Un primeiro de maio sanguento en Vigo

Un dos “saltos” do primeiro de maio, que mantiveron en xaque ás forzas represivas en toda a cidade, desenrolouse na confluencia da rúa Aragón e a Travesía de Vigo, no Troncal, preto da subestación de Unión Fenosa

Por Angelo Nero

O primeiro de maio de 1975, o derradeiro ano da longa noite de pedra da ditadura do xeneral Franco, aínda co ecoar das grandes mobilizacións obreiras que tres anos antes desafiaran ó réxime e que foran quen de paralizar a cidade, convocase unha manifestación baixo o lema “Abaixo a ditadura asasina e liberdade para os presos políticos”. A convocatoria estaba respaldada pola troskista Liga Comunista Revolucionaria (LCR), xurdida en 1971, e que por aquela altura denominábase aínda LCR-ETA (VI), trala fusión coa escisión da VI Asamblea da organización armada vasca, e polo Fronte Revolucionario Antifascista e Patriótico (FRAP), creado en 1973, coa confluencia de varias organizacións, a máis importante o Partido Comunista de España marxista-leninista (PCE m-l), que tiña como presidente a Julio Álvarez del Vayo, ministro do PSOE durante a Segunda República.

Aínda que o FRAP naquel tempo xa formara os Grupos de Autodefensa e Combate, coa intención de construír unha resposta armada á ditadura, na convocatoria de Vigo a consigna foi moi clara e prohibiuse ós seus militantes ir armados, autorizando so “métodos de autodefensa para crear unha cortina de lume por si chegaba a policía”. O “Antifascismo militante” estaba disposto a dar un paso máis para enfrontar ó réxime, pero o aparato represor do estado franquista non estaba disposto a ceder, como demostrou ese mesmo ano, en setembro, cando executou a tres militantes do FRAP e a dous de ETA.

Ese mesmo primeiro de maio, segundo un informe da Brigada Político Social, houbo no conxunto do estado: “4 atentados contras as Forzas de Orden Público, 17 bandeiras e pancartas colocadas en edificios públicos, 10 comandos violentos, 4 explosións de artefactos, 16 manifestacións consumadas, 4 conatos de manifestación, 6 manifestacións lóstrego, 7 reclusións e perturbacións do orde público.” E o resultado das intervencións policiais nas diversas manifestacións en Málaga, Barcelona, Zaragoza, Granada ou Vigo, foron de “337 persoas arrestadas, 16 por propaganda ilegal, 117 por participar en concentracións, 8 por agresións ás forzas de orde público, 20 por axitación laboral, 11 por comandos, 114 por manifestacións, e 54 por actividade subversivas diversas.”

De volta á convocatoria de Vigo, dúas eran as accións previstas polos organizadores, a principal un “salto” xeral nun lugar determinado, que podía ser As Travesas ou O Calvario, e sumando a isto unha serie de accións destinadas a distraer a atención dos corpos represivos, que xa estaban previdos e desprazaran a unha compañía da Reserva Xeral da policía armada, con sede en Valladolid, e a outra unidade chegada dende A Coruña.

O periodista Fernando Ramos lembraba así como seguían esas mobilizacións: “Os periodistas que cubríamos estes eventos repartímonos as zonas e logo intercambiabamos a información. O movemento obreiro vigués botábase á rúa, onde o agardaban as unidades antidisturbios. Os traballadores manifestábanse a peito descuberto, pero con calculada eficacia na praza de España, a Dobrada, a Gran Via, a Igrexa dos Picos, o cruce de Colón con Policarpo Sanz, e onde máis evidente se fixera evidente a súa presenza. O máis arriscado eran as fotos. Outra alternativa era facer unha concentración en A Madroa, onde para disimular xogábase un partido, interrompido sempre pola garda civil, realmente curioso, de cen contra cen, todos no campo, e no medio, líanse os manifestos. Era un día emocionante, onde se nos subía a adrenalina a todos. Bibiano Morón, cantante e obreiro do sector naval, gardaba no meu despacho as zapatillas que se calzaba para correr máis, cousa que el aínda lembra.”

