Conversa con Telmo Varela (1ª parte): «Para un comunista a loita forma parte da súa vida. Alí onde está un comunista abre un fronte de loita, na fábrica, no campo, no barrio»

Foto: Galiza Contrainfo

Por Angelo Nero

Telmo Varela nace na parroquia viguesa de Coruxo, en 1955, no cerne dunha familia de nai labrega e pai operario do naval, ¿eses orixes campesiños e proletarios habían de condicionar o teu compromiso social? ¿Que influencia tiveron os teus pais no teu xeito de ver o mundo que te rodeaba de neno e despois, xa de mozo?

Por suposto, a extración social condiciona o teu carácter, a túa aprendizaxe, a forma de pensar e a forma de ser. Tamén o entorno onde naces e creces marca a túa personalidade. A sombra das nubes grises vindo do mar, o sol remoto ocultándose polas illas Cíes, con esas postas de sol espectaculares. O maiores coa faciana arrugada, curtida pola brisa asalitrada do mar. Todo iso, claro que marca, e déixalle a un a súa pegada.

O meu pai foi un líder proletario, de feito encabezou moitas loitas en Freire. Un home moi avanzado para o seu tempo. Tiña frases como “eu empecei a traballar sen bicicleta e voume a xubilar sen ter unha.”

Ou cando no ano 1976 UXT e CCOO recibiron as primeiras subvencións do estado. “Quen paga manda. Acabouse o sindicalismo”. As conversas sobor o golpe de estado, sobor Franco e a ditadura, tiveron un gran impacto en mín.

“Telmo, fillo, non tivemos sorte, tocounos vivir nunha sociedade inxusta, cruel… Algún día acabarase e vencerá a razón, venceran a xustiza e a liberdade, a luz pola que pelexamos”. Estás son as influencias do meu mestre.

En 1972 comezas a traballar, co teu pai, no asteleiro Freire, e ós poucos meses, tócache vivir a primeira folga, ¿cómo foi esa primeira toma de contacto co mundo do traballo, e con ese sindicalismo combativo que comezaba a agromar, aínda na ditadura?

Cando comecei a traballar en Freire, aínda que eu viña de traballar de mozo de recados nun comercio, aos 20 días, en febreiro, comezamos unha folga polo convenio. O meu bautizo na loita sindical.

O día 11 de marzo foi a Folga Xeral polos asasinatos de Daniel e Amador en Ferrol. Nos asteleiros xa paramos o día 10, nada máis coñecer os asasinatos dos compañeiros.

O ano 72 foi un ano moi movido, en canto a loitas obreiras se refire. Lin a primeira octavilla de CCOO e recoñezo que gustoume. En Freire repartiuna o meu pai. Fixouse en min Xosé González (Óscar, de nome de guerra), e explicoume a laboura de vendeobreiros de CCOO, a súa política de copar o sindicato vertical, e o propio papel do PCE coa política de Reconciliación Nacional e os pactos.

En Vigo estábase forxando a ruptura con CCOO, as Xuventudes Comunistas e o PCE. Óscar formaba parte dese grupo que quería rachar co revisionismo. Foi un dirixente da Organización Obreira, que máis tarde, xunto a Chaves, xogan un destacado papel na creación do Sindicato Obreiro Galego (SOG).

Asemblea de traballadores nos últimos anos do franquismo, en Vigo

Naquel setembro vermello do 72, na folga xeral que paralizou Vigo, xa participaches activamente, xunto con militantes da Organización Obreira, como Braulio de Freire, Anxo Guisande de Ascón, e Benedicto de Barreras, ¿cómo viviches esa loitas históricas que agora son reivindicadas dende o amplo espectro do sindicalismo, incluso dende o que traizoou o seu espírito de combate? 

As loitas de Setembro do 72 son históricas, e cando un acontecemento convértese nun fito histórico todos queren sacar partido. Case todo canto lin e todo o que vin en reportaxes e documentais falsean ou ocultan a realidade, ou a distorsionan. En todos os casos descafeinan os aspectos máis significativos, os aspectos máis combativos e as grandes ensinanzas desa importante loita.

