Xavier García, xornalista e profesor: «A China respecta máis as minorías que España»

Xavier García cubrindo a Asemblea Nacional en Beijing (Foto: Adela Vázquez).

Xavier García (Vigo, 1965) é un dos analistas galegos que máis coñece a China. Reside nela tras abandonar o xornalismo tradicional e conta a realidade dese país de Oriente na obra  ‘China, amenaza ou esperanza. A realidade dunha revolución pragmática’, prologada por Xulio Ríos.

Por A. Escuredo / Nós Diario

—É inviábel contar o que acontece na actualidade na China a través dos medios de comunicación tradicionais?
Si, e non só acontece coa China. O xornalismo actual perdeu moito. Sempre formou parte do mainstream, mais agora o discurso único non deixa lugar a unha narrativa diferente. Pasa tamén cando se trata de Ucraína, Cuba ou Venezuela. É triste ver como hai xornalistas que se adaptan e lemos a mesma información internacional en todos os xornais.

—No caso da China esta situación é máis evidente?
Digamos que é a máis paradigmática. A China é a principal valedora do mundo multipolar e o principal “inimigo” do imperio hexemónico dos Estados Unidos de América. Por ese motivo todos os ataques céntranse nela. Hai unha campaña de desprestixio da imaxe da China a nivel político, económico e mediático. Son unha cadea de poderes que están en contra de que sirva de modelo para calquera cousa. A imaxe que se transmite da China é moi mala.

—Como chegou a China a ser a segunda economía mundial?
A través de moito desenvolvemento, traballo e planificación das súas políticas. Era un dos países máis pobres do mundo hai 40 anos e conseguiu mudar grazas, entre outras razóns, ao seu sistema meritocrático que consegue que as mellores cabezas do país estean á fronte do goberno. O acceso á función pública sempre foi moi duro e perfeccionouse co Partido Comunista.

O camiño comeza na función pública local e segundo sexan os resultados sobes de nivel. O resultado é que nos postos máis altos estean agora as mellores mentes nun país de 1.400 millóns de persoas. O que chega ao poder non é quen fala moi ben nun mitin ou é moi guapo, consígueo por décadas de experiencia na xestión pública. Como consecuencia, as decisións están ben pensadas e fíaste delas.

Nesta situación, entra en xogo tamén o pragmatismo chinés, un pobo que non é nada dogmático. Non teorizan, buscar a mellor solución para adaptarse á realidade. Son moi comúns os programas pilotos por rexións que, se funcionan, pasan a aplicarse noutros lugares. Ademais, poden planificar a longo prazo. Por exemplo, para o centenario da república popular, en 2049, pensan chegar a ser unha sociedade moderadamente próspera e igualitaria, onde non haxa diferenzas económicas importantes entre a poboación.

—Entre os tópicos sobre a China están as condicións laborais e o trato ás minorías. Como é a situación real?
Por lei non poden traballar máis de 40 horas semanais, cun tope de horas extras. Creo que cada vez optan máis polo lecer ao ter un maior nivel económico. A explotación das grandes tecnolóxicas pasou un pouco á historia.

En relación ás minorías étnicas -52 na actualidade ademais da maioritaria-, teñen discriminación positiva, por exemplo, no acceso á universidade. Alén diso, os carteis nas tendas dos diferentes territorios en todos os negocios privados están nos dous idiomas, cousa que non acontece na Galiza. Para ser un país tan grande e centralista respéctanse máis que no Estado español.

—Como son as relacións entre a Galiza e a China?
A nivel oficial son bastante desastre. O Estado español está na cola de Europa nas relacións coa China. Alemaña ou Francia aproveitaron moito mellor o crecemento chinés para levar a súa industria automobilística. Pasa o mesmo con outras industrias, mesmo con Italia e Portugal. No caso galego igual. É curiosa a boa sintonía das galegas e dos galegos que vivimos alí, cunha importante colectividade que mesmo conta cun grupo de 400 persoas que nos comunicamos a través das redes sociais. Sentímonos moi ben, como na casa. Hai moitas semellanzas. Por exemplo na importancia da familia e as grandes comidas ou na súa propia emigración do campo ás cidades.

De xornalista a contar como é a China

Xavier García anunciou en 2021 que deixaba o xornalismo. Porén, non deixou de comunicar a realidade chinesa. Após pasar por postos de responsabilidade na axencia EFE e percorrer medio mundo, a situación informativa internacional coa China provocou esta decisión. Desde ese momento continuou nese país como profesor na Universidade do Pobo e en contacto co xornalismo a través do portal Globalter.com con análises e algunha que outra reportaxe. No fondo, confesa, «sigo a ser xornalista».

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.