O venres, 7 de xullo, tivo lugar a sexta xornada de paros para reclamar un convenio colectivo digno
Por Avantar / CIG
Os traballadores/as do sector do metal da provincia de Pontevedra decidiron ir un paso máis alá na súa loita por uns salarios xustos e unhas condicións laborais dignas e anunciaron a convocatoria dunha folga indefinida a partir do vindeiro martes 18 de xullo, polo que optaron por suspender as dúas xornadas previstas para o mércores 12 e o xoves 13. O anuncio chegou ao remate das protestas que tiveron lugar hoxe en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía coincidindo co sexta xornada de paro de 24 horas convocado ante o inmobilismo dun empresariado que aposta por criminalizar a loita no canto de intentar buscar unha solución ao conflito.
Nesta idea insistiron precisamente as tres centrais sindicais maioritarias do sector, que reiteraron a súa disposición a negociar sen ningún tipo de imposición por parte das patronais, as que instaron a retomar as conversas para pactar un convenio que incorpore as reclamacións da parte social. Así, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, que participou na mobilización de Vilagarcía, quixo deixar moi claro que o secretario xeral de Asime, unha das principais asociacións empresariais do sector, non marca a folla de ruta. «Teñen até o día 18 para resolver o conflito, xa que do contrario se van atopar cunha folga indefinida», advertiu.
Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, insistiu en que os comunicados «insultantes» feitos públicos por Asime nons últimos días buscan unicamente dividir os traballadores/as para desactivar a capacidade de resposta dun sector que está a demostrar «con contundencia» que non está disposto a perder os dereitos laborais e sociais conquistados con anos de loita. «Por moito que mintan teñen que saber que nós non imos ceder de ningunha maneira e que este conflito se vai gañar si ou si».
Ao mesmo tempo, fixo fincapé en que «por moito que teñan da súa parte a represión e estean a apostar polas provocacións non nos van dobregar e imos dar un paso adiante coa convocatoria dunha folga indefinida até as últimas consecuencias, porque o que estamos a reclamar é de xustiza», manifestou.
Finalmente, o secretario comarcal da CIG-Industria de Pontevedra, Anxo Lúa, lamentou que a patronal siga a ameazar e a negar a folga «dicindo que o 80% do persoal quere ir a traballar» no canto de tomarse en serio o conflito e sentarse a negociar coa intención de chegar a un acordo, «demostrando unha vez máis a súa irresponsabilidade e o seu desprezo polos traballadores/as do sector, cando sen eles/as as empresas non son nada». Por iso anunciou a disposición das centrais a intensificar as mobilizacións.
Estas intervencións tiveron lugar unha vez finalizadas as protestas que se desenvolveron novamente en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía coincidindo coa sexta xornada de folga, localidades nas que milleiros de traballadores/as volveron a tomar as rúas unha vez máis dende que se iniciou o conflito o pasado 15 de xuño.
A xornada volveu rexistrar un seguimento masivo do paro, tal e como evidenciaron as multitudinarias mobilizacións, que remataron sen incidentes a pesar dos fortes dispositivos policiais e da actitude dos axentes, que no caso de Vigo optaron por cachear de xeito indiscriminado aos participantes na manifestación e mesmo chegaron a deter a unha persoa por supostamente terse negado a amosar o contido dunha mochila.
Se el primero en comentar