Entrevista a Isidro Román (2º parte): “No 72 os traballadores lanzáronse outra vez a facer real a súa consigna: ou todos ou ningún.”

Hai que recoller as experiencias de todos os participantes nas folgas do 72, aínda que xa pasaron 50 anos moitos aínda están con nós e é imprescindible que non pase como coa memoria dos antifascistas de 1936.

Por Angelo Nero

A finais do 71 houbo unha escisión nas Comisións Obreiras que deu lugar a Organización Obreira, máis esta tamén afectou ó PCG, chegándose a afirmar no teu libro que “a xuventude do PC foise toda”, ¿que consecuencias tivo esta escisión no movemento obreiro vigués no transcurso das folgas que se desenrolarían ó ano seguinte?

A consecuencia inmediata e evidente foi que a partir da aparición de O.O. o PCG e máis as Comisións tiveron un competidor. É certo que a importancia cuantitativa da O.O. non era nin similar á do PCG, pero a súa influenza comezaba a facerse notar nas empresas. O seu primeiro éxito prodúcese en abril de 1971 nun conflito nunha pequena empresa de electricidade, Kober onde acadan todas as reivindicacións (aumento salarial e medidas de seguridade laboral) dos traballadores e conseguen a readmisión dos que resultaran despedidos, pero cando se demostra verdadeiramente a capacidade da nova organización é na folga de Barreras de en maio de 1972. Precisamente pola presenza maioritaria de O.O. o desenvolvemento da mobilización non se parece en nada a calquera outro conflito precedente: o proceso asembleario, a extensión do conflito fora do marco da factoría, a implicación dos veciños dos barrios obreiros, a innovación no repertorio de mobilización coa aparición das manifestacións volantes… E despois de por en práctica este novo xeito de mobilizarse, a vitoria dos traballadores, fai que o crecemento da O.O. sexa espectacular.

Na Folga Xeral de Setembro volven a poñerse en práctica todas as innovacións que se ensaiaron con éxito en Barreras, pero o ámbito da folga de setembro é substancialmente máis grande que a de maio e aínda que a O.O. medrara e continuaba a medrar non foi capaz de capitaneala, si de radicalizala e darlle máis protagonismo ás asembleas, pero cando PCG-Cos decidiu que había que volver ao traballo, O.O. foi absolutamente incapaz de soster a mobilización.

Marzo do 72 fica xa no imaxinario do movemento obreiro galego, máis, ¿cal é a cronoloxía da folga, ou deberíasmos falar de folgas, en plural, pois foron varias as que se produciron nese ano?

Marzo do 72 ficou, efectivamente, no imaxinario do movemento obreiro galego polas súas tráxicas consecuencias, o asasinato de dous traballadores. Dende o meu punto de vista os procesos de mobilización do 72 en Vigo son cualitativamente máis importantes que as mobilizacións de Ferrol de marzo. E non podemos perder que vista que os imaxinarios son construcións, e con eles as presentacións simbólicas. Queda por estudar como se constrúe este símbolo, en que momento e por quen ou quenes se transforma dunha “simple” data a lembrar no o 10 de marzo, no Dia da Clase Obreira Galega.

A asemblea era un dos principais motores da mobilización e un dos principais órganos de decisión, que moitas veces se realizaban onde se podía, unhas veces nas fábricas ou na rúa, e outras en campos ou no monte, máis tamén había outras moitas expresións de loitas novidosas, como os saltos, os sabotaxes e os comandos. ¿cómo se celebraban estas asembleas e en que consistían estas formas de loita que lle deron as mobilizacións de Vigo un clima insurrecional?

Todas esas formas de loita que mencionas, os saltos, a sabotaxe, os comandos, xa estaban no repertorio de mobilización antes de 1972, non son innovacións deste proceso de mobilización. A sabotaxe está nos repertorios de mobilización dende cando menos o século XIX en toda Europa e non os abandona ata datas relativamente recentes. Os comandos e os saltos son adaptacións doutro tipo de acción (a manifestación e o simple reparto de propaganda política) á realidade concreta dunha ditadura. Ante a imposibilidade de manifestarse dun xeito legal e sobre todo ante o custe que ten caer detido por manifestarse, os traballadores inventan un sistema que reduza custes e que posibilite a irrupción no espazo público, aparecen entón os saltos, pequenos grupos de persoas que ocupan a rúa, detendo ou molestando ao tráfico, berrando consignas e/ou repartindo propaganda. É precisamente o reparto de propaganda a misión fundamental dos comandos.

