Dende que o grupo terrorista ultradereitista Guerrilleros de Cristo Rey comezase a usar a mediados dos anos 70 do XX o grito simbólico de Viva Cristo Rey, o Sagrado Corazón de Xesús converteuse nunha referencia nos ambientes da extrema dereita.
Por Lucio Martínez Pereda
España é un estado aconfesional pouco secularizado e escasamente laicizado. Hábitos de ocio, ritos de paso, costumes de representatividade institucional, e actividades educativas, de saúde e beneficencia aínda seguen xirando -en maior medida que en outros países- entorno a principios morais e calendarios fixados pola igrexa na cultura cotiá e na conciencia colectiva. En España aínda existe dificultade para establecer relacións entre os cultos relixiosos e as súas implicacións políticas, moitas prácticas católicas están enraizadas dende bastante máis de un século na tradición do nacional catolicismo, e en consecuencia resulta fácil facer esquecer ó seu orixe coa escusa do seu enraizamento na relixiosidade popular. Nun contexto semellante algúns cultos acostuman a pasar por piedades exclusivamente relixiosas alleas a súa funcionalidade política.
Trataremos un caso concreto que ilustra esta realidade: o recente intento -aínda non rematado- do alcalde de Vigo por erguer unha estatua do Sagrado Corazón de Xesús nun espazo de gran centralidade e visibilidade no centro da ría de Vigo.
A devoción ó SCX -orixinado na Francia anti revolucionaria- tiña como obxectivo reactualizar a vella teoría do absolutismo borbónico francés mediante o cal a orixe da soberanía real se lexitimaba -en contra da noción democrática de soberanía nacional- como manifestación da vontade divina. Dede os anos da sublevación vendeana o Sagrado Corazón de Xesús ligouse á resistencia contrarrevolucionaria contra a convención xacobina, sostendo a esperanza de quen confiaban na simultánea restauración da Monarquía borbónica e da Francia cristiá. As consagracións ó Sagrado Corazón e a restauración do reinado social de Xesucristo, serviron coa axuda do papado -que estableceu a festividade de Cristo Rei “como remedio contra o laicismo”- para conseguir apoios no enfrontamento contra as políticas secularizadoras republicanas.
O SCX -seguindo o modelo francés- introdúcese en España da man dos xesuitas. O sacerdote Bernardo de Hoyos tivo unha aparición de Xesús: o escollera para difundir a devoción do Sagrado Corazón en España. A aparición incluíu unha mensaxe coñecida como a Gran Promesa: “Reinaré en España e con mais veneración que en outras partes”. A consagración oficial de España ó Sagrado Corazón fíxose no Cerros dos Anxos, durante o reinado de Alfonso XIII, o 30 de maio de 1919, día de Fernando III o Santo. Durante a restauración alfonsina, o SCX converteuse nun rito político-relixioso contra a crecente cultura política democrática republicana. A devoción a Cristo Rei estendeuse por todo o país durante a ditadura de Primo de Rivera.
A funcionalidade política antidemocrática deste culto reactivouse durante a guerra civil na zona Alzada. Dende o comenzo do Alzamento o discurso relixioso converteuse nun recurso propagandístico para mobilizar á poboación e sumala ó empeño colectivo da vitoria bélica. Na retagarda as pautas de conduta colectiva fronte á guerra foron establecidas mediante un conxunto de cerimonias político-relixiosas de adhesión á causa franquista. Os actos de desagravio e reposición de crucifixos, as celebracións de virxes, os funerais de mártires e heroes, as reposicións de sagrados corazóns. Había que crear un imaxinario colectivo de exaltación patriótica relixiosa, gravemente minguado durante os anos do goberno republicano e activar, de paso, os mecanismos da relixiosidade popular cara a causa do Alzamento.
As cerimonias celebradas durante a guerra son unha enorme inversión na extensión dos fundamentos doutrinais do novo réxime. A triada patria, relixión e exército quedaron indisociablemente unidos no imaxinario popular mediante estes espectáculos de masas. A plena identificación entre discurso relixioso e discurso patriótico, contribuían a reforzar os lazos comunitarios. Non so resultaba preciso construír a identidade ideolóxica do réxime, senón estendela a toda a poboación. Había que crear un ambiente social de Cruzada, convencer á poboación da retagarda que a guerra era necesaria porque era xusta e era xusta porque a través das armas estábase defendendo a Relixión e a Patria postas en perigo durante o goberno republicano. O fervor relixioso contribuíu a potencias o ánimo patriótico e este a sua vez axudou a incrementar o primeiro, producíndose unha intensificación emocional mutua, sin a cal resultaba imposible impoñer na retagarda unha moral de vitoria. Dende o inicio da guerra, estendéronse no bando nacionalista discursos, alocucións e textos propagandísticos unindo baixo o renovado culto ó Sagrado Corazón, os conceptos da Cruzada, relixión e culto á personalidade de Franco. As imaxes de sagrados corazóns foron o condutor de sacralidade utilizado durante a guerra civil para lexitimar e consolidar a Franco como o gran intérprete da vontade favorable de Deus cara a sua Cruzada, unha lexitimidade divina, da que emanaba o mandato de instaurar o Reino de Cristo en terra española, con Franco convertido en “caudillo de España pola gracia de Deus”.
