Por Angelo Nero
A Memoria ten o ecoar de voces silenciadas e de nomes esquecidos, de datas gravadas con lume e sangue baixo a pel do pobo, tamén de lugares que permanecen invisibles ás olladas de aqueles que non sentiron na súa pel ó alento do medo, da morte. Na procura de que xermolaran outra vez as voces e os nomes, de que aboiaran as datas e os lugares, os colectivos memorialistas de todo o país veñen erguendo incansables as barricadas da Memoria, xunto a un feixe de xente dedicada á investigación histórica, que moitas veces teñen o papel de francotiradores, na defensa da verdade, da xustiza e da reparación. Xente como Telmo Comesaña, presidente da Asociación Viguesa pola Memoria do 36, activista veciñal e auténtico referente na loita contra o esquecemento, a quen o fascismo lle arrebatou ó seu pai, José Comesaña Pérez, secretario da Sociedade de Labregos e Gandeiros de Alcabre, na madrugada do 6 de outubro de 1936, asasinado no lugar de A Pasaxe, en Vincios, xunto ó seu irmán Antonino e a Emilio Giraldez, ferroviario de Nigrán.
Nunha tarde de principios deste setembro, acompañamos a Telmo e máis a media ducia de membros da súa Asociación, a un dos lugares máis emblemáticos da loita, se non o máis, dos proletarios vigueses que tentaron defender a República, o 20 de xullo do 36, alí onde ergueron unha das tres barricadas coas que lle fixeron fronte ás tropas rebeldes, comandadas polo capitán Antonio Carreró Vergés.
Alí, diante do Mercado do Calvario, a Asociación Viguesa pola Memoria do 36, conseguiu erguer un monolito, que o seu autor, o escultor Francisco Pazos, titulou Fiestra á liberdade, e que foi inaugurado en marzo de 2011, polo daquela tenente de alcalde, Santi Domínguez, do BNG, que subliñou que aquilo era: “Un exercicio necesario que se demorou quizais demasiado no tempo, coa idea seguramente equivocada de non abrir feridas cometéndose unha certa inxustiza cos familiares, dos represaliados por Franco deixando para máis adiante a xusta reparación que merecían e que hoxe sen dúbida queremos darlles.”
Máis retrocedamos ata o inicio da historia, a aquel 20 de xullo onde comezou a traxedia que, desgrazadamente, ía asolagar a nosa terra nunha longa noite de pedra que duraría 40 anos, cando o Comandante da praza de Vigo, Felipe Sánchez, despois de enganar ós dirixentes obreiros, “vostedes saben que son moi amigo e home de confianza do xefe de Goberno”, ordena saír unha compañía de 50 homes ó mando do capitán Carreró, para darlle lectura pública ó bando de guerra, alienándose coa rebelión dos militares africanistas, que tres días antes deran o seu primeiro golpe en Melilla.
O tenente José Pavón, diante dunha multitude de obreiros que seguían a convocatoria de Folga Xeral, e que berraba consignas do Fronte Popular e daba vivas á República, tenta facer lectura do bando, e un mozo, Diego Lence, arráncallo das mans, din que ó grito de “Morran os traidores”, sendo asasinado alí mesmo polo asistente do capitán Carreró, dun baionetazo, e este ordena á tropa que dispare contra a multitude desarmada, deixando máis de 14 mortos e moitos feridos.
Dende a Porta do Sol moitos obreiros foxen cara a Casa do Pobo, para tentar a defensa dende o centro socialista, máis varias metralladoras situadas na rúa Alfonso XIII anulan calquera tentativa de resistencia, polo que esta organizase en Lavadores, daquela concello independente, onde se erguen tres liñas de barricadas, unha nos Choróns, outra no Calvario e a terceira no Seixo. Dende a estrada do Porriño chegaron moitos campesiños e obreiros dispostos a defender á República: dende Mondariz comandados por Luís Soto, e dende Ponteareas liderados por Manuel González Fresco, con escopetas de caza e poucos fusís e pistolas, ca dinamita que lograran furtar das canteiras de Porriño, tamén das armas obtidas do asalto á armería “A Cosmopolita”, na Porta do sol e das requisadas no cuartel da Garda Civil de Teis.
