Catuxa Salom: “O público faime voar”

Entrevistamos a Catuxa Salom, cantante e compositora, que fusiona os ritmos tribais lationamericanos co folc galego e a electrónica.

Por Angelo Nero

Eu vin para a aldea a vivir / A vivir unha vida tranquila / E o único que eu quero caramba / Unha vida miña / Cansada do ruído dos autos / De sempre andar as presas / Prefiro plantar uns allos / Que traballar pa calquera”, dis en “Nunha aldea”, unha canción que ten moito de himno, de reivindicación do rural, pero tamén de invitación a bailar. ¿Como foi esa aposta pola aldea, e por desenrolar o teu proxecto musical dende alí?

Son galega, aínda que vivín dez anos en Madrid, e cando foi a pandemia, vivir alí da música estábase volvendo bastante complicado, e decidín facer o que sempre quixen, que era ir vivir ó rural, e cuns colegas alugamos unha casa no concello de A Pontenova, sin ter nin idea de onde íamos. Eu non fun á aldea pensando seguir dedicándome á música dende alí, pero claro, estando na aldea era súper inspirador, pasaban moitos sucesos, experiencias, e dai fun compoñendo e xurdiu o proxecto. Non houbo unha intención de crealo, senón que foi bastante orgánico.

A túa musica ten as raíces na terra, pero esta terra e grande dabondo para que agromen moitos ritmos diversos, xa que esas raíces son galegas e tamén arxentinas, e dela saen sons tribais de Latinoamerica, mesturados ca tradición galega, e mesmo coa electrónica. Aínda que lin que definen a túa música como folktrónica, penso que rompe as costuras de calquera etiqueta. ¿Poderías definir esa mestura de tambores tribais, loops e mesmo gaitas, ou realmente o que pretendes e fuxir dos catálogos e crear una proposta propia?

Non me quero catalogar, tampouco considero que vaia facer unha proposta propia, porque non estou inventando nada, é todo inspiración de cousas que xa existen, e o mellor ó fusionalas si parece algo novo, pero é simplemente unha fusión que se inspira nas miñas raíces e no folclore galego. Asi que eu defino este proxecto como unha fusión entre ritmos latinoamericanos, folclore galego e electrónica e, a partir de ai, a túa imaxinación. Porque eu considero este proxecto como un organismo vivo que non deixa de cambiar e de mutar, así que o seguinte que ven posiblemente vai ser sorprendente.

Cando vivías en Madrid tiñas unha banda de country, semella que co teu novo proxecto hai una cambio de rexistro, ou quizais non tanto, xa que o country tamén é unha música de raíz, ¿non? Cóntanos como foi esta evolución musical.

A miña infancia estivo rodeada de folclore arxentino, de los Nocheros, Mercedes Sosa, Violeta Parra. A partir dos 14 anos empecei a investigar moito o blues, funk, e entrei moito neste mundo da música negra, e cando xa tiña 21 estaba nunha escola de teatro, coñecín a través de Internet, dunha páxina de músicos, á rapaza que tocaba o banjo, e formamos esta banda de “country ibérico”, que lle chamábamos, porque ela mamaba moito do country, e eu viña bastante dos rexistros do blues, do soul e do funk, e naceu esta banda.

A día de hoxe sigo cantando country, e sigo inspirándome en moitísimas músicas do delta do Misisipi, porque me gusta moito, non podo evitar volver a ese rexistro sonoro, me parece que é unha música que conecta realmente coa alma. Sigo inspirándome en estes sons, non son unha persoa que diga: pois agora só escoito folc, para nada, de feito é posiblemente o que menos escoite, porque encántame mamar os ritmos e as músicas que me sorprendan.

A elección do idioma, como a de vivir en Madrid ou nun pequeno pobo de Lugo, tamén é toda unha declaración de intencións, cantas en galego, en portugués, máis tamén en español, ou en francés. ¿Que importancia lle das á lingua como vehículo para transmitir as túas inquedanzas, os teus sentires?

Para min a lingua e, sobretodo, a voz, están conectadas coa alma e co corazón. Ti escoitando a voz dunha persoa podes ter moita información, sin nin sequera entender a lingua. Eu son unha persoa que viaxou moito polo mundo, vivín en Francia, e teño bastantes idiomas na cabeza que, cando estou inspirada, saen, e si que é certo que a miña lingua materna é o castelán, porque meus pais son arxentinos. Eu non falei galego ata o cole. Pero, ¡que vivan as linguas!, paréceme súper enriquecedor, e todo ó mundo o debería ter claro, porque é unha maneira moi san de medrar e abrir a mente.

Mira que veñen as nenas baixando do barco / Mira que levan as magoas por dentro da pel / Son as piratas que esconden as balas no taco / Son as mulleres que levan a loita na pel”, di a letra de “Mulleres piratas”. ¿A reivindicación desa loita tamén está gravada na túa pel?

