadura” e do “sinistro paso de Peñamaría pola comarca de Valdeorras”. A moción aprobada “insta ao concello da Coruña a tomar en consideración a proposta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña en orde a substituír a rúa Alcalde Peñamaría de Llano pola de Mártires de Valdeorras”.

Miguel Primo de Rivera, militar golpista e ditador, conserva unha avenida, retrato, Medalla de Ouro e Alcalde Honorario da Coruña, pero Logroño, con Cuca Gamarra como alcaldesa polo PP, cambiaba a rúa deste golpista por Ateneo Riojano.

Pedro Barrié de la Maza ten, entre outras distincións, unha avenida, retratos, placas, dá nome ao dique de abrigo, é Fillo Predilecto e Medalla de Ouro da Coruña, pero o concello de Sada -co voto a favor de Sada Maioría, BNG, PSOE e Alternativa do Veciños- cambiaba o nome da súa avenida e retiraba a distinción de Fillo Adoptivo; tamén Corcubión, con alcaldía do PSOE, retiráballe a distinción de Fillo Adoptivo; e a Lei de Memoria Democrática (artigo 41.1) retíralle o título nobiliario de Conde de Fenosa.

Manuel Monge ofrécese ao Ministerio de Presidencia para ampliar esta información.

Espero que estas 180 referencias da Coruña se incorporen ao Catálogo de simboloxía franquista que se está a elaborar a nivel de Estado. Adianto que, se o concello da Coruña persiste na negativa a súa eliminación, e tendo en conta o artigo 64.1 da LMD –“Calquera persoa poderá comunicar os feitos susceptíbeis de ser constitutivos de infraccións previstas nesta lei”– solicitarei as sancións previstas no artigo 62.2.d da LMD que considera infraccións graves “o incumprimento da resolución pola que se acorde a retirada de símbolos e elementos contrarios á memoria democrática prevista no artigo 37, cando entrañen descrédito, menosprezo ou humillación das vítimas ou dos seus familiares”.

⇒⇒⇒Ver: Catálogo de simboloxía franquista na Coruña, clic aquí⇐⇐⇐

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.