Luís Bará: ‘A Xunta actúa ó ditado deses grandes grupos empresariais, que son tamén os das portas xiratorias’

Ante a próximas eleccións á Xunta de Galicia, recuperamos a entrevista que lle fixemos a Luís Bará, cabeza de lista do BNG por Pontevedra, na que conversamos sobre a materia enerxética.

Por Angelo Nero 

Recentemente denunciaches no parlamento galego que a Xunta desoíra as peticións da Comisión Europea de ampliación da Rede Natura 2000, pois case o 90% do noso territorio fica fora desa protección. Nesta denuncia pública incidías na ligazón entre o goberno galego, e as grandes empresas que queren converter a nosa terra nun grande parque eólico. Nos oitenta berrabamos aquilo de “Estamos fartos de ser unha colonia”, ¿imos agora camiño de nos converter nunha colonia enerxética?

Si. A verdade é que nunca deixamos de selo, pero agora estase acentuando moito o papel de Galiza como grande suministradora de materia prima, de enerxía e doutras cousas, non? E estase utilizando, ademais, todo este discurso post-pandemia e de transformación, ou de transición verde e todo isto, transición enerxética, para aínda incrementar o papel da Galiza como suministradora de enerxía, eléctrica neste caso. Entón, o que vivimos na última década, co goberno do partido popular, foi como se freou esa decisión, que xa chegou a publicarse, de ampliación da Rede Natura 2000, por unha petición expresa da Comisión Europea, pois había numerosos hábitats que non estaban protexidos e que están declarados de Interese Prioritario, e a Xunta, en vez de ampliar a Rede Natura, o que fixo, despois de iniciar a tramitación, aprobou unha disposición adicional da lei do sector eólico que dicía que nesa ampliación da Rede Natura non se podían facer parques eólicos pero, finalmente, o que fixo foi paralizar a ampliación da Rede Natura, e agora estamos vendo como unha cantidade de parques van xustamente nesas zonas de ampliación. O cal quere dicir que primaron, descaradamente, os intereses do lobby enerxético, que é claramente quen toma as decisións, e a Xunta o que fai é obedecer, e actuar o seu servizo, en vez de protexer á natureza, e defender á xente que vive no territorio. A Xunta actúa ó ditado deses grandes grupos empresariais, que son tamén os das portas xiratorias.

O BNG está a levar a numerosos concellos da Galiza unha campaña de charlas para explicar a postura do voso grupo político sobre unha “Enerxía eólica sustentábel, xusta e galega”, ¿Poderías facernos un resume desa proposta enerxética en clave de país, e da acollida que está tendo entre a cidadanía?

Ben. A nos parécenos moi importante levar ese debate ó terreo. Aos concellos, ás parroquias, ás comunidades veciñais e de montes, para explicar o que está pasando, pero tamén para explicar as nosas alternativas. Entón, basicamente, estamos presentando mocións e facendo estas charlas, para centrar o debate non so na oposición a este modelo de espolio, senón a explicar como entendemos nos que debe xestionarse este sector.

Basicamente, defendemos que a enerxía ten que ser un ben público, e ademais un sector estratéxico que cumpra unha función no tecido económico e industrial. En segundo lugar que, de acordo con ese carácter de ben público, debe haber unha participación pública, do sector público e da Xunta de Galiza, tamén dos concellos, no desenvolvemento de proxectos enerxéticos eólicos, que debemos aproveitar. En terceiro lugar, a condición de Galiza de grande produtora de enerxía para conseguir termos unha tarifa eléctrica máis barata, tema que está de moita actualidade, tanto para os fogares como para as empresas. Isto sería un elemento importante, un avance, unha vantaxe comparativa salientable.

Despois pensamos tamén, de acordo con iso que dicía da dimensión industrial que ten a enerxía, pois desenvolven proxectos industriais tanto na produción como na fabricación de compoñentes, como tamén proxectos industriais territoriais nas comarcas vinculados ós parques eólicos.

Pensamos tamén que hai que garantir unha ordenación e protección de usos para que queden claros os usos residenciais, os usos produtivos, e tamén as proteccións ambientais no territorio pra que estes parques non destrúan o que xa hai, e dicir, que non vale defender as enerxías renovables, se destruímos o que sexa renovable que é o territorio, a relación co medio, os recursos naturais, a auga, que se dan nesas nesas zonas onde queren introducir unhas actividades económicas que se dan nese territorio, e, por último, nos defendemos fronte a este modelo enerxético e oligopólico, outro modelo máis social, comunitario, descentralizado, e de emponderamento das comunidades locais que deben converterse no que se chaman prosumidores, produtores e consumidores de enerxía, mediante o auto abastecemento, mediante as chamadas comunidades enerxéticas locais, para que a xente se faga dona, realmente, dos recursos, do vento e do sol, e se auto abasteza  e polo tanto tea aceso a unha enerxía moito mías barata, e moito máis sostible tamén.

Porque se pode producir moito máis cerca, non ? Non con grandes infraestruturas de produción e de transporte, que aquí o que estamos vendo no modelo que quere impoñer o Partido Popular e que prima un uso intensivo e abusivo do territorio de mega proxectos industriais no monte e na terra, para producir enerxía en grandes cantidades, para encher os bolsillos desas grandes empresas, deses lobbys de portas xiratorias, en contra dos intereses do noso país, da nosa xente.