Tratábase de articular unha forma de mobilización relixiosa antirrepublicana común para todas as familias ideolóxicas que apoiaron a sublevación: dende falanxistas a carlistas, pasando por alfonsinos. O SCX foi un instrumento que serviu para evitar as diferenzas políticas entre estes grupos, un mínimo común denominador para dotar á idea de Cruzada dun rito que puidera levarse ós espazos relixiosos, pero tamén ós espazos civís.
As advocacións político relixiosas que acompañan os actos do Sagrado Corazón de Xesus son abundantísimas. Centrarémonos en dúas. As palabras pronunciadas en outubro de 1936 polo arzobispo de Valladolid e principal impulsor do culto, xunto co bispo Víctor García de Tui, exemplifican á perfección a mensaxe dominante nestes actos:
“Nesta hora decisiva para os destinos da nosa Madre España, cando fronte ás hordas sen Deus e sen Patria ofrendan a súa vida todos os españois dignos de selo, ó servizo da Cruz de Cristo e da nosa gloriosa bandeira vermella e amarela, cando a fe e o patriotismo fan brotar lexións de heroes nas filas do Exército e dad milicias para defender ó secular patrimonio da España católica, fronte abundosa de civilización cristiá, sería un crime de lesa fe e lesa Patria permanecer en actitude expectante, limitándose a admirar os trunfos das nosas armas, o a estériles bágoas polos que sucumben na loita. […] España, cuxos soldados e milicias esmaltaron as máis heroicas páxinas de bravura coa súa xenerosa sangue nesta guerra de reconquista contra os precursores do Anticristo, teñen tamén que facer honra ó seu piadoso estirpe nesta cruzada de oración a que nos invita o propio Corazón Divino e da que ninguén estará dispensado porque a todos alcanza a consoladora promesa: Reinarei en España e con máis veneración que en outras partes”.
O texto do acto de consagración ó SCX escrito polo bispo de Salamanca, en xuño de 1039, como acción de gracias pola vitoria na cruzada, abonda nos mesmos plantexamentos que no anterior: “gloriosa vitoria que nos conseguiches […] suscitaches un invicto Caudillo que liberase a España do comunismo. Algunhas provincias estiveron libres dende o primeiro momento da Santa Cruzada […] Que, en adiante, Señor, ante o mundo ofrézase España, Unha, Grande e Libre, onde reines Ti”.
A popularizacións destes actos e dos frecuentes entronamentos das imaxes do SCX en locais e dependencias oficiais na zona da retagarda franquista facilitou que a propaganda extendera entre os soldados do exército franquista a crenza de que ó entrar en combate contra as tropas dos “Sen Deus” recibían a protección apotropaica da divindade se levaban colocado sobre o peito un detente bala co símbolo do SCX. En realidade, todas as relixións resultan útiles para superar o medo á morte en combate: permiten a conformación de lugares sagrados, mitos e rituais para soportar a dimensión do desasosego. A idea da guerra civil como cruzada relixiosa atopou no culto ó Sagrado Corazón de Xesús a piedade relixiosa máis eficaz para que os soldados non cuestionaran a utilidade da sua morte.
A falta de percepción entre a cidadanía destas raíces históricas pode facer pasar este culto como un rito politicamente desactivado. Pero nada máis lonxe da realidade. Dende que o grupo terrorista ultradereitista Guerrilleros de Cristo Rey comezase a usar a mediados dos anos 70 do XX o grito simbólico de Viva Cristo Rey, o SCX converteuse nunha referencia nos ambientes da extrema dereita. Entre a actual cúpula da Igrexa católica, as asociacións seglares e os grupos de extrema dereita, xurdiu unha comunidade de intereses compartidos que lévanos a recuperar as tradicións nacionalcatólicas como vía de acción política, e atoparon na renovación do culto ó Sagrado Corazón un medio para conseguir este obxectivo.
Sería un desprestixio para Vigo converterse na única cidade do estado español que pague diñeiro público dun concello socialista unha estatua coa imaxe relixiosa que representado con maior intensidade o cruzadismo belicista de nacional catolicismo. Entendemos que o alcalde da cidade, ignorante desta tradición político relixiosa antidemocrática, no es consciente do desprezo que este suporía pola memoria dos militantes do seu propio partido que foron asasinados no verano de 1936 por persoas que rendían culto a esta imaxe cruzadista.
Se el primero en comentar