51 anos despois Vigo segue lembrando ós últimos fusilados polo franquismo

Foron os últimos executados polo franquismo, un feito que segue sendo lembrado medio século despois, cando aínda moitos colectivos memorialistas e republicanos seguen demandando Verdade, Xustiza e Reparación

Por Angelo Nero | 28/09/2026

Fotos: Demetrio Monteagudo

51 anos despois do asasinato dos vigueses Xosé Humberto Baena e Xosé Luís Sánchez-Bravo, e do aragonés Ramón García Sanz, militantes do Frente Revolucionario Antifascista y Patriota (FRAP), fusilados na localidade madrileña de Hoyo de Manzanares (Madrid) por un pelotón de gardas civís e policías, o cemiterio de Pereiró, en Vigo, acolleu unha nova homenaxe a estes loitadores antifranquistas, así como ós militantes de ETA (pm), Juan Paredes, Txiki, e Ángel Otaegi, fusilados na mesma data en Barcelona e Burgos, respectivamente. Foron os últimos executados polo franquismo, un feito que segue sendo lembrado medio século despois, cando aínda moitos colectivos memorialistas e republicanos seguen demandando Verdade, Xustiza e Reparación.

Nun acto convocado, como noutros anos, pola Comisión 27 de Setembro, que tamén colocou grandes valados na cidade en lembranza dos militantes antifranquistas, houbo unha nutrida representación de partidos políticos e sociais, movementos memorialistas e colectivos antifascistas, entre eles a Asemblea Republicana de Vigo, o Bloque Nacionalista Galego, Esquerda Unida, Anova, o Comité Antifascista Lourinha, a Confederación Sindical Galega ou Amnistía Internacional.

O acto foi presentado por Luís Viñas, e nel participou tamén Rita Pérez, que leu unha carta de Victoria Sánchez-Bravo, así como Xavier Moreda e Flor Baena, irmán de Xosé Humberto.

Emilia Alonso, como voceira da Comisión 27 de Setembro, deu lectura ó comunicado:

«Esta Comisión ven reivindicando dende o ano 1976 e por tanto fai hoxe 50 anos, e neste mesmo lugar, a memoria e o legado dos 5 loitadores que foron vilmente asasinados na conta final do franquismo.

Debemos ter claro que por muito tempo que pase e moitos contos que nos queiran contar sobre democracia e liberdades non debemos esquecer porque morreron estes 5 xóvenes idealistas que non dubidaron en opoñerse ao franquismo aínda sendo conscientes das tráxicas consecuencias que para eles poderían ter os seus actos.

As brutais accións represivas que o franquismo exerceu, xa en tempos da sua presunta agonía, en moitas ocasións con resultado de morte a mans das mal chamadas “forzas da orde” tiveron o seu estoupido final no crime de estado destes cinco mozos logo de 4 xuízos de guerra sumarísimos, que non foron mais que un burdo intento de xustificar o inxustificable, coma eran as 11 condenas a morte que se ditaron e que logo da conmutación de 6 delas quedaron nestas 5 que finalmente se cumpriron.

Durante os anos 70-75 a represión, (atendendo unicamente a represión sanguenta) dominou de novo a actualidade: unha serie sinistra de mortes e agresións sementou o escenario das loitas antifascistas.

Foto: Alberto A. Schiatti

Está claro que dado que Franco estaba xa nos derradeiros días da sua vida, os que aspiraban a continuar con o seu réxime e que tiñan medo dos tempos e os cambios que virían despois do seu falecemento, quixeron personificar no asasinato destes 5 loitadores que non estaban dispostos a facer ningunha concesión e o réxime debería manter a brutalidade e falta de democracia e liberdades que había mantido nos 36 anos anteriores.

Resulta curioso que 51 anos despois daquelas tráxicas mortes os obxectivos daqueles mozos que foron asasinados permanezan aínda hoxe perfectamente vixentes e teñan que ser postos de novo coma obxectivos da loita pola democracia. Estes mozos xenerosos e valentes a quen os seus ideais por una sociedade mais xusta e mais libre os levaron ao compromiso coa loita, una loita desigual que rematou nos seus asasinatos.

Que as mortes destes loitadores non sexan inúteis, que a sua memoria nos lembre que non debemos conformarnos con menos do que teríamos de non ser vítimas dun macabro ditador, que apoiado polos traidores que a él se uniron levounos a un longo tempo de escuridade, una longa noite de pedra coma diría Celso Emilio Ferreiro.

José Luis Sanchez-Bravo Solla

Xosé Humberto Baena Alonso

Ramón Garcia Sanz

Jon Paredes Manot, Txiki

Angel Otaegi Etxeberría

Non esquezamos os seus nomes nen a sua loita

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.