E iso estase facendo, ademais, dunha maneira moi abusiva que che podo comentar despois noutra pregunta.

Nun parlamento cunha maioría absoluta que semella pregada ós intereses das grandes empresas, sen importarlles gran cousa a conservación do noso medio ambiente, semella que a mobilización popular segue sendo a arma máis importante para facerlle fronte ó espolio e a depredación, ¿como estades valorando as grandes mobilizacións como a que recentemente vimos na Groba, ou a que está convocada en Compostela para este próximo sábado 5?

Pois é fundamental. Eu creo que realmente isto vai dunha suma de loitas, que se dan tanto no ámbito local como no nacional, en varias frontes, unha é a política, institucional, eses debates que damos nos plenos, nos parlamentos, coas alegacións que levamos tamén a Madrid e a Bruxelas, que teñen a súa importancia.

E hai un segundo nivel, que para min tamén é determinante, que é o da mobilización social. Organización e mobilización, iso permite dar o debate no territorio, nos concellos e nas parroquias e, sobretodo, é fundamental ter aceso á información, para evitar que as empresas, a través dos concellos, intenten convencer á xente de que iso tal como está pensado é moi beneficioso, cando é moi agresivo e moi lesivo.

E esa organización está dando lugar a moitas mobilizacións no ámbito local, que estamos vendo, como foi no caso da Groba, que foi espectacular, tamén no Suido, na Braña, tamén na zona de Terra de Montes, na zona do Deza, na zona de Bergantiños, con distintos formatos, e todo iso vai confluír o día 5 de xuño nunha grande manifestación en Compostela, que estou seguro que vai ser un grande éxito, porque hai un ambiente de moito movemento por debaixo, e que lle vai dicir claramente ó Partido Popular que así non, que non podemos asumir ese modelo, que xa sabemos a quen serve, e que queremos outro que este en función do noso país de da nosa xente, e do territorio.

Entón vai ser, digamos, un antes e un despois nesta batalla xudicial, que tamén se dará no caso de que se aproben algún destes proxectos, de maneira que se están facendo non son acordes co dereito, nin comunitario, nin coa democracia, nin co respecto das garantías medioambientais mínimas, non? Entón, ai hai outra fronte para dar batalla.

Pero das tres a que ten máis poder, e potencia para cambiar as cousas, é a mobilización, e por iso vai ser fundamental que o próximo sábado enchamos Compostela, e que dende moitos lugares de Galiza lle digan á Xunta que non, que así non aceptamos esta forma de desenvolver a enerxía eólica.

O abandono do rural, debido a décadas de políticas pouco fomentadoras, por dicilo dalgún xeito, da nosa gandería e agricultura, as continuas vagas de incendios que fican, un ano tras outro, sen culpables, coa conseguinte aceleración da desertización do rural, e agora, queren encher ese baleiro de eólicos… Non me atrevo a facer ningunha teoría da conspiración, pero semella que esta todo ligado, ou, cando menos, propiciado por alguén…

Si. É que hai un deseño político e económico que responde a esta visión do territorio de Galiza, en xeral, podemos decir que é unha agresión a Galiza no seu conxunto, unha agresión ó medio rural, porque para eses grandes poderes, e tamén para quen está ó servizo deses poderes económicos, neste caso a Xunta, ai ven monte ou terra para instalar os seus grandes proxectos depredadores, sexan forestais, mineiros ou enerxéticos, e non lles preocupa se alí vive alguén, de que vive, se quere vivir alí, ou como queremos que sexa o desenvolvemento.

Entón, como non se fixo ningunha planificación de ordenación e desenvolvemento territorial, de fomento das actividades económicas e dos servizos no rural, pois o camiño que vai é cara esa desertización, cara esa despoboación, cara esa desarticulación tamén, e ese é o caldo de cultivo, ampliado e fomentado por eses proxectos, porque é como un golpe de graza para o que queda en moitas zonas do rural, contra o que din, porque a pesar da súa propaganda, os parques eólicos non serven para activar nin economicamente, nin demograficamente, o rural, senón, o que fan e anular e competir con outros usos, con outra actividades e, ó final, botar á xente.

É o mesmo que pasa con outras propostas, como o modelo forestal, é o monocultivo, que o que fai é eliminar o que hai arredor, convértese nun único uso, e no caso do eucalipto vai permitir que a xente abandone o rural. Porque o eucalipto non necesita os coidados e a atención que necesitan outro tipo de plantacións e usos agrogandeiros, e a xente poderá estar nas súas cidades, cobrando as súas rendas de ter alí eucaliptos, e no caso dos parques eólicos é un modelo parecido.

Por iso é tan importante esta resposta que se está organizando por abaixo, e que haxa cada vez máis xente concienciada e que está dando esa batalla da información, e que está forzando a moitos concellos, moitos deles do Partido Popular, a ter que aprobar acordos e presentar alegacións contra estes proxectos. Aínda que sexa unha postura de cara á galería, un postureo, o que está claro é que o Partido Popular está moi preocupado pola dimensión que está collendo este movemento e temos varios indicadores de que iso é así. E vai estar moito máis preocupado a partir do próximo domingo.


Conversa publicada en NR o 3 de xuño do 2021.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.