Conversa con Luís Bará (2ª parte): «Hai que romper con esa dependencia, con ese modelo de explotación e de espolio»

Por Angelo Nero

O BNG ten unha alternativa para o rural galego, na que o agro e a gandería estean ligados á diversificación do monte, máis que tamén sexa complementario con outros usos do territorio. ¿Cal é este modelo que propón o teu grupo para ese rural que, agora mesmo, está desamparado polo goberno galego? E ¿como é posible que o PP siga tendo unha implantación tan grande nese rural que sofre as súas políticas?

O BNG ten unha proposta que podemos resumir en tres patas: unha é a ordenación do territorio, do que falaba antes, de ordenar e organizar ben os usos, e as infraestruturas. Unha segunda é o desenvolvemento económico, dende unha perspectiva sustentable, e diversificada. E a terceira, é a dotación de equipamentos e servizos, porque senón a xente non ten incentivos para vivir no rural, senón hai boas infraestruturas educativas, de servizos públicos, sanitarias, etc.

Entón, unha peza clave nese deseño é a dinamización e diversificación económica, aproveitando todo o potencial que ten o noso sector primario, agrario, gandeiro e forestal. Para máis nesta crise demostrouse a importancia que teñen estes sectores e a necesidade de desenvolvelos, pero claro, rompendo con este modelo que temos agora que é de produción de materia prima, que ten pouco valor engadido, que teñen todos eses produtos que podemos facer no noso rural, e iso require tamén moito esforzo en investigación, en innovación, en desenvolvemento tecnolóxico, modernización e dixitalización.

E no caso do monte o mesmo. O monte, fronte a este modelo de monopolio e monocultivo, ten que ir a unha diversificación produtiva, non é unha complementariedade de usos, incluso ten cabida o uso enerxético, os proxectos enerxéticos dimensionados e acaídos no territorio.

Entón, temos máis capacidade de ser produtivos e xerar riqueza en todas esas actividades. Claro, se somos a sexta potencia europea en produción de leite, máis da metade sae de Galiza sen transformar, vaixe enriquecer noutros lugares, do valor engadido que teñen eses produtos, que non son nin sequera queixo, nin iogures, senón outro tipo de elementos, que se utilizan na cadea alimentaria. E o mesmo se pode dicir do forestal, aquí córtase a metade da madeira do estado, pero unha grande parte vai para afora, sen ter transformación aquí, empezando pola pasta, que se exporta.

Hai que romper con esa dependencia, con ese modelo de explotación e de espolio, e crear un modelo que este pensado para o noso país, para o noso rural, para a nosa xente.

E no que dicías, do control e da implantación que ten o Partido Popular no rural, é porque hai esas cadeas de control, que utilizan redes caciquís, e son máis difíciles de romper que nas zonas urbanas. Ese é un traballo que hai que ir facendo pouco a pouco, sobre todo nas zonas do interior, no rural, provincias como Ourense, onde o control é absoluto, a través, neste caso, da Deputación, e ir, pouco a pouco, tornando esa relación, e digamos que facendo que as práctica democráticas cheguen a todo o territorio.

Este debate das eólicas está demostrando que iso é posible, en moitos zonas que, aparentemente, eran de absoluto control, porque a xente se está revolvendo, se está dando conta de que iso non é beneficioso. En fin, pode ser un punto de partida para darlle un volco á situación, e de cara ás próximas eleccións municipais.

Tamén as nosas costas están ameazadas polo proxecto de varios parques eólicos mariños, nos que Iberdrola anuncia que virán acompañados pola creación de ata dous  mil empregos. ¿Cales sos os riscos ambientais destes parques para os nosos fondos mariños, e, realmente cres que virán acompañados dunha creación de emprego directo na nosa terra?

