San Simón: de Illa da Memoria a “bailaré sobre tu tumba”

Na que debería ser a Illa da Memoria sucédense todo tipo de eventos nos que o protagonista é o esquecemento: dende búsquedas do tesouro ata xornadas de bachata, festivais de música como o Sinsal e ata un intento de celebrar a noite de Halloween.

Por Angelo Nero | 1/08/2025

A verdade é que agora, estando aquí, o único que podo pensar é, “que sitio tan bonito”. Con estes buxos e este mar marabillosos, e esta calma. Faime pensar en como un espazo no que tivo lugar unha traxedia tan grande, pode, co tempo, transformarse nun lugar fermoso. Un espazo no que podemos falar abertamente das feridas da guerra e a posguerra, compartir as nosas historias, transmitilas entre xeracións, tratar de mitigar o trauma. E sobre todo, seguir a formar unha memoria digna por todas esas persoas que tanto sufriron naqueles anos. Sigamos a construír. Aínda queda moito por facer. Que viva a memoria.” Así falou Mariña, bisneta de Ramiro Paz Carbajal, asasinado a mans do réxime franquista o 12 de novembro de 1936, na illa de San Simón, na que o seu bisavó sufriu prisión na Colonia Penitenciaria que funcionou ata 1943, un auténtico campo de concentración e exterminio de presos republicanos que agora o goberno da Xunta quere transformar en parque de atracciones.

A pesares das diversas denuncias dos colectivos memorialistas, nos últimos anos a illa de San Simón acolle todo tivo de eventos lúdicos nos que se fai escarnio da nosa Memoria, como sinalou, fai pouco, Matías Rodríguez Datorre, voceiro da Iniciativa Galega pola Memoria: “Desde a IGM rexeitamos e condenamos estes usos ofensivos para a memoria das vítimas e as súas familias, uns usos que constitúen unha absoluta mercantilización e trivialización dun lugar que debería ser un espazo de respecto, lembranza e homenaxe. Mais no que constitue un exemplo do mundo ao revés, o goberno galego non organiza na Illa nin un só acto relacionado coa memoria histórica e promove ou consinte o seu uso como parque de atraccións e sala de festas VIP”.

Máis a administración galega segue a facer caso omiso das protestas, e na que debería ser a Illa da Memoria sucédense todo tipo de eventos nos que o protagonista é o esquecemento: dende búsquedas do tesouro ata xornadas de bachata, festivais de música como o Sinsal e ata un intento de celebrar a noite de Halloween. “A ninguén se lle ocorre organizar festivais de bachata nun campo de concentración, nun lugar de tortura ou nun cemiterio,” declaraba o voceiro da IGM.

Pero é que ademais despois de realizar este tipo de actos na Illa onde penaron centos de presos republicanos, diezmados polo frío, a fame e as enfermidades, cando non fondeados ou paseados, o escarnio continua polas redes. No conta de Instagram, TurismoRíasBaixas, ven de aparecer un vídeo co selo da Deputación de Pontevedra, no que promove o recentemente celebrado Festival Sinsal que ven podía titularse “bailaré sobre tu tumba” como a célebre canción de Siniestro Total. Habería que preguntar ó titular do departamento de Memoria Histórica da Deputación a súa opinión sobre un vídeo no que saen unha grea de xente bebendo e bailando no funesto campo de concentración, mentres, polo medio, aparece a foto do galeguista Dámaso Carrasco, preso na illa en 1937.

Lembro que fai dous anos, ás portas doutro campo de concentración, o de Auschwitz, instalaron unha furgoneta de venta de xeados, e houbo un rexeitamento xeneralizado pola cidadanía. Pero en San Simón podes bailar bachata ou beber unha boa cervexa, como publicita o Festival Sinsal: “Neste Día da Cervexa celebramos que un ano máis Estrella Galicia estivo con nós no Sinsal. En cada brindis e en cada paréntese. Animando conversas, acompañando en cada baile e refrescando os mellores momentos do Sinsal2025.”

«Imaxina festas en Auschwitz. Inimaxinable, verdade? Pois na Illa de San Simón permiten eventos privados, festas e celebracións alleas á dor que alí se viviu», denunciaba o Colectivo Repúblicano de Redondela, que fai pouco participou nas protestas contra a celebración da Xornada de bachata e o Festival SinSal na Illa de San Simón, xunto con outros colectivos memorialistas e organizacións políticas e sociais da comarca.

Protesta contra o Festival SinSal organizada por diversos colectivos memorialistas e organizacións políticas e sociais de Redondela

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.