Shearsmith & Pemberton, cabaleiros con aquel

Por Angelo Nero

Ala polo comezo do século, pensabamos que non, pero xa choveu, chegou as pantallas da TVG, unha sitcom británica, “The league of gentlemen”, que no noso país tiveron o acerto de titular como “Cabaleiros con aquel”. Se, como foi o meu caso, viviches o momento máxico de ver o primeiro capítulo no día da súa primeira emisión (seica en 2006 volveron a emitila), xa sabes do que falo: ou quedaches en shock e a túa sensibilidade non te permitiu ver máis episodios, ou, coma eu, ficaches engaiolado coas historias dos habitantes de Royston Vasey, e dende entón a situaches, merecidamente, no lugar de “series de culto”.  Os camaleónicos Reece Shearsmith e Steve Pemberton, creadores e actores principais da serie, xunto con Mark Gatiss, interpretaban a case o noventa por cento dos setenta personaxes da serie, homes e mulleres, o que hai que sumar a  Jeremy Dyson, tamén guionista e que aparece ocasionalmente. Nesta comedia negra, cun humor certamente escatolóxico e bastante surrealista, se recollía a mellor herdanza dos Monty Python, máis ácidos se cabe e tamén máis politicamente incorrectos, na liña torcida de outra das comedias británicas que emitiu a TVG, “The Young Ones”, en 1987, titulada no pais como “Os novos”, e que foi todo un espazo de culto de toda a miña xeración, como foi para a seguinte, a do meu sobriño, a aparición do “Xabarín Club”, en 1994.

“The league of gentlemen”, situase nun pobo ficticio do norte de Inglaterra, (realmente rodouse en Hadfield, ó este de Manchester), un lugar illado onde os veciños teñen o seu “aquel”, que imos descubrindo a golpe de gag bizarro: Tubbs e Edward, son os donos de nariz porcina dunha tenda local, algo illada da vila e pouco visitada, que se senten ameazados por todo o foraneo (Tubbs convence a súa muller de que non hai mundo máis alá de Royston Vasey, e Edward pensa que todos queren roubarlles ou abusar dela), e tentan impedir a construción dunha estrada que atravese o val, chegando a facer bastantes burradas para impedilo, como queimar en sacrificio a un policía ou embrear a dous obreiros e atalos a un poste. Harvey Denton, está obsesionado coa masturbación e cos sapos máxicos, e coa súa muller Val, teñen a costume de beber ouriños pola mañá, as súas fillas Chloe e Radclyffe están inspiradas nas rapazas de The Shining, e o seu sobriño, Benjamín, que ven de Londres, e semella a única persoa normal da serie. O carniceiro, Hilary Briss, que vende unha carne picada de orixe sospeitosa, special stuff, so a uns poucos clientes e que crea adicción entre os que a consumen, e causa hemorraxias nasais como efecto secundario. Vinnie Wythenshaw e Rennie Calver, dúas señoras maiores que traballan nunha tenda benéfica, con manías moi extravagantes e extraordinariamente lentas en calquera venta ou doazón. Tamén están nesta galería de personaxes bizarros Herr Lipp, o profesor alemán que gusta de rexoubar, xogar ó fútbol e botarlle as nasas ós seus alumnos; o veterinario Matthew Chinnery, un home ben intencionado que está baixo unha maldición que fai que mate accidentalmente a todos os animais que pasan pola súa consulta; Bernice Woodall, a vicaria alcohólica, amargada e sempre de mal humor, que non cree na Biblia nin en Deus, e usa o seu posto para molestar a toda a comunidade, para rematar sendo a alcaldesa de Royston Vasey; e un dos meus preferidos, Papa Lazarou, que dirixe o Pandemonium Carnival, e desposando mulleres á forza por todo o pobo, para encerralas xunto ós animais do seu circo.

A galería de personaxes de esta comedia negra é impresionante, tanto como a imaxinación dos seus creadores, entre os que destacan Reece Shearsmith e Steve Pemberton, satirizando a unha sociedade británica moi conservadora, e celosa das súas tradicións, e cunha peculiar política social, reflexada en Pauline Campbell-Jones, a profesora de formación para parados, que tenta por todos os medios que non consigan traballo, para non perder o seu. O éxito da serie foi tal que, despois de rematar a terceira temporada, puxeron o broche de ouro coa película “The League of Gentlemen: Apocalypse”, onde contaron coa presenza de actores como Michael Sheen ou Simon Pegg, explotando o seu humor salvaxe ata o clímax dun especial de Nadal non apto para estómagos sensibles.