Como todo o mundo sabe, esa folga revolucionaria comezou cando Citröen despide a cinco obreiros. Ben, ós cinco días de folga, CCOO xa quería desconvocala. Continuou dez días máis, porque Organización Obreira colleu as rendas do conflito e o impulsou contra as intencións de CCOO.

Foi neste conflito onde Organización Obreira consolidouse como organización e rompeu definitivamente co carrillismo, e os vendidos de CCOO. Agora denunciamos a UGT e CCOO como vendidos, pero esta práctica, como queda patente, ven de moitos anos atrás.

Aspectos a ter en conta desta loita é que todos os pasos a dar acórdanse en asembleas de traballadores. Había dous tipos de asembleas: as relámpago, na rúa, en Bouzas, Calvario, Teis, Praza dos Cabalos… nestas só falaba uns cinco ou oito minutos un dirixente obreiro; nas que se debatía e discutía celebrábanse nos montes, na Madroa, no Alba, en Puxeiros… e duraban horas. Montábase un dispositivo de seguridade para evitar calquera percance ou redada policial. Nestas asembleas tódolos presentes tiñan dereito á palabra e podían expoñer os seus argumentos con total liberdade.

Outro aspecto importante desta loita é que poucos repara e, precisamente, que nos 15 días de loita producíronse poucas manifestacións multitudinarias. A táctica era ben outra. Grupos reducidos de traballadores/as, uns 50 ou 60, saltaban cronometrados á rúa (de aí o nome de saltos) en diferentes puntos da cidade, nos Choróns, en Travesas, en Bos Aires… En cada salto había un responsábel que ó rematar os saltos reuníanse para ver e analizar as incidencias ou si houbo algún detido.

Realizábamos emboscadas á policía. A provocabamos para que entraran no barrio de Coia, daquela estábase construíndo, e unha vez nas obras chovían ladrillos, pedras e cubetas de masa dende as plantas dos edificios en construción.

Os medios de comunicación da época falaban de “guerra de guerrilla urbán”. Está a hemeroteca para poder comprobalo.

Tamén hai que subliñar as extraordinarias mostras de solidariedade do pobo galego. Barcos do Berbés doaban caixas repletas de peixe para os folguistas. De Ourense e Lugo chegaron xamóns, embutido, leite e todo tipo de produtos do campo. Esta solidariedade daba folgos para continuar na loita.

Asemblea obreira

A Benavides, Isidro, os irmáns Merrellos, WaldinoVarela, etc., dirixentes de CCOO, recoñécelles certo protagonismo nestas loitas, pero máis ben para controlalas que para impulsalas. Os lideres naturais do Setembro Vermello do 72 foron os militantes de Organización Obreira, Moncho e Xaniño de Barreras, Óscar de Freire, Guisande e Carlos Santiago de Yarza (Ascón), Chaves de Citroën, Carme Cayetano e Rosa (María) de Álvarez, os irmáns Collazo da construción, Casemiro Xil de servizos. Moitos deles foron detidos e torturados, ou marcharon ó exilio, como foi o caso de Moncho, Xaniño, Chaves Xil…

Lémbrome que en Freire, nun principio, eran 30 os despedidos, quedando ao final 15 despedidos. Estes 15 mentres non encontraron traballo, recibían o soldo íntegro das recolleitas feitas polos propios compañeiros.

Para resumir a participación na folga de Setembro, o papel de CCOO era frear a loita, poñendo paus nas rosas. SOG practicamente non existía. Eu teño coñecemento deste sindicato, por primeira vez, no 1973.

Foi Organización Obreira quen encabezou e dirixiu a folga revolucionaria de Setembro do 72. Ninguén o quere recoñecer, pero a historia é a que é. Os que vivimos aquel 72 sabemos como foi e sabemos o impacto que tivo na Galiza e no estado español. Abelardo Collazo, por exemplo, percorreu de norte a sur da península para explicar a militantes revolucionarios e a traballadores as experiencias da Folga Xeral Revolucionaria de Vigo.

