![]()
Con motivo do 50 aniversario da Folga Xeral de setembro do 72, falamos con Carlos Nuñez para a publicación en Galaxia de ‘Memoria do Vigo Proletario’.
Por Angelo Nero | 2/01/2026
Carlos Núñez Rodriguez, “o comunista que non foi gaiteiro”, como titula a biografía que escribiu Perfecto Conde, e publicou Galaxia a principios de 2025, foi publicista, deseñador, escritor, pero, sobretodo, político. Á política adicou boa parte da súa vida, e ela levouno a París e a Moscú, o goberno local de Vigo e a cadea de Palencia. E membro da Fundación Gutenberg Mainz e da Asociation Paleographique International, pero tamén do Instituto de Estudos Vigueses. Con motivo do 50 aniversario da Folga Xeral de setembro do 72, falamos con el para a publicación en Galaxia de “Memoria do Vigo Proletario”. Esta é parte daquela conversa.
A túa biografía foi atípica, para alguén que nace en plena ditadura, nunha cidade do interior de Galiza, en Ourense, en 1941, entre Vigo, Moscú, París e Italia, sempre marcado polo compromiso político…
Eu nacín en Ourense, fai moitos anos, hoxe teño 84, e vivín como tantos outros galegos e galegas, cantidade de efemérides que é importante contar, non so para a xente da nosa xeración, senón tamén para a xente do futuro, para que saiban que en Galicia houbo máis que o simple franquismo, houbo loitas pola democracia, houbo loitas pola República, houbo loitas por editar e ler libros, periódicos diversos, independentes.
Meu pai, Albino Núñez Domínguez, era home de esquerdas, meu pai era dun colexio da Enseñanza Libre de Galicia presidente da Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Ourense (ATEO)-, quería que eu estudara fora desta néboa na que vivíamos, outros irmáns meus estudaron en Compostela, foron catedráticos, e a min me deron a posibilidade de estudar fora, e entón fun a estudar a Universidade Lomonosov de Moscú, onde estudei Ciencias Políticas. Alí aprendín moitas cousas, e me inxectaron unha nova moral, para aguantar todas as tempestades que se me viñeron enriba, outros posiblemente non aguantarían tanto por non ter esa fortaleza ideolóxica que tiñamos nos naquela xeración. Regresei para Vigo, o partido queríame mandar para Barcelona, pero a min non me gustaba, nin Madrid. Vigo é un sitio que descoñecía pero era o mar, o Atlántico, era o descubrimento de América. Entón Lister e Claudín, naquel momento en Paris, dixeron: para Vigo. E para Vigo me vou.
Daquela en Vigo desaparecían os tranvías, comezaba a construción do Polígono de Coia, se desaloxa ós veciños de Guixar para construír o Ensanche, se constrúe a Ponte de Rande, a cidade medra, urbanística e economicamente, ¿como foi o teu desenvolvemento profesional e político nese Vigo dos setenta, cando te estableciches na cidade?
Eu debuxaba, aparte de ter unha preparación política e ideolóxica, creo que bastante forte, vin para Vigo, e a partir de ai estiben traballando, facendo deseño. Terminei montando o meu propio estudo, traballei con moitas imprentas, grandes impresores houbo en Vigo. O tema do deseño gráfico, da publicidade, foi a miña gran tapadeira legal, ademais do meu modus vivendi. Pero onde traballei dende o principio, foi como profesional do Partido Comunista, profesional non quere dicir vivir a conto de, senón dedicado exclusivamente á loita do Partido Comunista.
Tiña que traballar como deseñador, como debuxante, porque había que vivir de algo, e alí comezamos a traballar coa HOAC (Hermandad Obrera de Acción Católica) e as JOC (Juventud Obrera Cristiana), na Alianza Francesa, e noutros sitios. Había que establecer puntos de contacto, masa crítica, células… empezamos a contactar con intelectuais, co presidente da Zona Franca, con Alonso Montero, con tantos outros, cos novos dirixentes obreiros nas fábricas, de Citroën, de Barreras, de Vulcano, de Álvarez, de tantas outras empresas.
Comezamos a estruturar como había que facer un gran partido de masas, eso hoxe semella un pouco estraño á xuventude, o que significa un partido de masas, pero ese partido de masas conseguiu facer unha Folga Xeral moi importante, nun momento decisivo, que estou convencido que foi un dos poucos sitios, xunto coa folga de Standar Electric, de Madrid, coas folgas da minería asturiana, e coas folgas de Ferrol, naturalmente, puntos de avance fundamentais para conquistar a democracia en España.