Que acontece con estes elementos do repertorio a partir de maio de 1972 en Vigo? Que para desenvolver unha nova visión do conflito, a que propón a O.O., sofren unha modificación. Si o que se pretende é trasladar o conflito ao conxunto da cidadanía a través da alteración da vida cotiá dos cidadáns os saltos non son as accións axeitadas porque a súa incidencia é pequena, polo tanto aparecen os saltos simultáneos, dous, tres, catro saltos en diferentes lugares ao da cidade e ao mesmo tempo para lograr transmitir unha sensación de conflito xeralizado dotando de visibilidade a problemática laboral concreta. Pero os salto simultáneos pronto mutan tamén no medio da folga de maio, creándose as manifestacións volantes. Cun maior número de participantes que os saltos, as manifestacións volantes buscaban provocar o caos cun baixo custo. Tratábase dunha pequena manifestación que cortaban a circulación nun punto concreto da cidade ata a chegada da policía, momento no que se disolvía. Cando unha manifestación volante disolvíase aparecía unha nova manifestación volante noutro punto da cidade e volvíase a actuar igual.

Polo que se refire aos comandos tamén teñen unha mutación nas mobilizacións de maio, e se empregarán a gran escala na de Setembro. A misión de reparto de propaganda orixinal desaparece totalmente converténdose en pequenos grupos de traballadores que tiñan como obxectivo o hostigamento das forzas policiais. Xeralmente este hostigamento tiña como misión despistar a acción da policía cara eles e así deixar sen “atender” unha asemblea de traballadores. Chegaron a converterse nunha especie de grupos de defensa das asembleas.

Con todos estes antecedentes chegamos ó chamado Setembro Vermello, que resultou un punto de inflexión no movemento obreiro na cidade, ¿cómo se desenrolaron os acontecementos de setembro do 72 que desembocaron na Folga Xeral indefinida que paralizou Vigo?

A Folga Xeral de Setembro é unha folga buscada e preparada, cando menos o seu estourido polo PCE-PCG que busca un conflito obreiro para dotarlle cunha compoñente política inscrita dentro da estratexia de Reconciliación Nacional. O conflito xéstase dende cando menos xuño dese mesmo ano e a empresa escollida foi Citröen. O paro inicial na factoría de Citröen, que reivindica o descanso o sábado non é seguido pola maioría dos traballadores fábrica. Eu penso que de non acontecer nada máis a situación non pasaría de aí. Non obstante a direción da empresa decide despedir aos membros da CO de Citröen que instigan o paro. Aí cambia todo radicalmente. Tanto a O.O como a UPG que se mostraban contrario á folga en Citröen pasan a apoiar as mobilizacións en demanda da readmisión dos despedidos, e o conflito, que en principio, só afectaba a unha empresa, se fixera xeral. Coa experiencia da vitoria sen ningún despedido na folga de Barreras,  os traballadores lanzáronse outra vez a facer real a súa consigna: ou todos ou ningún.

Setembro do 72 remata coa quebra da unidade sindical e da comezo ó ciclo da represión, ¿cal é a valoración que fas do remate da Folga Xeral?

Aínda que a folga remata o día totalmente o día 26 de setembro, a descoordinación total prodúcese a partir do 23, non obstante as primeiras manobras de cara a volta ao traballo son moi anteriores. O dia 18 fanse ou primeiros chamamentos máis o menos velados á volta ao traballo por parte do PCG-PCE. Evidentemente, O.O. non estaba dacordo en rematar a mobilización dese xeito, pero a realidade é que non tiña aínda suficiente implantación como para levar adiante unha folga de semellante tamaño e a maiores o día 20 cae o aparello de propaganda polo que lle é imposible informar ou alentar aos traballadores en folga.

Sobre a cuestión de si se pode considerar un fracaso, hai que definir primeiro dende que perspectiva estamos a falar. Si o facemos dende a perspectiva do PCG-PCE é unha grande vitoria, si o facemos dende os obxectivos explícitos da folga, a readmisión dos primeiros despedidos de Citröen, é un fracaso, xa que non só non se conseguiu, senón que ao final hai centos de despedidos.

Tamén podemos velo dende unha perspectiva xeral, da capacidade dos traballadores para, incluso nun contexto de ditadura, poder paralizar unha cidade industrial durante 15 días e poñendo en xaque a todas as forzas represivas. Isto fálamos da capacidade de organización e da arma (como elemento de mobilización) que era a solidariedade, porque no fondo a Folga Xeral de Setembro é unha folga de solidariedade.

Cincuenta anos despois daquelas mobilizacións, da Folga Xeral do 72, ¿pensas que é preciso recuperar a memoria daquela importante loita obreira? ¿que pode reivindicar o sindicalismo de hoxe do que se facía entón, nun contexto tan diferente e con ferramentas ben distintas?

Non só é importante, é fundamental. Hai que recoller as experiencias de todos os participantes, aínda que xa pasaron 50 anos moitos aínda están con nós e é imprescindible que non pase como coa memoria dos antifascistas de 1936. Non se trata tan só de recoller o que nos teñen que contar os líderes, senón todas aquelas persoas que participaron porque as súas vivenzas son únicas e interesantes. Por exemplo, ti durante a entrevista, falas de momento de “insurxencia”, pois durante todas as horas de entrevistas que fixen para o libro, só unha persoa mencionou esa palabra, e mencionouna como unha sensación, o que sentía ela naquel setembro de 1972, foi unha militante de base, estudante de O.O., Luisa Raposo. Poder rescatar esas visións é imprescindible.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.