Por un pazo de Meirás dedicado á memoria

Feministas galegas piden que a súa loita non sexa utilizada para impedir que o Pazo de Meirás se converta nun centro dedicado á memoria antifranquista

Piden que o ben recuperado para o pobo galego se converta no símbolo da restitución do recordo das vítimas, con perspectiva de país, xénero e clase e tamén da batalla levada a cabo para acabar coa impunidade da ditadura

O manifesto sae á luz con case un cento de sinaturas e o apoio de colectivos feministas coma O soño de Lilith, Colectivo Feminista de Pontevedra e Deza-Tabeirós, Comando Mazá ou A Bella Otero de Valga

Mulleres representativas do ámbito do feminismo e a cultura fixeron hoxe público un manifesto para solicitar á Xunta de Galicia que non utilice a súa loita como escusa para intentar evitar que o Pazo de Meirás se converta nun centro dedicado á memoria antifranquista.

As asinantes entenden que tras décadas de arduo traballo para que o Pazo pasase a mans “do seu lexítimo propietario, o pobo galego” é o momento “de mudar o seu significado e convertelo no símbolo de restitución da memoria das vítimas e da loita emprendida pola sociedade civil para acabar coa impunidade”, que foi precisamente o obxectivo que perseguía esa loita.

O texto foi promovido por tres mulleres: a xornalista Montse Fajardo, a presidenta da AC Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo,  e a poeta Marta Dacosta e sae á luz respaldado por moitas outras, integrantes do mundo da escrita, o xornalismo, o teatro, o audiovisual, a filosofía, o ensino, o sindicalismo e nomeadamente a loita feminista, ata achegarse ao cento. Tamén quixeron arroupalo colectivos como o Soño de Lilith, Colectivo Feminista de Pontevedra, Colectivo Feminista Deza-Tabeirós, A Bella Otero ou Comanzo Mazá así como integrantes de Galegas 8M, a Marcha Mundial das Mulleres,19 de Meirás, Escolas Asociadas da Unesco, AELG ou IGM. As persoas que queiran sumarse poderán facelo a través do enlace https://forms.gle/yzt6ZjhqcGNriZAT6.

As asinantes irrompen no debate sobre os usos de Meirás apoiando que se destine “á recuperación e a divulgación da memoria do pobo aldraxado e aniquilado e da súa loita antifranquista desde unha imprescindíbel perspectiva de país, clase e xénero, coa ollada posta tamén na restitución do recordo das mulleres que foron represaliadas (…) e que aínda así foron quen de ser solidarias co pobo perseguido, e resistentes na loita e na transmisión do verdadeiro relato”. Entre elas, citan as propias labregas de Meirás que participaron na revolta de 1933.

Como feministas, as asinantes entenden que cómpre facer visíbel a súa loita e traballar en prol da súa memoria e o manifesto –que fai un recoñecemento explícito á campaña “O feminismo non branquea o fascismo” iniciada semanas atrás nas redes- remata lembrando que o feminismo non agocha a memoria, está inzado dela.

Por un pazo de Meirás dedicado á memoria.

A loita feminista non debe ser utilizada de maneira interesada para impedir que o que foi un símbolo do fascismo reverta nun centro dedicado á memoria antifranquista.

O pazo de Meirás é para o pobo galego o símbolo do espolio franquista. Durante décadas agardamos impacientes a que chegase a hora de recuperalo para o seu lexítimo propietario, o pobo galego, e agora que é posíbel, cremos que é o momento de mudar o seu significado e convertelo no símbolo da restitución da memoria das vítimas e da loita emprendida pola sociedade civil para acabar coa impunidade.

Esa debe ser a súa finalidade: a recuperación e a divulgación da memoria do pobo aldraxado e aniquilado e da súa loita antifranquista desde unha imprescindíbel perspectiva de país, clase e xénero, coa ollada posta tamén na restitución do recordo das mulleres que foron represaliadas, violentadas, abusadas, asasinadas, presas, depuradas, exiliadas, degradadas e escarnecidas e que aínda así foron quen de ser solidarias co pobo perseguido, e resistentes na loita e na transmisión do verdadeiro relato.

Como as propias labregas de Meirás en 1933, nunha revolta histórica, continuadora da que outras mulleres levaran a cabo en Nebra, en Oseira, en Salcedo, en Sofán ou Sobredo para lograr un profundo cambio que ficou paralizado co golpe de Estado de 1936. Tamén elas foron vítimas da ditadura que chegou despois e que, nalgúns casos, mesmo as despoxou das súas terras para maior gloria da familia Franco. É un acto de xustiza imprescindíbel para a cidadanía galega converter agora ese espazo en lugar de lembranza para quen deu a vida, até a morte, pola liberdade de pensamento e acción, para quen loitou contra o fascismo.

Cómpre facer visíbel a súa loita. Cómpre honrar a súa memoria. Cómpre facer do pazo de Meirás un centro dedicado a esta tarefa imprescindíbel.

Por iso, as que asinamos reclamamos que a memoria centre os usos do Pazo de Meirás e rexeitamos que, baixo a aparencia de o dedicar a outra loita tan necesaria como é a do feminismo, se impida, outra vez, facer xustiza coas persoas represaliadas.

Nós tamén dicimos que o feminismo non branquea o fascismo. Non agocha a memoria, está inzado dela.

Promoven este manifesto Montse Fajardo, Mª Xosé Bravo e Marta Dacosta.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.