Entrevista a Alberto Gonçalves, secretario comarcal da CIG en Vigo: «A loita pola emancipación das clases populares e traballadoras e interdependente e indisociable da loita pola plena soberanía e independencia nacional»

Por Angelo Nero

Galiza está inmersa nunha profunda crise que ven, cando menos dende o 2008, aínda que podíamos ir máis aló, ata os anos oitenta do século pasado coa reconversión industrial e o desartellamento do sector naval, e tamén dos sectores agrícolas e gandeiros que sufriron as políticas da comunidade económica europea, onde o noso país cumpre a función de fornecedor de materias primas, ben mediante unha política forestal moi agresiva co noso territorio, ou mediante actividades extractivas tamén con forte impacto ambiental. Primeiro forzaron a desertización do rural, onde fixeron inviable a actividade económica tal e como a coñeceron os nosos avós, e agora semella que a actividade económica nas cidades que coñeceron os nosos pais tamén está esmorecendo. ¿Que futuro lles espera ás xeracións que veñen detrás, se non lles damos unha resposta en clave nacional e de clase, a esta sucesión de crises que estamos enlazando, na que a ultima, provocada pola Covid-19, semella que ven cargada con unha vaga de recortes laborais, e non so, senón políticos e sociais aos  que semella moi difícil facerlles fronte? ¿Cales son as vacinas que se están preparando nos laboratorios da CIG para inmunizarnos contra esta nova ofensiva dese virus chamado capitalismo que ven asociado á pandemia?

Certamente a pandemia está a agravar as contradicións do propio sistema, ao irromper nun contexto onde inda non estaban superados os efectos da dura crise do 2008.  En termos históricos o movemento obreiro xa aprendemos que o capital tenta, sempre, por todos os medios, aproveitar as crises ao seu favor. O feito de que o capitalismo estea en crise, non significa que iso se traduza nunha correlación de forzas máis favorable aos intereses do pobo e das clases traballadoras. Senón que o capital, e a súa burguesía parasitaria van esforzarse por reforzar os mecanismos de explotación da maioría do pobo para manter os seus lucros. Xa que logo, este escenario vai esixir unha resposta contundente e firme por parte da clase obreira, non só para frear a perda de dereitos ou para recuperar os que nos foron arrebatados nos últimos anos, senón para estar en condicións de avanzar na ofensiva contra este réxime depredador e explotador.

Con independencia dos síntomas concretos cos que se manifesta, en cada momento, a vacina é sempre a mesma: mobilización e conflito. Alargar e organizar máis conciencia de clase. Axitar e confrontar de maneira clara, sen timoratismos, contra os nosos inimigos de clase. Como dicimos sempre: a loita é o único camiño.

Vivimos nunha sorte de sociedade líquida, como afirmaba Zygmunt Bauman, na que “non fai moito o precariado era a condición de vagabundos, mendigos. Agora marcara a natureza da vida de xente que fai 50 anos estaba ben instalada. Xente de clase media. Menos do un por cento que está arriba de todo, ninguén pode sentirse hoxe seguro. Todos poden perder os logros conseguidos durante a súa vida sen previo aviso.” ¿Neste contexto, no que a ilusión do estado de benestar semella que xa non existe, e que esa clase media está mesmo desaparecendo, pensas que é preciso falar outra vez de loita de clases, de contradición entre capital e traballo, e da necesidade de loitar por unha sociedade socialista, como facían os sindicalistas cen anos atrás?

O concepto ‘precariado’, tan de moda ultimamente, está en discusión. Autores como o sociólogo marxista Adrián Sotelo, contrapoñen a ese presunto “novo suxeito” a constatación de que o que enfrontamos é a un aumento da sobreexplotación da forza de traballo, e da súa manifestación en forma de xeneralización do empobrecemento salarial e precariezación das condicións laborais. Ao fío do que apuntabamos na pregunta anterior, a cuestión é que a brutal ofensiva do capital co pretexto da crise de 2008, desenvolveuse sen apenas contrapesos. Xa non hai bloque socialista no mundo, despois da demolición da URSS, cuxa existencia foi a que provocou que emerxese o chamado “estado do benestar” nalgúns territorios do occidente capitalista, precisamente para evitar o risco de novos escenarios revolucionarios. A esquerda mundial fica derrotada, en grande medida pola liquidación do seu programa abrazando fórmulas reformistas que chocan coa realidade teimuda de que o león nunca será vexetariano, de que non cabe un capitalismo de rostro humano. De que o cancro capitalista non se cura con aspirinas.