Reece Shearsmith e Steve Pemberton subiron a aposta en 2009 coa serie “Psychoville”, unha comedia negra con ambiente de thiller, na que cinco personaxes, situados en diferentes partes de Inglaterra, eran chantaxeados por un misterioso individuo mediante unha carta coa mensaxe: “Sei o que fixeches”. Na serie Shearsmith interpreta a un home-neno, asasino en serie perturbado e obsesivo, sociopata de coñecementos enciclopédicos que mantén unha relación case incestuosa coa súa nai, Maureen. Pemberton da vida a Oscar Lomax, un millonario cego que recolecta animais de peluche para pechalos nunha habitación que denomina «Holy of Holies». Tamén aparece un vello coñecido de “Cabaleiros con aquel”, Mark Gatiss, nun pequeno papel. Como curiosidade a serie recibe o nome do título que tivo en Xapón e Corea “The League of Gentlemen”, unha chiscadela máis a continuidade da asociación de Shearsmith & Pemberton.

Todos estes antecedentes son precisos para mostrar o entusiasmo con que devorei a extraordinaria nova serie deste par de canallas, “Inside No. 9”, unha auténtica antoloxía da comedia negra británica, con episodios independentes de trinta minutos, protagonizados, todos eles, por Reece Shearsmith e Steve Pemberton, e que comezaron a emitirse en 2014 e xa van pola quinta tempada. Mostrando, outra vez, a súa capacidade camaleónica para transformarse en calquera personaxe e facelo crible, ata o xeito de que, algunhas veces, non é doado identificalos, e sempre vencellados ó número nove, os capítulos desta serie son realmente brillantes, mantendo a tensión dunha traxicomedia aceda e con moita crítica social baixo corda, nos que non faltan o asasinato, a vinganza, o abuso infantil, o incesto e tódolos tipos de terror posible, dende o gótico ó slapstick, sempre aderezado con ese humor británico, algo perverso, tan característico en eles. Outra das características peculiares de “Inside No. 9” é que case todos os capítulos están rodados en espazos pechados, nunha sorte de escenario confinado, e que a historia transcorre, tamén case sempre, en tempo real, nos trinta minutos de duración. Non faltan tampouco chiscadelas a “Alfred Hitchcock present”, nin a “The league of gentlemen” e a “Psychoville”, tomando personaxes e situacións destas series, e unha longa lista de cameos de actores recoñecidos da escena británica, como Helen McCrory (Peaky Blinders, Penny Dreadful), Oona Chaplin (Game of Thrones, Taboo), Alexandra Roach (Utopía, The Iron Lady)

A primeira temporada ten motivos suficientes para converterse na túa “serie de culto”, dende o primeiro episodio “Sardines”, que transcorre case integramente nun armario, o delirante roubo nunha luxosa mansión, no segundo, “A Quiet Night In”, ou a historia do home caritativo que acolle a un mendigo no terceiro, en “Tom & Gerri”… A segunda arranca nun coche-cama francés, no episodio titulado “La Couchette”, cunha galería delirante de personaxes, un borracho alemán, unha mochileira australiana, e un médico e unha parella inglesa, o mellor de cada casa; aínda que o meu capítulo favorito é “Nana’s Party”, unha festa de cumpleanos a que non quixeras ser invitado. A primeira tempada foi dirixida por David Kerr, na segunda, dous episodios foron dirixidos polo catalán Guillem Morales (El habitante incierto, Los ojos de Julia), moi valorado pola BBC, dous por Dan Zeff e outros dous polos propios Reece Shearsmith e Steve Pemberton. A terceira foi dirixida, case na súa totalidade, tamén polo director catalán, con episodios imprescindibles na comedia negra como “The Bill”, “The Riddle of the Sphinx” ou o mellor de todos “Diddle Diddle Dumpling”, onde a personaxe interpretada por Shearsmith obsesionase cun zapato atopado na rúa.

Podería seguir escribindo sobre o universo delirante e canalla destes dous Cabaleiros con aquel, máis, teño que confesar, que aínda me quedan, sorte a miña, un par de tempadas de “Inside No. 9” por ver, e penso que é moito mellor disfrutalas que estar aquí intentando convencer ós meus sufridos lectores de que a vexan. Tanto esta serie como as anteriores de Shearsmith & Pemberton, están dispoñibles en varias plataformas nas que moitos, coma eu, procuramos momentos de evasión nos meses máis duros do confinamento, ata o punto de esgotar o catálogo, máis, na defensa deste produto xenuinicamente británico, teño que dicir que é unha aposta cultural realmente orixinal, irreverente e, se mo permiten, politicamente incorrecta, algo que se agradece nestes tempos nos que semella que todo esta feito para agradar ó público. Estes Cabaleiros con aquel da comedia negra van xunto na direción contraria, na de remover o estómago dos espectadores, e facelos erguerse, incómodos, da butaca (ou do sofá).

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.