Un dos “saltos” do primeiro de maio, que mantiveron en xaque ás forzas represivas en toda a cidade, desenrolouse na confluencia da rúa Aragón e a Travesía de Vigo, no Troncal, preto da subestación de Unión Fenosa, onde, nese momento, atopábase de servizo Manuel Montenegro Simón, de 42 anos, que se asomou á verxa de peche para ver o que estaba pasando na rúa. Tamén saíu do seu domicilio o garda civil Justo Arias Sanfiz, para atoparse cun nutrido grupo de persoas, algúns dos cales puñan cartaces e facían pintadas na parede da subestación, polo que non dubidou, pese a que non estaba de servizo nin vestía o uniforme, de botar man da súa arma regulamentaria, co fin de disolver a manifestación, e efectuar dous disparos.

O seu obxectivo, segundo algunhas crónicas, como a de Fernando Ramos, era Eduardo Pahino Torres, militante da LCR, e un dos organizadores do “salto”, que traballaría en Ascón e Álvarez, e lembraba así os seus primeiros anos de militancia: “ós 17 anos non tes medo, pero foi unha época escura, sinistra, non nos coñecíamos entre nos para evitar resgos. Tomábamos moitas precaucións.” Ese primeiro de maio estivo a punto de ser alcanzado polas balas do garda civil Justo Arias, cando tiña apenas 18 anos, pero foi Manuel Montenegro quen resultou alcanzado polos disparos, resultando morto.

A versión oficial dos feitos, recollida polo ABC ó día seguinte era esta: “O feito produciuse arredor das trece horas, cando un grupo de xóvenes, preto da trintena, coas caras tapadas, comezou a proferir gritos subversivos na Travesía de Vigo de esta cidade. Ondeaban bandeiras vermellas, e coas cores republicanas, e portaban, ó parecer, cócteis molotov, cadeas e barras. O garda civil, tras identificarse, tratou de conter ós manifestantes, que o atacaron, polo que tivo que esgrimir a súa arma regulamentaria. Para amedrentar ós seus atacantes fixo dous disparos, un dos cales alcanzou á vítima, garda da central eléctrica que a empresa Fenosa ten nese lugar, que saíra á porta ó escoitar os berros, e que se atopaba a uns trinta ou trinta e cinco metros do lugar dos feitos.”

Tal como recolle o escritor Carlos Fonseca no seu libro “Mañana cuando me maten”, no enterro de Manuel Montenegro, no cemiterio de Lavadores, estivo o alcalde da cidade, Joaquín García Picher, e os delegados provinciais de Traballo, e máis o procurador nas cortes franquistas pola Organización Sindical Española, David Pérez Puga. O franquismo o matou e o franquismo o enterrou.

A represión desatada ese día estendeuse por todo o estado, e na Galiza foi especialmente virulenta, detendo a dez persoas en Ferrol, onde tamén se produciran conatos de manifestación e “saltos”, protagonizados pola UPG e o PCE, catorce detidos máis en Compostela por reparto de propaganda, na súa meirande parte da UPG. En Vigo houbo numerosas detencións, entre elas a de Eduardo Pahino, e se desmantelou, practicamente, a estrutura que maniña o FRAP na cidade.

Os militantes do FRAP, os vigueses Xosé Luis Sánchez-Bravo e Humberto Baena, xunto con outros compañeiros, recadaron diñeiro para poñer unha esquela en homenaxe a Manuel Montenegro no Faro de Vigo, trasladando á familia da solidariedade de “obreiros, empregados e amas de casa nestes momentos de dor” e o día seguinte da publicación a policía comezou a deter ós que participaran na colecta, polo que ambos fuxiron a Madrid. Eles serían as últimas vítimas do franquismo, que os asasinou o 27 de setembro de ese mesmo ano, so dous meses antes da morte do ditador.

Un ano despois, o tribunal de xustiza militar absolveu ó garda civil Justo Arias, que causara a morte do traballador de Fenosa, xa que, segundo consta na sentenza, argumentaron que actuara en “cumprimento do seu deber.” O deber, entón, era reprimir as manifestacións obreiras e matar ós traballadores, e o noso, case cincuenta anos despois, é seguir lembrando ás vítimas e ós verdugos que, coa chegada da transición, quedaron agochados baixo un manto de silenzo.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.