A historia recente verifica que no marco do capitalismo ningunha conquista é permanente nin definitiva, que todo está en disputa, que os dereitos logrados cunha intensa e sacrificada loita obreira poden desaparecer. Por iso en canto as circunstancias lle son propicias, o capital a través dos seus gobernos títere, avanza na retirada de dereitos sociais, no empobrecemento das clases traballadoras e populares e no desmantelamento dos servizos públicos.

A loita de clases é plenamente vixente e o que estamos a vivir é unha ofensiva moi violenta do capital en contra do pobo traballador dentro dese marco. Algo que confirma ademais, que fronte a teorías algo desnortadas do chamado postobreirismo, o traballo segue a ser o factor central xa que é mediante o traballo como se crea o valor e o plusvalor, que é a fonte de alimento do capital.

É por iso que para alén do programa táctico concreto, da disputa económica e da pugna por unhas mellores condicións laborais, a loita sindical debe manter un horizonte estratéxico con rumbo á plena emancipación da clase traballadora superando o réxime de explotación capitalista e avanzando na construción do socialismo.

Na nosa nación a reivindicación do socialismo, xa dende que se combatía á ditadura, estivo vinculada a loita pola nosa soberanía, “independencia e socialismo” era unhas das consignas máis utilizadas polo nacionalismo de esquerdas. A opción independentista nunca foi maioritaria en Galiza, máis agora incluso hai sectores do BNG que o defenden, quizais influenciados pola “vía catalana”. ¿Crees que a loita pola independencia nacional e a loita polo socialismo deberían seguir vencelladas no noso país? ¿que opinas da recente operación xudicial contra unha parte do independentismo? E xa que falamos disto ¿que valoración tes ti do procés catalán?

Polas condicións concretas de Galiza, como nación negada politicamente, culturalmente asoballada e sometida a unha dependencia de tipo colonial no ámbito económico, a loita pola emancipación das clases populares e traballadoras e interdependente e indisociable da loita pola plena soberanía e independencia nacional, para romper coa opresión que exercen tanto o Estado español como a propia Unión Europea, como instrumentos ao servizo da grande oligarquía empresarial e financeira. A soberanía non é unha abstracción filosófica, é cousa de comer. Soberanía significa dispor de plena capacidade de decisión para orientar os recursos e capacidades do País ao servizo da satisfacción das necesidades do noso pobo. Soberanía significa poder despregar políticas que garantan o noso dereito irrenunciable a vivir dignamente dun traballo na propia terra. E ao revés, é claro que non cabe soberanía real e efectiva se esta non é exercida polo pobo traballador. Esa Galiza ceibe e sen explotación que defendemos o sindicalismo nacionalista e de clase desde a nosa xénese, esa nova Galiza socialmente xusta, igualitaria e radicalmente democrática, só poderá abrirse paso mediante o exercicio da soberanía nacional para construír unha realidade socialista.

A Operación Jaro é máis un caso da continuada ofensiva contra o independentismo e o soberanismo galego. Trátase de maneira clara dun proceso político que o que persegue é insistir na criminalización da causa da liberación nacional do noso País e que deixa ao descuberto o carácter autoritario e antidemocrático do Estado español.

O procés soberanista na Catalunya merece unha análise demorada sobre a premisa de que hai que inscribir ese movemento dentro das súas condicións concretas. Para alén das súas contradicións ou eivas, que as pode ter, o que é claro é que representa até o momento o maior desafío democrático ao réxime podre resultante da chamada Transición española e un paso decisivo para confrontar co centralismo españolista que insiste en negar o carácter plurinacional do Estado.