As folgas do 72, que teñen o seu punto álxido en marzo, en Ferrol, e en setembro, en Vigo, sorprenderon ó réxime franquista, que non agardaba unha organización obreira tan forte, ¿como foi posible con toda a represión da ditadura, que ese mesmo ano executaba a Salvador Puig Antich?
Unha Folga xeral non é un feito de casualidade, non se fai unha Folga Xeral cunha unha folga dunha hora, de dúas horas, a Folga Xeral de Vigo recollía a análise que o Partido Comunista de España facía da folga xeral política para derribar o réxime franquista, nada menos, e resultou así. Era unha converxencia de moitas forzas sociais, que eran forzas da clase obreira, dos intelectuais, das universidades, do movemento veciñal, etc., que logramos conxuntar mediante organización, naturalmente, porque nada cae do ceo. E a pesar da represión, das persecucións, das torturas, a pesar das cárceres, a pesar do Tribunal de Orden Público, que te mete en prisión durante anos, como foi o meu caso, e o caso doutros tamén. Eu estiven nun penal ano e medio, dez veces detido, tres veces en prisión, e catro veces torturado tamén, e como a min moitos máis, e sen embargo, vivimos de novo á loita contra o franquismo, pola democracia, por unha constitución democrática, e isto que temos hoxe non se logrou por casualidade, non caeu do ceo, nin o fixo o Rei, nin o fixo Suárez, o fixo a sociedade española, a sociedade galega, a asturiana, a andaluza, fixémolo todos organizando, loitando, renunciado a moitas cousas que nos tiñamos das nosas familias, incluso herdanzas.
Organizamos aparatos de propaganda moi importantes, por exemplo, o aparato de propaganda de Vigo foi un dos máis importantes de España, proba diso é que cando caeu o aparato de Asturias, na primeira Folga xeral nosa, nos axudamos a Asturias, mandando dende aquí material impreso, porque tiñamos unha infraestrutura propagandística moi importante. Cae Ferrol, cae Coruña, cando as Comisións Labregas de Ourense caen, cos seus aparatos de propaganda, axudamos dende Vigo. Vigo foi un gran elemento que moldeou o aparato de propaganda, porque grazas á propaganda mantense unha ilusión, os titulares, os razoamentos, a letra escrita, eso era fundamental, tamén tiñamos a Radio Independente, pero iso era outro gallo, a propaganda escrita era fundamental, as octavillas, permanentemente. Vigo foi un exemplo de como hai que organizar a propaganda nun tempo de ditadura. Vigo foi un exemplo recoñecido en toda Europa.
Nese ano, nese momento, comenzan novas maneiras de organizarse, houbo mais xente que se foi unindo. Unha das cousas fundamentais na organización dunha folga na clandestinidade do franquismo era a mobilización, agora que, coidado coa mobilización, porque podes mobilizar Álvarez, podes mobilizar Barreras, durante unha hora, durante un día, agora mobilizalo por unha causa de abaixo o réxime ditatorial, e arriba as liberdades democráticas constitucionais, eso soamente se logra en base a unha gran conxunción de forzas, de traballadores, de intelectuais, de universitarios, de movementos de masas, e iso costa moito traballo. Pero unha vez que iso vai adiante, resulta que o proceso colle unha vertente de radicalización perigosa, nun tempo de ditadura franquista, e ese movemento telo que controlar politicamente, porque se non o controlas politicamente ese movemento de radicalización é algo que lle interesa ás forzas represoras para ir a por ti, para ir a por todos, para meternos na cadea, polo Tribunal de Orden Público, ou para matarnos, que é o que fixeron con determinados compañeiros, que os mataron na boca de metro de Madrid, como a Abelardo Collazo, Hierro Chomón e outros, que non estiveron de acordo con parar a Folga Xeral, seguiron adiante, e claro, un dos éxitos fundamentais da Folga Xeral do 72 foi que soubemos parar no momento xusto e volver a xente ás fábricas.
¿Pensas que era tan importante levar a folga adiante como saber cando parala?
Hai que parar e volver atrás, porque aquí nos represalian, nos matan, desfannos o movemento obreiro, xusto cando están nacendo Comisións Obreiras, está nacendo a conxunción de intelectuais, de estudantes, de movemento de masas, etc. E nos van a descabellar, entón, das marcha atrás, e cando aparecen determinados grupos de esquerda, minoritarios, por certo, que se lanzaron adiante, que se crearon, desgaxáronse do resto do movemento cidadán e popular, e entón foron a por eles e os liquidaron.