Do Setembro do 72 quedan moitas experiencias, cousas e aspectos que contar e analizar.

O importante hoxe é seguir conservando a identidade de clase e ter en conta todas as experiencias de loita. Nilo vai o noso futuro.

No 74, despois dunha vaga represiva, pasas á clandestinidade e vas a traballar a Ferrol. Semella que o réxime incrementaba a represión para deixalo todo “atado e ben atado”, á morte do ditador. ¿Cal era o ambiente político e sindical que se respiraba entón e cales os seus principais actores?

No ano 74 a policía seguía centrada en dar captura aos dirixente do Setembro Vermello do 72. Os máis destacados estaban presos ou na clandestinidade. No 74 a policía detén a destacados militantes de Organización Obreira, entre eles Braulio de Freire, Luís Abalde de Barreras, Guisande de Yarza, Dopico de Bazan… e para evitar a cadea paso á clandestinidade. E vou para Ferrol a reorganizar a Organización de Marxistas-Leninistas de España (OMLE).

O ambiente político e sindical era de tal efervescencia que a chispa saltaba por calquera inxustiza, por un convenio, por un despido, etc.

A agudización da crise política e económica, levaba ao pobo traballador galego a respostar de cotío ao goberno moribundo de Franco. O réxime facía auga por todas partes, e nesas condicións agravábanse todos os problemas e lacras sociais e incrementábase a loita de clases. A saída da crise facíase cada vez máis difícil, por non dicir imposible, no propio marco do sistema franquista.

De aí que un sector da oligarquía, cada vez máis importante, estaba pola laboura de reformar o sistema para que todo, en esencia, continuara igual.

E o conseguiron, vaia se o conseguiron!!! Dándolle participación a todos os partidos e sindicatos no reparto do pastel.

Así coa Reforma Política desapareceron numerábeis partidos políticos dunha ampla gama de máis variopinto: ORT, PTE, PCI, MC, LCR, OIC, BR, LCR-VI, PSP, FRAP… desapareceron como un turrón de azucre no café.

Os sindicatos sobreviviron a base de talonario, a oligarquía precisaba amortecedores, para cando as loitas obreiras se produzan, e xa lles cheguen descafeinadas ás mesas de negociación. E sen moita implicación na vida social, dividindo e illando a uns sectores de outros, a unhas loitas de outras. É o que hoxe estamos vivindo. Hai moitos conflitos pero cada un vai por un lado.

A inicios do 77 comezas a militar na oposición armada ó estado monárquico, e en setembro dese ano es detido cando estabas realizando unha acción, ferido de bala e torturado durante oito días na DGS. Todo apunta a que a policía na Transición seguía exercendo ás súas labores represivas como no franquismo, ¿non si?.

“Deixo todo atado e ben atado”, palabras do mesmo ditador. A mesma policía, os mesmos xuíces, o mesmo exército, os mesmos funcionarios da ditadura, os mesmos políticos fascistas, foron os que promoveron a Transición.

¿Que elixiu ó Rei? Foi nomeado e imposto por Franco. Ningún “súbdito” español votou ao Xefe do Estado, nin a monarquía como forma de goberno. ¿Podemos chamarlle a isto democracia?

Nesta detención coñecín ó psicópata de Billy el Niño. Un torturador enfermizo. Pois ben, que todo o mundo saiba que a “democracia” condecorou máis veces a este torturador que ó propio réxime franquista.

O curioso é que toda esa restra de partidos que nomeei antes e que a “democracia” os enguliu, non levantaron a voz, nin moveron un so dedo en contra da tortura,, ni contra a Audiencia Nacional, nin contra a represión e o maltrato nas cárceres.

Hoxe toda persoa honesta sabe que as organizacións oportunistas e pequenoburguesas toman partido polas clases dominantes, polo poder en momentos da plena crise revolucionaria. Moitos deses militantes pasaron a formar parte de importantes postos no estado.