Dende fai décadas tamén dende a esquerda que auguraba o esgotamento da vía socialdemócrata, diciamos, que “o capitalismo mata”, e semella que o tempo está a darnos a razón, pois o desmantelamento da sanidade pública e dos servizos sociais puxo en evidencia, con esta pandemia, que este sistema non é reformable, que nos deixou desprotexidos e que e preciso un cambio de sistema. ¿Non crees que compre, antes de que sexa tarde, un cambio radical de sistema, para que se garante unha vida digna para as clases populares?

Si, por suposto que si. No capitalismo non vai haber nunca solución para os problemas e as necesidades do pobo e da clase traballadora galega. Os intereses do capital son contraditorios e irreconciliables cos dos e das traballadoras. A cuestión non é tanto asumir a tarefa histórica, que sigue vixente, senón dotarnos nun sentido amplo, para alén da loita sindical, dos instrumentos, das tácticas e da definición estratéxica que nos permitan, nesta terra e neste tempo, avanzar nese camiño. Unha das chaves, na miña opinión, é avanzar en unir conflitos, en superar o campo curto do conxuntural e hiperconcreto, de ligar cada loita concreta coa causa xeral.

Dende a crise do 2008 foron moitas as empresas que desapareceron na Galiza, moitos sectores estratéxicos da nosa economía foron minguando, ou, noutros casos pasaron a mans de multinacionais ou, aínda peor, de fondos voitre, semella que nin dende o goberno central, nin dende o autonómico, hai un plan real para pórlle freo a isto. So na comarca de Vigo, un dos motores industriais do país, asistimos o desmantelamento do sector naval, á continua ameaza sobre a automoción, o peche de frigoríficos e conserveiras. ¿Que se está facendo desde a CIG para facerlle fronte a esta situación? ¿Cales son os conflitos abertos agora mesmo na Comarca de Vigo, e no resto do país?

Enfrontamos unha dura crise industrial onde se están poñendo baixo a ameaza real de desaparición actividades estratéxicas para o noso País. Vémolo na industria electrointensiva no norte, pero tamén na construción naval ou na automoción no sur. A CIG levamos moito tempo despregando unha alternativa con medidas concretas e viábeis, que pasan entre outras cuestións por unha decidida intervención pública, que coloque baixo control público este tipo de actividades que son fundamentais para o desenvolvemento do noso País. Na comarca de Vigo esta cuestión está a manifestarse de maneira moi dura na situación moi complexa que atravesan os estaleiros Vulcano e Barreras, pero tamén nas enormes incertezas que pairan sobre a automoción.

Coa primeira declaración do estado de alarma, fixéronse máis visibles que nunca os riders, eses rapaces que recorren as cidades en bicicleta repartindo comida a domicilio, e tamén os repartidores de paquetería de empresas como Amazon. Sei que a CIG é pioneira na denuncia dos falsos autónomos, como no caso dos traballadores de Servicarne, ¿como se desenrolou este conflito, tendo enfronte a empresas tan fortes como Coren? ¿e que resposta ten a central nacionalista para os que están sendo explotados por Glovo ou Just Eat?

O conflito de Servicarne, cunhas condicións que raiaban nunha especie de nova escravitude laboral, coa negación de dereitos básicos, puxo en primeiro lugar en evidencia a falla de control por parte da autoridade laboral. De non ser pola valentía dos e das traballadoras, da súa capacidade de resistencia de combate e de poder contar co apoio firme e total dun sindicato con tanta capacidade de acción como a CIG, é moi probábel que esa situación se mantivese a día de hoxe. Creo que unha das leccións que permite tirar a loita en Servicarne, como a das traballadoras de Bershka, ou a de tantos e tantos conflitos, é que a clase traballadora temos todo, absolutamente todo por gañar. Que se nos organizamos sindicalmente e lles plantamos cara podemos vencer.