Si, supoño que, inconscientemente, cando compoño o fago baseada nas miñas experiencias, porque son feminista, aínda que non estou no activismo político feminista porque, sinceramente, non teño tempo. Pero si que teño moitísima consciencia do traballo das mulleres, sobretodo na industria musical.

Cando describín a túa proposta, acompañando ás vascas Neomak, non puiden deixar de lembrarme de proxectos que acabo de descubrir, como o de Fillas de Cassandra, máis tamén a artistas como Sheila Patricia, ou, incluso me lembrou ós directos de Amparanoia. ¿Que influencias hai na túa música, e dentro do panorama actual, con quen sentes máis afinidade?

Eu sento moita afinidade con proxectos como Bomba Estéreo, como La Yegros. É que é tan persoal que as miñas influencias son da xente que me rodea, das miñas experiencias, non teño unha clara influencia na miña música, no me comparo con ninguén, escoito música moi random, en todas as linguas, de todas as partes, non me pecho. Así que non podería dicir unha influencia concreta na miña música, simplemente escoito o que me gusta, o vou retendo, escoito moitas veces unha canción. Agora estou escoitando moito Stromae, paréceme que ten cousiñas moi interesantes, a nivel de directo, de creación e de produción. Estou con influ Stromae agora mesmo, a tope.

Estudaches socioloxía e teatro, ¿de que xeito inflúe o primeiro na composición dos teus temas, nesa ollada dende o rural ó mundo, e o segundo na interpretación, e no performance, na xeito de estar nun escenario?

Non me considero socióloga, considérome estudante de socioloxía, porque socióloga é unha profesión que require moitísima entrega, moitísimo tempo. Teño a mirada sociolóxica, inevitablemente, porque estudei, e o final é facerte consciente de como a sociedade está armada en moitas cousas, e pode verse clarísimamente en moitas estruturas de poder, en moitas estruturas económicas. É dentro dese marco que eu analizo e constrúo a miña mirada, pois a min me gusta xogar, por exemplo, meter unha proposta onde haxa tres mulleres no escenario, eso a nivel sociolóxico, para calquera persoa, é unha bomba que te rebenta o cerebro, porque é algo que disrupte. Eu traballo moito dende a disrupción. Cando ti das por sentado unha cousa e alguén fai algo que non está asentado como tal, é unha disrupción. Eu traballo moito dende a disrupción de crear cousas que non se dan por sentado, gústame moito mirar dende ai, dende a ruptura.

Neste concerto de As Pedriñas, en Mos, é aínda que o teu proxecto teña varios formatos, viñeches acompañada dunha percusionista realmente notable, e dunha contrabaixista tamén destacable, e semellaba que había moi boa química entre vós. Gostaría que nos falaras delas.

Son Yudit Almeida ó contrabaixo e Lucía Cortiñas á percusión. Son as miñas compañeiras, nos levamos súper ben, temos un traballo emocional e laboral moi potente entre nós. Quedamos fines de semana enteiros pra ensaiar, son moi creativas, e axúdanme moitísimo a dar ideas para o directo, e iso se transmite, a verdade. Si que temos moi boa relación entre nós, e so lembrarme delas xa me sae un sorriso, porque son incribles, e como músicos son excepcionais. Eu estou hiper agradecida de que estean no meu proxecto e que estean en todos os proxectos do mundo, porque son unhas mulleres que todo o mundo ten que coñecer. Son incribles persoas e músicos tamén.

Xa levas unha chea de concertos coa proposta de Catuxa Salom. ¿En que escenarios presentaches as túas cancións, e cal foi a acollida do público?

De todo tipo, dende a Arca de Noe, a diferentes festivais. Este ano estaremos en festivais bastante potentes, que aínda non podo mencionar porque non saíron aínda os carteis, pero a verdade é que a acollida de público é fantástica, porque sempre están sorrindo, e notase que lles chega. Ó final ¿ti dun concerto que te levas? ¿Te levas o cacho de solo do saxo ou da guitarra? Non, ti o que te levas do concerto é como te sentiches, a viaxe que tiveches, como sorriches, como estiveches. Entón eu creo que a xente entra dunha maneira, e se vai doutra, como que se leva a vibra nos concertos, e iso para min é brutal, como o público faime voar, danme todo, e cando dan todo eu dou máis, e entón xéranse unha sinerxía súper máxica.

Fálanos, para rematar a nosa conversa, dos teus proxectos a curto e medio prazo, sei, por exemplo, que estás a piques de quitar disco…

Agora mesmo estou en proceso de composición, e non podo dicir máis, si que hai unhas cousiñas pensadas, pero non vou dicir nada, asi que… sorpresa!

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.