Despolitizar a Bóveda

O diputado do BNG, Luis Bará, na recente Homenaxe ás Vítimas do Franquismo, realizada en San Simón, a Illa da Memoria

Coa escusa de que hai que mirar para o futuro, de que hai que superar os traumas e os enfrontamentos, coa invocación do “espírito de reconciliación” da transición, o PP pretende pasar moitas páxinas dun libro que aínda non foron lidas.  

Por Luis Bará / Nós Diario

Está en marcha unha operación, dirixida desde o PP e que conta con sinalados elementos colaboracionistas, para desenvolver con Alexandre Bóveda o mesmo manual que empregaron con Castelao. A consigna “Castelao é de todos” rexorde agora aplicada a Bóveda.

A operación que comanda a inexistente “ala galeguista” do PP conta coa colaboración imprescindíbel e entusiasta de sectores do “galeguismo” culturalista, que brindan plataformas e escenarios para que a dereita leve a cabo a súa operación de branqueo. O lavado de imaxe vaise escenificar publicamente hoxe 17 de agosto nos actos do Día da Galiza Mártir, con anuncios para a galería en forma de colaboración da Xunta, da Deputación de Pontevedra e do concello de Poio para a difusión e coñecemento da figura de Alexandre Bóveda.

Aínda que haxa quen caia no engado, movido por ambicións persoais ou doutro tipo, a realidade é teimuda. Por moito que o PP de G teña querenza polos abalorios, non imos asumir como verdade o que é pura aparencia, cerimonia de confusión e intento de distorsión e neutralización do poder emancipador da figura de Alexandre Bóveda.

A operación de maquillaxe do PP vese desmentida polos feitos: a súa oposición reiterada á institucionalización do Día da Galiza Mártir, a aniquilación de todas as políticas públicas da memoria iniciadas pola Xunta no período 2005-2009, o desprezo cara ás vítimas do franquismo e as súas familias, e mesmo a negación da idea de “memoria histórica”, substituida pola anestesiante idea da “concordia histórica”. A derrogación das leis e políticas públicas de memoria que anuncia e impón a coalición PP-VOX non son ningunha novidade: xa as estableceu Feixoo na Xunta a partir do 2009.

Coa escusa de que hai que mirar para o futuro, de que hai que superar os traumas e os enfrontamentos, coa invocación do “espírito de reconciliación” da transición, o PP pretende pasar moitas páxinas dun libro que aínda non foron lidas.  Quere soterrar unha dor que aínda permanece viva. A dereita teme o pasado e renega do seu coñecemento porque é un “pasado incómodo”, porque é un pasado do que se sente culpábel (é o seu pasado) e non quere asumir por el ningunha responsabilidade, nin sequera a de pedir perdón.

É por iso que, fronte ao mandato do dereito internacional (verdade, xustiza, reparación), o PP afánase en reforzar o relato negacionista e revisionista con discursos como o formulado polo presidente do Parlamento o pasado 7 de xuño, nunha suposta homenaxe a Bóveda, no que repetiu todos os mantras da narrativa franquista: as vítimas dos dous bandos, a guerra fratricida, a reconciliación.

O desembarco de dirixentes da dereita nos actos do 17 de agosto na Caeira e San Amaro é moito máis que unha escenificación absolutamente hipócrita e oportunista. É un paso adiante de calado dentro dun plan para desvirtuar o significado do Día da Galiza Mártir (de recoñecemento e homenaxe a todas as vítimas do franquismo e aos seus ideais), para desnaturalizar o sentido profundamente político da obra de Bóveda e as razóns do seu asesinato, e para reutralizar o seu valor de símbolo de resistencia democrática e liberación nacional. A folla de rota inclúe os imprescindíbeis abalorios para calmar conciencias e comprar vontades, e de camiño situar cabalos de Troia no movemento memorialista galego.

Coa súa querenza habitual polos espellos deformantes, a dereita vai utilizar todos os resortes do poder para neutralizar a Bóveda, enxalzando a súa dimensión humana, a súa faceta cultural, as súas afeccións, a súa relixiosidade, o ideal cristián da reconciliación e o perdón. O xenial economista como correlato do humorista xenial.

Alexandre Bóveda non merece esta caricatura, non merece este desprezo. Por iso seguiremos traballando nos movementos sociais, nos parlamentos e nos gobernos pola institucionalización da Galiza Mártir, pola anulación de todas as condenas, polo coñecemento da verdade histórica e pola demanda de xustiza e reparación para todas as vítimas do fascismo español.

Por dignidade, por xustiza e por lealdade aos ideais que nos legou Bóveda, que segue sendo “a bandeira da nosa rendención”.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.