Por Angelo Nero
Volvemos a San Simón, ¿sabes, Chato?, a pesar desa maldita pandemia que nos privou da túa palabra e do teu sorriso, volvemos a nosa Illa da Memoria tamén para lembrarte, como faremos, a partir de agora, todos os anos, e para lembrar a todos os que sufriron cadea e tormento, coma ti, a todas as que tiveron que agocharse, silenciarse, volverse invisibles, ou procurar o camiño do exilio.
Pero non volvemos derrotados e tristes, e a pesar das máscaras, cando desembarcamos, aprenderamos a sorrir cos ollos, a pesar de que nos faltaba un anaquiño do noso corazón, que se fora contigo. Sorría, aínda que timidamente ata Justa, a túa compañeira da alma e de tantas loitas, rodeada pola tenrura dos que a querían de sempre, coma ti, e dos que, nuns días, aprendemos a querela.
Erguemos unha barricada de sorrisos cómplices para derrotar ó esquecemento e á tristura, entre os teus camaradas de clandestinidade e de prisión, e os que, coma eu, fóronse sumando na defensa da Verdade, e da Xustiza, da Reparación á Memoria das vítimas.
Seguro que te alegrará saber, querido Chato, que nesa barricada, xunto a Justa, estaban Gus, Ibargutxi, Kinki, Rosa, os teus irmáns de La Comuna, que nos agasallaron durante os días que compartimos con un feixe de historias preciosas, e tamén estaban Montse, Luís, Celso, que sempre te acompañaron nas túas intensas visitas a Galiza, esa terra que xa sentías tan túa que ata aprendiches a cantar o noso himno.
Tamén estábamos Sonia e eu, co corazón partido porque non estiveras alí, por haberte perdido, e por haber atopado a Justa no noso camiño, coa certeza de que esa corrente de afecto que se creara entre nos xeraría novos camiños.
Volvemos a percorrer os pequenos sendeiros de San Simón, sementando as sementas da Memoria, coma un exército pacífico, pero conscientes da nosa forza, para lembrarte, como lembramos a Celestino Poza, a Rosario Hernández, a Calesa, a Abraham Zbarsky, a Alexandre Bóveda, a Urania Mella, porque ti tamén contribuíches para que non se esqueceran os seus nomes e as súas voces.
Cruzamos xuntos a ponte ata a pequena illa de San Antón, onde escoitaremos para sempre o ecoar da túa risa, como só un ano atrás, cando nos animabas a seguir estreitando lazos, a cavar trincheiras coa culler, a compartir horizontes.
E ese horizonte xa é noso, ¿verdade, Chato? Porque, como dicía Galeano, por moito que se afaste, nos obriga a seguir camiñando…
Se el primero en comentar