![]()
Entrevistamos á escritora Marta Estévez, que despois do éxito da súa primeira novela ‘O segredo das irmás Asorey’, presenta ‘As tres beiras’, unha historia situada en tres espacios temporais e xeográficos, coa emigración e o narcotráfico como escenarios.
Por Angelo Nero | 17/03/2026
“As tres beiras”, é o título na nova novela da viguesa Marta Estévez, que volve mostrar a orixinalidade da súa narrativa tralo éxito de “As irmáns Asorey”. Dous son os polos sobre os que xira unha historia, dous polos cunha atracción fatal: a emigración, e adición ás drogas, e as súas consecuencias sobre as vidas das persoas que, como miles de galegos, caeron nese abismo, e arrastraron ás súas familias con eles. Ulises, o protagonista desta historia, navega marcado por estes ventos, entre dous pasados, o dos seus avós, emigrados a Venezuela, e o dese outro abismo que é o paso da nenez á adolescencia, e un presente, o do ano da pandemia. Tres liñas temporais e tres beiras, a da aldea, situada nunha pequena illa -que ben podía ser as Cíes-, a da cidade -que é sen dúbida Vigo, aínda que non se nomee-, e Venezuela -na que tamén hai unha cidade e unha illa-. Sobre esta aditiva novela falamos coa súa creadora, Marta Estévez.
Un dos cernes da novela é ese Vigo convulso da Reconversión industrial, na que se perderon miles de postos de traballo, e onde a heroína se espallaba polos barrios obreiros, como unha pandemia que se levaría por diante a vida de moitos mozos por sobredoses, ou polo sida, como lle sucede ós pais do protagonista. ¿Querías recuperar, de certo xeito, á memoria proletaria daqueles oitenta, ou sinxelamente pensaches que era un escenario atractivo para desenrolar a historia de Ulises?
O contexto socioeconómico e social é primordial para entender a realidade dos personaxes. Todos somos producto das nosas circunstancias, tamén Ulises. Non só foi deliberado retratar a realidade da clase proletaria nun momento especialmente duro por mor da reconversión industrial, senón que foi das primeiras cousas que tiven claras con respecto a novela, mesmo antes que a historia.
O segundo dos eixes é a migración, o drama de miles de galegos que tiveron que deixar os fillos atrás, cos avós, na procura dun horizonte de prosperidade que non había na terra. Alí van Antucho e Manuela a probar sorte, máis a sorte non sempre sorriu ós que cruzaron o charco. ¿Quixeches visibilizar tamén na túa novela ós que xogaron esa carta e perderon, ós emigrantes que non retornaron como ricos indianos?
A incerteza está sempre presente na vida do emigrante, nunca hai garantías de que vaia a saír ben, non hai emigración sen risco. En realidade, hai tantas experiencias migratorias como persoas, mais o foco na novela está posto nesas parellas que decidiron emigrar sós e deixaron aos fillos cos avós, a miles de quilómetros de distancia. Era unha medida temporal que moitas veces se alongaba máis da conta, unha decisión que se tomaba polo ben da familia e que raras veces saía ben. Non deixa de ser un paradoxo que emigres para poder darlle un futuro digno á túa familia e que o propio acto de emigrar sexa o que termina esnaquizando á familia.
O terceiro elemento, co que arranca a novela, é o do confinamento, que fai de elemento motor das reflexións de Ulises, ¿querías darlle un escenario propicio ó protagonista para que puidese ollar cara o pasado, nun momento no que o presente semellaba detido?
Si, a circunstancia tan excepcional e inédita que viviu o mundo no 2020 resultou propicia para que Ulises reflexionase sobre o seu pasado. Ademais, estar nunha illa despoboada é coma ollar o mundo fóra do mundo, o que ven a reforzar a idea de Ulises coma un outcast do mundo en xeral e da súa propia historia en particular.
Ti naciches no 72 -o ano da derradeira gran mobilización obreira en Vigo-, e no 86 tiñas a mesma idade que o protagonista do libro, aínda que a túa experiencia non ten que ver co que lle acontece a Ulises, ¿como viviches eses anos, e como foi meterse, dalgún xeito, na pel dun rapaz que daquela, era vítima indirecta do narcotráfico?
O feito de que no 86 eu tivera a mesma idade que Ulises foi deliberado. A miña realidade foi outra, pero quixen contar a historia que no fondo creo que podía ter sido a miña e que, por sorte para min, non o foi. Revisitar eses anos e meterme na pel de Ulises fixo que fose aínda máis consciente da delgada liña que separa un tipo de vida de outro, de como unas vítimas, como foros os heroinómanos, enxendraron outras vítimas, e do feito de que, como sociedade, parece que non sempre temos claro que ninguén ten mérito nin culpa por ter nacido nunha determinada familia, país ou época.