Dende os distintos gobernos obrigásenos a confinarnos nas nosas casas, a evitar a vida social e a actividade cultural, a minimizar os riscos para evitar a propagación dos contaxios, máis despois vemos que son moitas as empresas onde non se garantiza a seguridade e a saúde dos traballadores e das traballadores, falta material de protección ou non se vela polo seu uso, non hai distancias de seguridade, a inspección de traballo está desbordada de denuncias, e o medo a perder o posto de traballo é máis grande que nunca. ¿Non sería preciso tomar máis en serio as medidas de protección da clase obreira en materia de seguridade e hixiene, ademais de incrementar as coberturas sociais, antes que preocuparse polas reunións familiares ou por asistir a unha función de teatro?

No inicio desta pandemia quedou claro que a saúde da clase traballadora era o de menos. Vimos como se obrigaba a ir traballar sen as máis mínimas medidas preventivas, en empresas como Unísono ou mesmo PSA, que fixo que a factoría de Balaídos fose a última do Estado en paralizar a produción. A economía por riba da nosa saúde. Os seus lucros por riba da nosa propia vida. Esa é a lóxica do capital que os gobernos español e galego permitiron e en grande medida consenten inda a día de hoxe.

En termos sanitarios parece indiscutible que reducir o contacto social e a mobilidade é un mecanismo efectivo para enfrontar o coronavirus. O que resulta chocante é que iso só se aplique fóra da xornada laboral. Que o problema sexa unha comida familiar ou con amigos na fin de semana, pero que non o sexa traballar amoreados e sen os medios preventivos. Que o problema estea no lecer pero non en ter que acudir ao traballo subindo a buses ateigados. Detrás desa contradición o que hai en realidade é unha priorización: a produción por diante da saúde. E a iso obedece a neglixencia criminal coa que está actuando a Inspección de Traballo e a Dirección Xeral de Saúde Pública da  Xunta de Galiza, que ollan para outro lado diante de calquera denuncia.

Para rematar, vemos con preocupación a conflitividade entorno a seguridade e a sanidade públicas, que xa veñen de antes da aparición do Covid-19. Facemos un repaso é semella que algo moi grave está pasando: Bombeiros de Vigo, Ambulancias, Povisa, servizo telefónico de emerxencias… ¿a cidadanía é consciente do que está pasando con estes sectores tan importantes para a nosa saúde? ¿cal é a resposta que se lle está dando dende a CIG a estes conflitos?

Hai unha cuestión que se cadra non está a ser suficientemente considerada e analizada que é o impacto en termos psicoemocionais desta crise. O efecto combinado da pandemia e as medidas de disciplina social que, lembremos, na primeira vaga tiña un indisimulado tono marcial, con máis militares e corpos policiais que sanitarios nas roldas de prensa oficiais, produciron un evidente shock a nivel social. A incerteza, o medo, a desesperación son factores que atenazan a nosa capacidade de resposta a nivel social. E iso claramente estano aproveitando tanto o empresariado como os seus gobernos amigos.

Un exemplo claro é a situación que vive o persoal sanitario. Con todo o que vivimos na primeira onda de contaxios, hoxe estamos a ver como seguen faltando persoal e medios materiais, como a atención sanitaria pivota no sobreesforzo dos e das profesionais. Como pode ser que, como denunciaba recentemente o persoal de Povisa, hoxe estean en peores condicións que en marzo? E diante disto vemos como a “disciplina social” que se impón baixo a escusa sanitaria, acaba provocando tamén un confinamento da reivindicación, porque se dificulta até o extremo a mobilización e mesmo a autorganización da clase traballadora. Todo son atrancos para realizar asembleas ou concentracións, pero logo vemos o ministro Illa e grandes xerifaltes da política española nunha papatoria con centenas de persoas sen máscaras.

A CIG desde o primeiro momento non permitimos que as necesarias medidas sociosanitarias provocasen a paralización do sindicato, e a pesar de que tivemos que adaptar o noso funcionamento a este novo contexto, o noso sindicato non parou nin un só día e imos seguir poñendo en marcha toda a nosa capacidade mobilizadora para defender a clase traballadora. No que de nós dependa a loita obreira non vai ser confinada.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.