Esto sucedeu no 68 en París, eso sucedeu coas folgas de estudantes, de como a radicalización do proceso universitario de Saint Michele se non o cortas, senón volves atrás outra vez, a policía e as forzas reaccionarias te machacan, e aquí volvemos atrás, pero volvemos atrás intelixentemente, en Standar Electric, en Granada, en Valencia, nas folgas de Barcelona, etc. En Vigo, na Folga Xeral do 72 soubemos reconcentrarnos outra vez, coas forzas enteiras, de tal modo que non puido haber despedidos, porque senón volvíamos outra vez. Un dos poucos que tivo que fuxir, porque lle pedían xa 16 anos, fun eu, que tiven que exiliarme en París, para facer outros traballos do partido, outros traballos de intelixencia.
Xa pasaron máis de cincuenta anos daquelas folgas, ¿segue sendo importante manter unha Memoria Proletaria, para que as novas xeracións non esquezan aquelas loitas?
A xente moza descoñece como foi o do 72, unha cousa é que quede un espírito de bandeira permanente, de puño pechado e erguido, pero outra cousa é que queden as conquistas. En España conquistouse a democracia, o pacto de Transición do 75, non é un pacto calquera, e un pacto que hoxe fariámolo doutra maneira, pero houbo que facelo así. Non miremos para atrás outra vez, non andemos con retóricas. Conseguimos a democracia, conseguimos unha constitución, pero o que conseguimos mediante esta Folga Xeral e outras en España e Galiza, foi conseguir a democracia en España, tan pronto como o ditador morreu. A pena e que morrera na cama. Non é que desexaramos ningún de nós que morrera colgado, pero, polo menos, morrer despois de que pasara polos tribunais de xustiza correspondentes, como outros tamén pasamos, inxustamente.
Non facía falta estudar na universidade, non facía falta irse a Moscú a estudar, outros como Tito, como Xaniño de Barreras, como tantos outros, que non estudaron, foron líderes que escribiron, que falaron pola radio, que souberon falar nas asembleas, que tiñan un verbo fácil, e era xente alcanzable á sociedade, eso crea sociedade, eso é o que crea sociedade democrática. Esto que conseguimos nunha xeración, a do 75, daqueles que nacemos no 40, no 50, e que hoxe temos netos, hai que aproveitalo, pola cidade, por Galiza, aproveitalo por España, por Europa, polo mundo, pola solidariedade co mundo.
Estes novos plantexamentos antiecolóxicos, que se van producindo no mundo enteiro, egoístas, bélicos, por parte de determinados países, temos que cunha nova conciencia, herdada precisamente deste país, onde moitos morreron fusilados, outros morreron na cadea, outros morreron no exilio, e outros morreron no silencio. Temos que telos sempre en conta, na nosa memoria histórica, do noso pais, nunca esquezamos a todos aqueles que foron fusilados no Monte do Castro, ou no Castelo de Ferrol, ou nos muros de Ourense, ou nos muros de Pereiro, nunca esquezamos a todos eses heroes porque a súa sangue, o seu sacrificio, que conquistou realmente a democracia, que esta nova xuventude está vivindo.
Para rematar, ¿pensas que queda algo dese espírito do 72?
O espírito do 72 son os sindicatos, é a loita dos partidos de esquerda, porque precisamente o que marcou o 72 foi a gran suma, a gran unidade de partidos de esquerda, cousa que hoxe non hai, hai que volver a traballalo, a unidade é fundamental para a supervivencia do benestar da sociedade. Eso notábase nos escritores, nos debuxantes, nos pintores, notábase que había unidade no plantexamento, estabamos todos xuntos, cada un no seu eido, pero xuntos. Esta é a gran herdanza democrática que temos, e que a xuventude, que é un ciclo que ten que volver a vivir, volverá a vivir, non me cabe a menor dúbida, porque a xuventude actual, baixo o punto de vista cultural, pictórico, musical, etc, está utilizando cousas de usar e tirar, eso non sirve para nada. E necesario aproveitar, o futuro depende moito da tradición, esa tradición é a nosa, a galaica, a céltica, que e necesario aproveitar, o mesmo fan os andaluces, os bretóns, os irlandeses.
Se el primero en comentar