Hai unha certa romantización dos oitenta e, especialmente na nosa cidade, sempre que se fala desa época da Movida musical, dos Golpes Bajos, Siniestro Total e Resentidos, das noites no Kremlin, no Trincheira ou no Ruralex, pero ti decides cambiar o foco, e situar a acción nunha illa afastada de toda esta efervescencia cultural, onde tres nenos, Ulises, Toia e Oneovo, planean un asasinato, ¿tiñas que coller un pouco de distancia coa cidade para contarnos o sufrimento dos fillos da droga e dos netos da emigración?
Cando decidín contar a historia de Ulises tiven claro que era una historia nas marxes. Para min era importante non contribuir a romantizar una época que me da a sensación de que se romantizou de máis. É normal, posto que había una necesidade de romper co pasado a todos os niveis; aínda eramos una democracia nova e morriamos de ganas de deixar o gris e mesmo deixar de ser grises nós tamén. Houbo unha eclosión artística e musical innegable, esa primeira xeración de mozos e mozas da democracia foi transgresora, irreverente, sideral… pero a miña intención era poñer o foco noutra realidade, que La Movida non tapase a realidade de moitas familias afectadas pola heroína e polo desemprego por mor da reconversión industrial. Para contar a historia de Ulises tiven que coller distancia, non só con respecto ás miñas propias experiencias vitais, senón coa “outra cidade”, a máis transgresora e underground.
É unha novela, en certo modo, na que se fala das fronteiras, das xeográficas, que se cruzan na procura dunha vida mellor, e das temporais, no paso da infancia á adolescencia, tamén cargadas de incertezas, ¿neses saltos, xeográficos, temporais, máis sobretodo emocionais, é onde se poden agochar os pequenos ou grandes dramas da existencia?
Si. Na novela entrelázanse escenarios, liñas temporais, mesmo narradores, que non é outra cousa que o pasado e o presente dunha familia, dunhas vidas, pero todo na novela está ao servizo dos personaxes. Aínda que cada liña espazo-temporal correspóndese cun contexto socio-económico e histórico concreto, a min interésanme as pequenas historias, as que non veñen nos libros pero que inevitablemente terminan contando a historia con maiúsculas.
A avoa de Ulises semella unha desas mulleres de Erguete, o colectivo de nais que loitou contra o narcotráfico en Galicia, e que denunciaron non so os capos do droga, senón que sinalaron as autoridades, que non foron quen de deter esa pandemia. Leónidas, pola súa parte, é un deses narcos sen escrúpulos que fixeron fortuna coa desgracia de moitos mozos. ¿Te inspiraches nalgún personaxe real para construír a estas dúas figuras centrais do libro?
O personaxe de Manuela está inspirado no grupo de mulleres de Érguete, mulleres cunha forza e coraxe extraordinarias, que non dubidaron en saír ás rúas para denunciar o que lles estaba pasando aos seus fillos e fillas. Ían ás portas das casas dos narcos e aos puntos onde se vendía droga (xa que ao mesmo tempo que os seus fillos caían enganchados na heroína, un grupo de homes nas Rías Baixas empezou a traficar con cocaína), foron as primeiras en denunciar o problema. Hai un paralelismo coas nais da praza de Maio, de Bos Aires, que aínda seguen a denunciar as desaparicións e asasinatos dos seus fillos e fillas durante a ditadura de Jorge Videla.
O personaxe de Leónidas, por outra banda, está inspirado nese grupo de homes sen escrúpulos que nos oitenta deron o salto do contrabando de tabaco ao tráfico de cocaína.
César Lorenzo, director de Aira Editorial, é o tradutor do teu libro ó galego -foi escrito en castelán orixinalmente-, e tamén o responsable da edición galega. ¿Pensas que a novela, ó estar ambientada nun lugar que, aínda que non se nomee, e localizable no sur da Galiza, colle un novo pulo con esta tradución?
Penso que a falta dun topónimo concreto universaliza o problema. En realidade, podía ter sido calquera cidade industrial do norte de España durante a década dos oitenta, co transfundo da reconversión industrial e a circulación da heroína, aínda que hai suficientes sinais como para que calquera poda chegar á conclusión de que é Vigo. Oxalá a tradución ao galego supoña un novo pulo para a novela!
“As tres beiras” ten un ritmo moi cinematográfico, unha banda sonora moi atractiva, e uns personaxes que enganchan, ¿non tiveches ningunha oferta para convertela nunha película ou nunha serie?
De momento non. Estaría ben ver a historia de Ulises no audiovisual, aínda que supoño que non sería unha produción barata.
![]()
Se el primero en comentar