Fóra Franquismo de Ferrol

“De acordo coa súa orixe, natureza, estrutura e conduta xeral, o réxime de Franco é un réxime Fascista baseado no modelo da Alemaña nazi de Hitler e a fascista de Mussolini, e estabelecido en gran parte grazas á axuda recibida dos mesmos”

Por Presas/os políticas/os de Ferrol na ditadura

Numerosos apoios de toda Galiza á moción aprobada no pleno de Ferrol do 31 de marzo de 2022 sobre a eliminación de simboloxía franquista

O manifesto FÓRA FRANQUISMO DE FERROL! lembra que a moción, presentada a iniciativa do colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura, foi aprobada sen votos en contra: a favor do PSOE, Ferrol en Común e BNG, e abstención do PP.

Sinala o manifesto: “As persoas que participaron ou apoiaron a sublevación militar e fascista de 18 de xullo de 1936 contra un goberno democrático, como é o caso de Salvador Moreno Fernández e José María González Llanos y Caruncho, non poden manter rúas, distincións honoríficas ou estatuas porque sería un desprezo ás vítimas do franquismo –máis de 1.000 asasinadas nesa comarca despois da sublevación–, un claro incumprimento de acordos plenarios de Ferrol desde hai máis de 40 anos, das Ordes e Resolucións do Ministerio de Defensa e da Lei de Memoria Histórica que no seu artigo 15 sinala: “As Administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”.

Entre os máis de 60 apoios recibidos até agora figuran: Fundación 10 de marzo de CCOO, Fundación Luis Tilve da UGT. Fundación Moncho Reboiras da CIG, CGT-Navantia Ferrol, CIG Navantia Ferrol. Historiadoras/es: Dionisio Pereira, Víctor Santidrian, José Gómez Alén, Enriqueta Otero Farto, Fernando Vidal, Carlos Morais, Francisco J. Redondo Abal, Margarita Teijeiro, Carlos Velasco, Carlos Babío, Xosé Estévez. Escritoras/es: Manuel Rivas, Mercedes Queixas, Suso de Toro, Gustavo Luca de Tena, Carmen Blanco, Pepe Cáccamo, Claudio Rodríguez Fer, Xoán Ignacio Taibo. Xente da cultura: Isabel Risco, Fernando Morán, Laura Tato, David Otero, Carlos Aymerich, Xosé Abad, María Isabel Valdivieso, Xosé Ramón Freixeiro Mato. E vinte entidades memorialistas e culturais de toda Galiza.

Despois de aprobarse esa moción no citado pleno, o PP e Vox emitían comunicados, rexeitando ese acordo. O PP presentaba unha moción para que non se execute o acordo de retirada da estatua de González Llanos. Nun lateral do pedestal hai, entre outras, esta inscrición: “La Marina a su Contralmirante”. Recibiu esta graduación en 1958, é dicir, un Contralmirante da Armada fascista, como foi cualificada pola Resolución 39 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas de 12 de decembro de 1946: “De acordo coa súa orixe, natureza, estrutura e conduta xeral, o réxime de Franco é un réxime Fascista baseado no modelo da Alemaña nazi de Hitler e a fascista de Mussolini, e estabelecido en gran parte grazas á axuda recibida dos mesmos”. Quedan en Alemaña ou Italia estatuas de Contralmirante do exército nazi ou fascista?

A primeira corporación democrática de Ferrol despois da ditadura –alcaldía socialista (Xaime Quintanilla Ulla), Fernando Miramontes (portavoz do Partido Comunista de Galicia) e Xaime Quintanilla Rico (portavoz de Unidade Galega)– acordaba no pleno de 2 de marzo de 1981, retirar 61 rúas relacionadas coa sublevación fascista de 1936 e coa ditadura, entre elas as de González Llanos (hoxe Circunvalación) e Salvador Moreno (hoxe Irmandiños). E o Ministerio de Defensa retiraba nove rúas do Arsenal de Ferrol o pasado 17 de marzo, entre elas as de González Llanos e Salvador Moreno.

En Ferrol aínda quedan numerosos restos do franquismo: Ademais de González Llanos e Juan Antonio Suanzes, son Fillos Predilectos ou Adoptivos nove ministros da ditadura, entre eles: Pedro Nieto Antúnez, Pablo Martín Alonso, Salvador Moreno Fernández, Jorge Vigón, Gonzalo Fernández de la Mora, Fernando Suárez de Tangil. Camilo Alonso Vega conserva unha escultura no hospital Juan Cardona como “Hijo Ilustre de la ciudad” e o franquista Pedro Barrié de la Maza é Fillo Adoptivo e ten unha rúa.

O pleno de Ferrol do luns, 9 de maio, ás 19 horas, debaterá a sinalada moción do PP, que non puido tratarse no pleno do pasado 28 de abril porque o Pleno rematou ás 12 da noite. Está prevista na orde do día a intervención dunha representación do colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura.

FÓRA FRANQUISMO DE FERROL!

APOIAMOS A MOCIÓN APROBADA NO PLENO DE FERROL O 31 DE MARZO DE 2022 SOBRE A ELIMINACIÓN DE SIMBOLOXÍA FRANQUISTA EN FERROL

(Aprobada sen votos en contra: a favor do PSOE, Ferrol en Común e BNG, abstención do PP)

As abaixo asinantes, entidades, escritoras, profesionais, historiadoras, queremos manifestar o noso apoio á iniciativa do colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura que presentaron unha moción no pleno do pasado 31 de marzo, aprobada sen ningún voto en contra, sobre a eliminación da simboloxía franquista en Ferrol, após a retirada polo ministerio de Defensa de nove rúas franquistas do Arsenal.

Consideramos que as persoas que participaron ou apoiaron a sublevación militar e fascista de 18 de xullo de 1936 contra un goberno democrático, como é o caso de Salvador Moreno Fernández e José María González Llanos y Caruncho, non poden manter rúas, distincións honoríficas ou estatuas porque sería un desprezo ás vítimas do franquismo –máis de 1.000 asasinadas nesa comarca despois da sublevación–, un claro incumprimento de acordos plenarios de Ferrol desde hai máis de 40 anos, das Ordes e Resolucións do Ministerio de Defensa e da Lei de Memoria Histórica que no seu artigo 15 sinala: “As Administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”.

Acordos do pleno

1. Trasladar ao Ministerio de Defensa a petición de que as rúas alternativas para o Arsenal sexan as apoiadas polos militares asinantes do Manifesto en contra do franquismo nas Forzas Armadas.

2. Retirar a distinción de Fillo Predilecto de Ferrol a Salvador Moreno Fernández.

3. Retirar a distinción de Fillo Predilecto a José María González-Llanos y Caruncho, así como a estatua que ten na rotonda do barrio de Esteiro.

4. Retirar da igrexa castrense de San Francisco a placa de homenaxe da Armada ao Cruceiro Baleares.

5. Instar ao goberno municipal a que realice xestións co bispado de Mondoñedo-Ferrol para retirar da igrexa de San Francisco a cruz dos “Caídos por Dios y por España”, así como a placa nesa igrexa con referencia ao bautismo do “Generalísimo”.

6. Instar ao goberno municipal para que solicite ao Ministerio de Defensa que os restos de Salvador Moreno Fernández e Francisco Moreno Fernández sexan retirados do Panteón de Mariños Ilustres de San Fernando (Cádiz).

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.