![]()
Entrevistamos ao ilustrador Carlos Gallego, que debuxou o primeiro imaxinario da escritora Begoña Caamaño, no precioso libro ó que pon texto Ramón Nicolás, «A nena que perdeu un zapato na lama».
Por Angelo Nero | 27/02/2026
A Real Academia Galega acordou que este 2026 o Día das Letras Galegas fora adicado a escritora e periodista Begoña Caamaño, finada en 2014, para por en valor á creadora de “Circe ou o pracer do azul” (2009) e “Morgana en Esmelle” (2012), e cunha longa traxectoria como xornalista en medios como A Nosa Terra, Tempos, Novas da Galiza, ou El Sol, así como en Radio Popular e Radio Noroeste. Editorial Galaxia, onde Begoña publicou as súas novelas, ven de publicar “A nena que perdeu un zapato na lama. Begoña Caamaño no Calvario vigués 1964-1976”, escrito polo escritor e critico literario Ramón Nicolás, e ilustrado por Carlos Gallego. Con el conversamos sobre o recorrido polo imaxinario particular da infancia de Begoña Caamaño, que o ilustrador converteu nun fermoso álbum de lembranzas para os que vivimos naquela época neste recuncho do mundo.
![]()
Este ano vaise escribir moito sobre Begoña, máis se cadra poucos serán quen de debuxar ese entorno da sua infancia, para trasladarnos “a un tempo que mira cara atrás”, como di o prólogo. ¿Como xurde a túa participación neste libro e como te documentaches para imaxinar eses momentos da infancia de Begoña na súa casa ou na escola?
O proxecto chegoume de repente. Cun correo de Marcos Calveiro, o editor de Galaxia, preguntándome se podería pasar pola editorial para ter unha charla sobre un proxecto que tiña entre mans. Alí comentoume a idea, eu dixen que si no mesmo momento e puxémonos a traballar.
Envioume un primeiro borrador que xa traía moitas imaxes que Ramón Nicolás foi recopilando. Moitas desas imaxes serviron para plantexar asi ilustracións finais ou crear unha ambientación que me servise para crear algo. Despois eu complementei con algunha búsqueda máis, con libros de fotografías de Vigo no século XX que atopei na biblioteca e algún blog online.
Para aqueles que aínda non coñecen a obra de Begoña Caamaño, ¿pensas que este libro é unha boa porta de entrada?
Si, completamente. Ramón fixo un traballo fermoso de documentación con testemuños directos de familiares e amigas de Begoña. A mistura entre sensibilidade e rigor resulta moi enriquecedora e déixanos coñecer á persoa na infancia e na mocidade. Podemos entender o seu carácter, as súas motivacións e inquedanzas que anos despois darían resultado á súa obra.
![]()
Unha parte importante das ilustracións que acompañan “A nena que perdeu un zapato na lama”, é a arquitectura máis salientable deste barrio, as Bodegas Bandeira, Villa Hermosa, o Magnolio, os cines… moitos destes edificios desapareceron ou están remodelados, ¿custouche moito recrear esta arquitectura tal e como a coñeceu Begoña de nena?
Por sorte na maioría dos casos había material gráfico da época. Fotografías ou reproducións que foron de moita axuda. Un bo recurso nestes casos tamén é deixar espazos inconcretos: das lugar á persoa que está lendo o libro a completar e imaxinar a ilustración completa, convértese un partícipe máis do libro. Por outra banda, evitas incorrer en erros.
Nestas ilustracións arquitectónicas intentei que a imaxe ademais de representar a construción contase ou deixase entrever algo máis sobre a historia. Así por exemplo a ilustración de Villa Hermosa, que foi un chalé que os falanxistas usaron como cárcere, é unha imaxe escura, sombría…
Na presentación do libro, na Biblioteca Neira Vilas, no Calvario, Ramón Nicolás dixo que non tiverades contacto ata este mesmo día, aínda que felicitou á editorial pola tua escolla para ilustrar o seu texto, máis ¿como foi a creación destas ilustracións? ¿ata que punto te apoiaches nos relatos para construír esas pequenas fiestras á vida e os lugares que recorreu a escritora do Calvario?
