Araña: O pasado que se fai presente

o filme lévanos ó mundo destes revolucionarios de whisky e caviar, cachorros da burguesía que sentían tremer a terra baixo os seus pés, ca perda dos seus privilexios á man das clases populares

Andrés Wood non nos deixa empatizar en ningún momento con estes personaxes malvados, caprichosos e manipuladores,  que mesmos son quen de destruírse entre si, entregados a unha causa que non ten outro fin que a de perpetuar a súa condición de clase dominante.

Por Angelo Nero

Nestes convulsos tempos nos que semella que a extrema dereita volve a ocupar as rúas, como antes ocupou os parlamentos e ata os gobernos de moitos puntos do planeta, dende Hungría a Brasil, dende Bolivia a Dinamarca, dun xeito tan silandeiro que nin nos decatamos de como chegamos a esta situación,  é máis que convinte botar unha ollada cara o pasado, non tan lonxano, para aprender das experiencias históricas que propiciaron golpes de estado como o do xeneral Pinochet en Chile.

Andrés Wood, director chileno que xa puxo o foco nese pasado incómodo en outros filmes anteriores como “Machuca” (2004), ou na miniserie “Ecos del desierto” (2013), insiste aquí nun episodio pouco coñecido da historia do seu país, no auxe dos grupos de extrema dereita, como Patria y Libertad, que axudaron a derrocar o goberno socialista de Salvador Allende. A Frente Nacionalista Patria y Libertad foi unha organización paramilitar, creada en 1971 ca intención de desestabilizar ó goberno chileno a través do terrorismo, tentando crear as condicións precisas para o alzamento militar, voando torres de alta tensión e saboteando oleodutos, chegando a asasinar ó edecán naval de Allende, o Comandante Arturo Araya.

A través de continuos flashbacks, o filme nos leva dende os anos anteriores ó golpe de Pinochet, cando o grupo foi máis activo, ata a actualidade, onde xurde unha investigación sobre o pasado da protagonista, Inés, unha activista do FNPL, que é interpretada por María Valverde e Mercedes Morán, nas diferentes etapas (de xeito maxistral, especialmente, pola actriz arxentina).

Estes saltos no tempo son quen de manter o ritmo dunha historia que vaise completando como un quebracabezas, sen darnos posibilidade a perdernos, pois son moitas as pistas que nos ofrece. A través da historia dun triangulo amoroso entre os tres xoves protagonistas (María Valverde, Pedro Fontaine y Gabriel Urzúa), coas súas doses de complicidade, ciúmes e traizóns, o filme lévanos ó mundo destes revolucionarios de whisky e caviar, cachorros da burguesía que sentían tremer a terra baixo os seus pés, ca perda dos seus privilexios á man das clases populares, aínda que non foron poucos os desherdados que engrosaron este movemento de carácter fascista, asustados coa propaganda anticomunista de debuxaba un panorama desolador no que o goberno da Unidade Popular ía quitarlles o pouco que tiña, que mandaría os seus fillos a Rusia e mergullaría ó país no caos. Precisamente o caos era o que pretendía crear esta organización terrorista, creando o caldo de cultivo para a posterior intervención militar.

Andrés Wood non nos deixa empatizar en ningún momento con estes personaxes malvados, caprichosos e manipuladores,  que mesmos son quen de destruírse entre si, entregados a unha causa que non ten outro fin que a de perpetuar a súa condición de clase dominante. Xa dende as primeiras escenas, cando vemos a unha muller madura da alta sociedade, Inés (Mercedes Morán), protestando porque o adestrador deixa ó seu neto na bancada nun partido de fútbol, ou no home de aspecto trastornado, Gerardo (Marcelo Alonso), que persigue a un xoven delincuente que acaba de roubar un bolso, para tomarse a xustiza pola man, nunha reacción totalmente desproporcionada.

Pronto descubriremos que os dous estiveron unidos no pasado polas súa militancia en Patria y Libertad, e non so estiveron unidos por isto, debuxando un círculo pechado de paixón e sangue, da que era imposible saír indemne.  Tecendo a arañeira das liñas temporais que se afastan para atoparse o filme indaga nas razóns das personaxes para utilizar a violencia como medio político, aínda que –e iso quizais sexa o único pero do filme- centrase máis no persoal, e non na man que move os fíos destes grupos de extrema dereita, ó longo da historia e en moitos puntos do planeta, como arietes precisos para derrubar un goberno lexítimo (e aquí temos exemplos dabondo, dende a Falange nos tempos da Segunda República, ata os Cruceñistas en Bolivia, pasando por Svoboda en Ucraína), no que hai un potente sustrato de racismo, homofobia e, sobretodo, a eterna loita de clases.

O guión de Guillermo Calderón, que tamén firmou o notable filme de Wood “Violeta se fue a los cielos” (2011), e co director Pedro Larraín “El Club” (2015) e “Neruda” (2016), combina dun xeito magnifico os tempos, saltando do pasado ó presente con moita habilidade, para contarnos a historia de Inés, de Justo e de Gerardo, e a través deles a historia dun país, ou máis ben unha historia que, coas súas peculiaridades, repítese dun país a outro. A historia das feridas abertas do pasado que, se non se airean e se curan, volven a abrirse, a sangrar, e a mostrar que moitos privilexios están manchados de sangue.  

País: Chile / Ano: 2019 / Direción: Andrés Wood / Guión: Guillermo Calderón / Duración: 120 minutos / Reparto: Mercedes Morán, María Valverde , Marcelo Alonso , Pedro Fontaine , Gabriel Urzúa , Felipe Armas, Caio Blat, María Gracia Omegna, Mario Horton, Sergio Piña, Jaime Vadell, Paulo Brunetti. Produción: Bossa Nova Films (Brasil), Magma Cine (Argentina), Wood Producciones S.A. Fotografía: Miguel Ioan Littin / Montaxe: Andrea Chignoli / Música: Antonio Pinto

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.