Este 8 de marzo mobilizámonos contra a desigualdade sexista

Por Raquel Pérez / Marcha Mundial das Mulleres de Vigo

Este 8 de marzo Día Internacional da Muller traballadora queda ao descuberto que as mulleres con conciencia política somos molestas. A criminalización das manifestacións ou servizos abusivos decretados ante a folga convocada pola CIG nesta ano onde se espera menor participación demostran a fortaleza do movemento feminista como inimigo do sistema actual.

Porque o feminismo evidencia que sen a explotación que sufrimos as mulleres non sería posible manter o sistema de produción capitalista. Oficialmente as mulleres incorporámonos ao mercado laboral nos anos 60, traspasando o noso traballo gratuíto doméstico ao mercado laboral. Pero non nos incorporamos de pleno dereito, como iguais aos nosos compañeiros obreiros, senón que arrastramos a visión como seres de segunda. Dende os anos 60 ata hoxe a loita das nosas devanceiras abriron camiños que non están asentados. No mundo laboral perduran os valores tradicionalmente masculinos e femininos. A competitividade fronte a ética dos coidados. As mulleres seguimos sendo as encargadas de soster a vida. Esta evidencia quedou aínda máis nítida coa pandemia. Fomos nós, as mulleres, as que sostivemos aquelas actividades que son esenciais. Pero resulta que ser esenciais significa que teñen pouco valor engadido, as mulleres estamos aí naturalmente diferenciadas polo noso sexo para ser o sostén da humanidade. Desde pequenas socializadas na entrega, no amor e nos coidados.

Os sectores feminizados son os que teñen menos prestixio social e os peor valorados economicamente. Como pode ser que canto máis esenciais menor valor a nivel de mercado teñan? Así que as mulleres temos os menores salarios e ademais os traballos de coidados gratuítos facémolos nós: coidado de crianzas, de persoas enfermas, de persoas adultas e sas pero que precisan ter cubertas as súas necesidades diarias: alimentación, lavado de roupa, etc. Cando estes coidados esenciais se profesionalizan pasan de ser gratuítos, por amor, a ser traballos precarios feminizados.

A incerteza que presenta a crise do coronavirus é un caldo de cultivo para a reacción antifeminista e de extrema dereita,  pois preséntannos como única alternativa a volta aos espazos de seguridade, a volta ao pasado tradicional, a valores rancios onde a muller debe volver ao fogar.

  Algúns discursos son torpes pero outros son máis sutís: non se establecen medidas para acabar coa fenda dixital das mulleres, e en particular, das mulleres rurais, imponse o teletraballo como alternativa sendo as mulleres as que volven sufrir o problema de conxugar a vida familiar coa laboral, ante a falta de alternativas comunitarias as mulleres están a abandonar os seus postos de traballo para coidar das crianzas ou reducir as súas xornadas. En conclusión, a pandemia acrecentou o enfrontamento entre o sistema de coidados e emprego remunerado incrementando a pobreza nas mulleres. A alternativa é que os corpos das mulleres pobres fan parte das riquezas naturais explotables, converténdose en mercadorías para os negocios das transnacionais: prostitución, venres de alugueiro, empregadas do fogar internas.

Despois de 300 anos de loita polos dereitos das mulleres, pola igualdade entre os sexos, queren convencernos de que volvamos á feminidade tradicional pero aplicándolle a lóxica liberal de que a economía é aplicable a toda existencia. Os valores neoliberais dexeneran a humanidade ata o punto en que porlle prezo a un feto é posible. Se as mulleres gañamos menos é porque producimos menos. É máis natural e máis racional que unha muller se acolla  a unha redución de xornada ou a unha excedencia para adicarlle tempo á crianza. Como resultado os datos: as mulleres somos o 51% da humanidade, o 70% dos pobres, o 83% das familias monoparentais, o 1% das propietarias da terra. Nos nosos traballos sufrimos fenda salarial, chan pegañento, teito de cristal, acoso sexual e por razón de xénero. Vemos como as políticas sociais son relegadas a políticas económicas dando lugar a unha sociedade individualizada na que o malestar é cada vez máis profundo. Unha sociedade na que os dereitos colectivos reléganse inoculando a liberdade de satisfacer os desexos impostos polos medios de manipulación de masas. Este 8 de marzo sairemos ás rúas para reivindicar que esta realidade vennos imposta e xa estamos cansas.

As mulleres non deixaremos de mobilizarnos porque sabemos que xuntas somos imparables na consecución dos dereitos para todas.

Be the first to comment

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.