É certo, non chegamos a coñecernos ata a presentación! Como comentaba antes, Ramón no borrador achegaba fotografías e comentarios que foi recollendo do círculo cercano de Begoña. Facilitoume moito o traballo, sempre que quixen puiden acudir a elas. Houbo outros casos nos que me pareceu interesante aportar outras imaxes. Por exemplo no texto faise unha mención á praza da Cruz Blanca. Eu nunca escoitara de tal plaza e en internet non parece haber imaxes. Sen embargo, atopei nun libro nunha biblioteca de Vigo dúas fotografías nas que se vía unha pequena parte da praza. Pareceume boa idea incluíla para deixar rexistro dun espazo que xa non existe e do que non parece que quede moita documentación.
![]()
Gustaría que nos falaras tamén do proceso de creación dende o punto máis técnico, o tratamento da cor, a textura… e ¿nese proceso ten máis peso o debuxo a man ou a tamén hai unha parte importante de traballo dixital detrás?
Eu sempre parto do analóxico, do material físico. Gústame conseguir ilustracións ricas en texturas, que den “ganas de tocalas”. Para min é importante partir do papel e que a ilustración vaia percorrendo un proceso.
A partir de aquí pode cambiar un pouco o método segundo o que queira representar. Podo facer nunha folla o fondo, noutra as personaxes e logo dixitalmente compoño a imaxe final superpoñendo ás figuras sobre o fondo. Unha ilustración final que vexamos nunha páxina do libro pode estar feita ó longo de 4 follas distintas no meu caderno de debuxo.
Desta forma podo compaxinar a versatilidade que dan os procesos dixitais ca riqueza formal das técnicas tradicionais.
![]()
Outro dos teus traballos que cumpre salientar é “Que sabes da Guerra Civil e o franquismo?” que ilustra o texto escrito por Manuel Veiga e que nace da intención de contar esta parte da nosa historia contemporánea ós máis pequenos. ¿Como foi a túa participación nesta obra necesaria para que os nosos nenos e nenas teñan o primeiro contacto coa nosa Memoria?
Comezou dun xeito similar. Recibín un correo, neste caso de Xerais, para propoñerme o proxecto. Despois de ler o texto, plantexei unha serie de bosquexos que pasei ó editor e dende aí fomos concretando pouco a pouco ata dar cas ilustracións finais. Con coidado de non caer nunhas imaxes excesivamente bélicas, que contasen a crudeza e a pobreza da posguerra dun xeito máis reflexivo.
Tanto nun libro como no outro foi un proceso moi agradecido porque podes contrastar as túas ideas con outra persoa que ten unha visión máis ampla do proxecto e máis precisa sobre o mundo editorial.
Ademais destes proxectos ti traballas tamén como ilustrador de libros de texto, ¿que importancia pensas que teñen as ilustracións neses primeiros lectores, para a comprensión e fixación de novos coñecementos, e para que medre neles o gusto polos libros?
Como ilustrador son uns encargos fantásticos. Nun libro de texto hai textos de todo tipo e as ilustracións teñen que ir acorde. Hai poemas, hai fragmentos de narrativa, de teatro… pero tamén hai exercicios de vocabulario, mapas, etc… Ó final teste que enfrontar a moitas situacións distintas e cada unha demanda unha cousa ou outra.
Por exemplo, as ilustracións poden axudar a que un contido sexa máis memorable ou a establecer un vínculo entre o tema e o rapaz ou rapaza, sobre todo en temas abstractos. Nun exercicio pode axudar a entender o enunciado ou facer a tarefa algo máis alegre. Outras veces axudar a ambientar un relato ou a expandilo aportando máis información da que está escrita. Nos poemas, podes optar por facer una interpretación propia que incite unha lectura diferente ou algo máis literal e concreto.
Se el primero en comentar