Ben. Todas estas cifras que nos dan de creación de postos de traballo son absolutamente ficticios, tanto en terra como no mar, porque, ademais, Asime fala dunhas cifras, a Xunta de outras, multiplícaas por dous ou por tres, é unha tómbola que non ten ningún tipo de rigor, claro, aquí a cuestión é que non lles chega con depredar e espoliar ata o último metro cadrado da terra, que é onde imos con esta explosión que estamos vivindo agora, que tamén queren ir a polo mar. E aquí hai unha serie de factores que fan que nós teñamos moita prevención, moita cautela con respecto a este tema, pensamos que hai unha incompatibilidade cos usos, por como é a costa galega, por como é a plataforma continental, que é moi estreita, para que se poidan implantar eses parques no ámbito da costa galega, por estas características, digamos, xeolóxicas da costa, tamén pola actividade pesqueira, porque vaise producir, necesariamente, un choque entre a implantación da enerxía eólica no mar coas actividades pesqueiras na zona costeira, e incluso con outro tipo de usos, porque tamén esta é unha zona de tránsito marítimo moi importante.

Está o tema tamén dos impactos que pode haber na fauna e, por riba, hai que ter en conta tamén que eses parques teñen que saír, ou máis ben a súa enerxía, para terra, e iso tamén vai ter un impacto, polas canalizacións, nas infraestruturas que hai que ter en terra. Polo tanto nos defendemos manter a posición que se votou no Parlamento Galego, por unanimidade, de moratoria, da implantación eólica no mar, porque, ademais, se isto non fose suficiente, responde ó mesmo modelo depredador e de espolio que se está implantando en terra. Entón, así non, tampouco.

Nos defendemos a enerxía eólica pero con outras características.

Ligada a esta última cuestión, como valorades, dende o Bloque, o desmantelamento do sector naval, especialmente grave na comarca de Vigo, no que vemos desaparecer estaleiros como Vulcano e Barreras, sen que ningunha administración, nin local, nin autonómica, nin estatal, pareza realmente preocupada polo futuro da nosa industria naval, que so unha década atrás era un dos nosos motores económicos?

Pois ben, iso é un auténtico drama para o país, e para unha comarca como a da Ría de Vigo, porque o sector naval, como ti dicías, era un dos grandes piares da economía, e se daba moitísimo traballo, directo e indirecto, e tamén nese conglomerado das industrias auxiliares. E, dende a Xunta, fundamentalmente, porque é quen ten as competencias en materia industrial, deixouse que iso fose esmorecendo e desmantelándose, e con responsabilidades máis directas no caso da Xunta en relación coa operación de Barreras, que foi un escándalo como se intentou vender de maneira propagandística. O que pasou despois coas consecuencias que tivo tamén nas auxiliares ou o caso de Vulcano, onde a representación do Partido Popular, na Autoridade Portuaria de Vigo, é a que está dinamitando e poñendo paus nas rodas á posibilidade, real, que xa estaba en marcha, de que se reactivara a actividade naval en Vulcano.

É hai unha operación, na que está fundamentalmente o Partido Popular e tamén coas conivencias con parte do Partido Socialista, que adoptan tanto en Madrid como no Concello de Vigo, para dinamitar esa posibilidade,  o cal é un erro gravísimo, porque está claro que un país, e unha comarca coma a de Vigo, precisa, si ou si, ter un sector potente, porque ó final sabemos que a garantía de viabilidade dun país, da súa economía, pasa por ter industria, ademais nos sectores onde somos especialistas, onde temos coñecementos, saber facer, capacidade, e que temos demostrado de que somos quen de desenvolver proxectos.

Entón, a única saída neste momento, tal como está a situación, sería unha participación pública en formato dunha empresa mixta, ou doutro tipo de formato, onde todo o capital que as administracións públicas estiveron poñendo no sector naval nestas empresas se converta en participación directa, para intentar reflotar este sector e tamén a través da Mesa do Naval, que está prevista na Lei do Sector Naval. Intentar activar a actividade e conseguir máis contratos, e que sexa un sector puxante, e que garanta o futuro dunha comarca como a de Vigo, que ten que ter un pulo industrial moi forte, moi grande.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.