As luces de Nadal cegan a impunidade do fascismo en Vigo

Esta podería ser unha crónica da Voz de Galicia, que ocuparía a portada do periódico nos días seguintes ó suceso.

Por Angelo Nero

Este pasado sábado, 18 de decembro, un comando de radicais perpetraron unha grave agresión nun local do Casco Vello de Vigo, a cidade onde Papa Noel non precisa gps, porque se guía polas luces de Nadal, que o concello presume que incluso “na Estación Espacial Internacional están deslumbrados”, pola instalación de once millóns de leds, que comezaron a brillar un 20 de novembro, que xa é casualidade.

Unha hora antes da media noite, polo tanto con nocturnidade e alevosía, entre oito e dez seguidores da kale borroka, comezaron a merodear diante do local, frecuentado con frecuencia por simpatizantes dos partidos constitucionalistas situados máis á dereita do arco parlamentario, e aproveitando a pouca concorrencia á esa hora, arrincaron a bandeira española que ondea na porta, símbolo da unidade de todos os españois.

O encargado do local, que non se amedrentou ante a superioridade dos radicais, correu tras eles, pero ó alcanzalos foi rodeado –seguramente a bandeira era o señuelo para que abandonara o local-, e foi agredido brutalmente con patadas, puñadas e mesmo foi trabado nunha man, para finalmente tentar estrangulalo.

“Esta nueva agresión de los cachorros separatistas no puede quedar impune, nuestra ciudad no puede tolerar este acto de terrorismo callejero”, declarou o alcalde de Vigo, nunha roda de prensa convocada este mesmo domingo de urxencia, para continuar cunha alusión ós tristes sucesos de Alsasua, de todos coñecidos, e “convocar a todas las fuerzas políticas y sociales de la ciudad, a una manifestación de repulsa”.

Fontes policiais confirmaron, na mañán do luns, a detención de vinte persoas, relacionadas con este grave atentado a nosa convivencia, que poderían estar detrás de outras accións de kale borroka, e agresións a militantes constitucionalistas, así como dos disturbios producidos no mitin celebrado na nosa cidade polo señor Abascal o ano pasado.

Esta podería ser unha crónica da Voz de Galicia, que ocuparía a portada do periódico nos días seguintes ó suceso, se non fora porque, aínda que estes feitos relatados teñen coincidencia na agresión, no lugar, o día e a hora, en realidade cambian algúns detalles, que mudan completamente a historia.

Foi antes da media noite do sábado, efectivamente, cando un grupo de radicais, pero de radicais fascistas, merodeou diante do Centro Social A Revolta, situado na rúa Real, no corazón do Casco Vello de Vigo, e un deles arrancou a bandeira da Patria que colgaba ás portas do local. O voluntario que en aquel momento se atopaba alí, saíu correndo coa intención de recuperar o noso emblema nacional, momento no que foi rodeado polo grupo de fascistas e agredido brutalmente, tal e como se describe na recreación anterior.

Obviamente non houbo roda de prensa do goberno vigués, nin chamamento a saír ás rúas para mostrar a repulsa da cidadanía ó ataque. Tampouco, que saibamos, houbo ningunha detención por este grave ato de violencia política, porque, como vimos denunciando dende fai tempo, o fascismo goza de total impunidade, e esa impunidade a están mostrando nas rúas.

Non moi lonxe de alí, no Berbés, fai menos de dous meses, outro rapaz sufriu unha agresión homófoba, e a día de hoxe seguen sen haber detidos, nin houbo unha clara condena por parte dun consistorio como o vigués, do que non se pode agardar unha resposta ante o fascismo, non sei si cegado polas luces ou pola falta delas, xa que a Memoria Antifascista  -e a Cruz dos Caídos situada fronte o concello da boa fe delo- non está no seu adn. Pero si é urxente que no corazón da cidade proletaria xurda unha resposta contundente contra ese fascismo que camiña impune polas súas rúas.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.