Así foi como no ano 1977, en lugar de denunciar as torturas, os asasinatos fascistas, etc, todo o seu empeño e esforzo era atacar a quen loitabamos con todas as consecuencias a Reforma Política, como unha continuación do sistema herdado do franquismo.

Foto: Galiza Contrainfo

Pasas tres anos na cadea, mentres o país atravesa momentos de forte tensión política e sindical, con varias folgas de fame, motíns e intentos de fuga. ¿A loita seguía dentro das prisións?

Para un comunista a loita forma parte da súa vida. Alí onde está un comunista abre un fronte de loita, na fábrica, no campo, no barrio, na universidade, na cultura… e, por suposto, dentro das prisións. Todos os frontes de loita son necesarios, todos se complementan e en todos e cada un o obxectivo é debilitar ó sistema capitalista e fortalecer as organizacións revolucionarias, co obxectivo de acumular forzas e enfrontar a batalla final.

A cadea é un fronte máis de loita, en unha inferioridade de condicións. Alí estás a mercé do inimigo, e só tes as túas conviccións e a fortaleza moral. Loitamos por unhas condicións dignas dentro das prisións, para evitar que te pisen, por mellorar a comida, o aseo, para que os carcereiros nos respecten e nos traten como persoas.

Participei en varios motíns, o máis significativo, na cadea de Soria, cando a policía entrou a por Andrés Mencía para levalo de novo á DGS, a interrogalo e torturalo, e nos amotinamos para impedir que o levaran. Daquela a policía entraba nas prisións cada dous por tres. Eran uns anos moi convulsos.

Nos tres anos participei en varios intentos de fuga e en catro folgas de fame. Unha delas política, de oito días, para denunciar o referendo da Constitución. A máis longa desta etapa, foi a levado a cabo na prisión de Zamora a raíz da fuga de cinco dirixentes dos GRAPO. Durou 25 días, aos poucos días saín en liberdade, recuperándome na rúa.

Despois de saír da cadea, en 1980, retomas a túa militancia, máis non tardas en ser detido de novo, sendo ferido de bala outra vez e tamén torturado durante cinco días. Desta vez a condena é longa, e aínda que te desvinculas da organización armada no 91, permaneces na cadea ata 2001. No medio máis folgas de fame, a dispersión, ata acadar o terceiro grado en 1998. ¿Cómo foron esas dúas décadas en prisión, e como viviches dende dentro dos muros os cambios que se produciron fora, a implosión da URSS e de Iugoslavia, a desaparición do bloque socialista…?

Si. Saio da cadea a primeiros de setembro do 1980, e inmediatamente incorpórome á loita clandestina, porque días antes a policía asasina, polas costas, a Abelardo Collazo e a Cerdán Calixto. Tamén detiveron a Hierro Chomón e a Brotons Beneyto, catro dos cinco fugados da cadea de Zamora. Só quedaba en liberdade Martín Luna, asasinado pola policía dous anos máis tarde.

Volveron as malleiras e as humillacións e, por conseguinte, as folgas de fame, a dispersión por diferentes cadeas, o illamento total e absoluto co exterior e dentro da propia cadea, entre uns compañeiros e outros.

Nestas condicións vivir con tristura e pesadume o derrube do campo socialista e a destrución e desmembramento de Iugoslavia, por parte do imperialismo. Sabía que a implosión da URSS ia repercutir negativamente na moral das masas, como así sucedeu realmente.

A implosión da URSS non me sorprendeu porque era algo que se miraba vir dende que Jrushchov chegou á direción do PCUS e da URSS e implantou a política revisionista.

Causoume máis desazon o desmembramento de Iugoslavia, porque foi un proceso imposto, violento e cruel, non foi un proceso natural, que unha das repúblicas quixeran a independencia. Foi unha intervención imperialista dirixida polos ianquis que trouxo destrución e caos.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.