![]()
Na Galiza, patria onde a vaca é un tótem sagrado e o labrego o sacerdote dunha liturxia con séculos de antigüidade, prepárase o sacrificio ritual do noso agro, ese crime perfecto perpetrado pola man invisible do mercado que vén sentenciar a morte do tecido venoso da nación
Por Dani Seixo | 16/01/2026
«Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo. Poderala andar en pouco tempo de norte a sur, de leste a oeste noutro tanto. Non a has dar andado. Do grandor do teu espíritu depende todo; canto máis pequeno sexa máis terra precisará.»
Vicente Risco
Velaí a vella Europa, cansa dama de pedra e espírito que outrora alumeou o mundo coa súa universitas e a súa razón crítica, convertida hoxe en triste satélite dun decadente caudillo, en pálida sombra que abdica da súa esencia para se axeonllar ante o César americano e o seu expansionismo de ferro e lume, aceptando ser a fronteira sacrificable dun imperio alleo e afastado, pois neste fatídico Tratado do Mercosur, asinado con tinta de traizón nos despachos de vidro de Bruxelas, non alenta un abrazo fraterno e horizontal entre os pobos da lusofonía e a hispanidade, senón a claudicación dun continente que, nun acto de suicidio xeopolítico e seguidismo cego aos ditados de Washington, pechou as portas milenarias da Ruta da Seda e rompeu as pontes do diálogo co xigante asiático, renegou do alento enerxético vital que viña das estepas rusas e condenou deste xeito a súa industria á anemia e á perpetua dependencia, dando as costas ao clamor xusticeiro e emerxente do Sur Global, simplemente para satisfacer a voracidade dunha OTAN que debuxa fronteiras co sangue dos pobos e que busca perpetuar unha hexemonía unipolar xa caduca e noxenta.
Namentres os señores da guerra e das finanzas brindan con champaña, celebrando o illamento de Oriente e a submisión a Occidente, aquí, na nosa Terra Nai, no verde útero de Galiza, patria onde a vaca é un tótem sagrado e o labrego o sacerdote dunha liturxia con séculos de antigüidade, prepárase o sacrificio ritual do noso agro, ese crime perfecto perpetrado pola man invisible do mercado que vén sentenciar a morte do tecido venoso da nación. Pois, ao entregar a chave da nosa despensa aos latifundios de ultramar, esquecendo a sabia advertencia da FAO que sinala o pequeno produtor como o único gardián posible da seguridade alimentaria e do clima, as elites comunitarias, coa compracencia dos seus virreis en Madrid, decretaron o baleirado das nosas aldeas e a fin da nosa historia material, trocando a dignidade dos sucos na terra, o recendo do leite e o misterio das castañas pola frialdade das mercadorías transoceánicas e a especulación bolsista.
É a dialéctica cruel do capital, que no seu afán de acumulación despreza a vida e a xeografía, pois, para que a industria do motor alemán e a maquinaria pesada do centro de Europa atopen acomodo nos mercados da Prata, entrégase como moeda de cambio a cabeza do gandeiro galego, someténdoo a unha competencia desleal e salvaxe contra as macroexplotacións de Brasil e Arxentina, onde a carne se produce a custa de deforestar a selva e baixo estándares sanitarios e laborais que aquí serían delito. Legalízase así o dumping e dítase o peche das nosas granxas na Terra Chá, nos Ancares ou na Limia, non por falta de saber facer, que o temos herdado de xeración en xeración, senón por un deseño político que considera o noso minifundio un estorbo para os grandes fluxos do comercio global.
Así, as nosas feiras e mercados, esas ágoras onde a palabra valía máis ca o papel e onde se tecía a comunidade, esmorecen no silencio do abandono, substituídos pola frialdade do lineal do supermercado e pola bandexa de plástico que envolve alimentos sen alma, sabor nin orixe, perdéndose con eles unha gastronomía que, por dereito e fidalguía, debería ser o estandarte dun turismo de cinco estrelas, auténtico e enraizado, capaz de atraer o viaxeiro culto que busca a verdade no prato e no viño, eses viños nosos, sangue da terra e memoria dos mosteiros, que agora se deixan perder no tempo como bágoas na chuvia, esquecidos en favor da estandarización industrial que todo o iguala á baixa.
Mentres tanto, o monte, o noso sacro monte, sofre a metamorfose monstruosa da cobiza, vendo como os soutos de castiñeiros e as carballeiras onde aniñaba o mito e se recollía o cogomelo son talados para erguer o imperio do eucalipto, esa árbore muda e egoísta, e dos monocultivos industriais que, lonxe de dar vida, a chuchan, provocando que a terra ferida sangre cara ao mar, contaminando coas súas escorrentías e lodos as nosas rías, eses ventres de auga salgada que nos deron o ser, matando o marisqueo e pechando o ciclo da destrución, pois, ao morrer a terra, morre o mar, e ao morrer o mar, morre o espírito da Galiza, convertendo o país nun deserto verde propicio para o lume, esa lingua de lume que devora o que o abandono deixou inerme.
E todo este despropósito non é casualidade nin fatalidade do destino, senón un plan milimetricamente deseñado para deixar o territorio limpo, baleiro de xente e cheo de recursos para o Gran Capital, que cobiza os nosos ventos para os seus muíños xigantes e o noso subsolo para a súa minería agresiva, precisando para iso que o rural quede ermo, sen testemuñas nin defensores que coiden da terra, cortando así as veas polas que circula o sangue da patria, ese tecido venoso de parroquias e corredoiras, ata que o corazón da Galiza deixe de bater, convertido nun cadáver exquisito para o goce das multinacionais que non coñecen a piedade nin a pertenza.
Mais fronte a esta noite de pedra e lume, fronte a este espolio que nos vén imposto polos mercadores do templo europeo e a súa cegueira histórica, só cabe erguer a bandeira da dignidade que reside na nosa estrutura máis íntima e resistente, a Parroquia e o Poder Comunal, esa vella sabedoría dos nosos antergos que entenderon, antes ca Marx e antes ca a ecoloxía moderna, que o monte e a vida non poden ser mercadoría senón ben mancomunado, trincheira de resistencia onde volver a ser donos de nós mesmos, rexeitando os cantos de serea do libre comercio que nos desangran e apostando por unha soberanía que nace na leira e remata na conciencia dun pobo que, a pesar de todo, négase a ser borrado do mapa da historia e clama pola súa pervivencia na irmandade dos pobos libres, na defensa da súa terra nutricia e na construción dun futuro onde a vaca siga a ser raíña e o home irmán da paisaxe. Por todo iso, Mercosur debe morrer antes de que poida rematar coa nosa terra.
Se el primero en comentar