O día 21 de xullo comeza o asalto a primeira barricada, defendida por milicianos anarquistas, por parte das tropas de Carreró, máis a forza de fogo dos rebeldes é moi superior, e ós leais á República teñen que retroceder ata a segunda liña, a do Calvario, no que, xunto ós anarquistas como Fernando Lago, Juan Silveira ou Federico Caballero; comunistas como o mentado Luís Soto (co tempo fundador da UPG e do PGP), Urbano Moledo, Humberto Solleiro e os Moreda; xunto con agrarios e sindicalistas, membros de ateneos libertarios e de sociedades de labregos e mariñeiros de Vigo e Lavadores, máis tamén de toda a contorna, dende A Cañiza a Tui, de Redondela ó Val Miñor. Foi unha resistencia heroica na que tentaron unha defensa desigual, cartuchos de dinamita contra morteiros, escopetas de caza contra metralladoras, e o esmorecer o día, os defensores da barricada de O Calvario tamén teñen que retroceder cara a do Seixo.
Celso López Pazos, da Asemblea Republicana de Vigo, e membro tamén da asociación memorialista, subliñou diante do monolito da Fiestra á liberdade: “Neste mesmo lugar, en xullo de 1936, os obreiros desta zona de Vigo, que daquela aínda era o concello de Lavadores, chamada A Rusia chiquita, levantaron barricadas para defenderse e opoñerse ao golpe de estado que se estaba producindo nese momento na cidade, precisamente este monolito que está erguido a carón nosa, testemuña aquel momento heroico. Este monolito foi levantado no ano 2011, e hoxe queremos renovar aquel momento, que fai agora nove anos, e para reivindicar a loita de aqueles traballadores vigueses, e de Lavadores, fixeron para defender a República.”
A barricada do Seixo, a última resistencia urbana na comarca de Vigo, tampouco pudo resistir o fogo intenso de morteiros e metralladoras, e ó mediodía do 22 de xullo as tropas facciosas ocupan o concello de Lavadores, contando ademais ca complicidade do Cuartel da Garda Civil de Pardavila, que atacaron ós milicianos pola retagarda, sen posibilidade de defensa, o que fai fuxir ós montes de Cabral, ós que non quedaron malferidos ou mortos, pois xa sabían a sorte que lles agardaba se eran tomados presos.
Na represión caeron nas gadoupas dos fascistas Humberto Solleiro, presidente da Sociedade Cultural de Lavadores e a súa muller, Urania Mella, filla do destacado anarquista Ricardo Mella, e presidenta da Unión de Mulleres Antifascistas. Humberto foi executado o 30 de outubro do 36, e Urania pasou 12 anos de reclusión no cárcere de Saturrarán.
O dez de decembro dese mesmo ano, foron executados no Monte do Castro o sindicalista e poeta Urbano Rodríguez Moledo, presidente do Ateneo Obreiro de Lavadores, o pintor Manuel Acuña, o concelleiro José González Andreu, os irmáns Constante e José Moreda Vázquez, xunto co seu pai Manuel Moreda Outeiral, o carpinteiro Fernando Costas, e Luís Ferreira, Luís Martínez Román. Foron en total 146 os republicanos executados nese icónico monte chantado no medio do casco urbano vigués. E outro dos lugares da memoria que a Asociación que preside Telmo Comesaña sinala, para que a cidadanía non esqueza.
Urania Mella e Humberto Solleiro
Así falou Telmo a carón da Fiestra da liberdade: “Acostumase a dicir que en Vigo non houbo resistencia, houbo un golpe e xa está, e non é certo. En Vigo houbo resistencia, e a proba evidente é que se fixeron ás barricadas, e alí é onde estivo a resistencia. Houbo tres, primeiro nos Choróns, que é onde remataba Vigo dende aquela, a segunda aquí, no Calvario, e a terceira no Alto do Seixo, que é onde se fixo a desfeita porqué viñeron co exército dende Pontevedra e Redondela dende un lado, e por outro lado, pola parte de atrás, atacou a Garda Civil de Lavadores, que ata alí comprometéronse de que non ían actuar, pero despois, covardemente, como fixeron en todas partes, atacaron por atrás. Para poñer un sitio especifico, na Asociación optamos por poñer o monumento no medio, porque é un sitio senlleiro, está aquí o mercado, e no momento da resistencia isto tivo que ser un fervedoiro de xente, resistindo practicamente con nada, pero iso fe da resistencia, iso que dicían de non nos renderemos… A resistencia durou pouco, unhas 72 horas, pero foi resistencia. E alí arriba, entre as xentes que colleron, estaba Urania Mella, que despois condenárona a morte, a ela máis ó home, a el matárono, e a ela levárona a Saturrarán, tamén condenada, aínda que despois liberárona, moito máis tarde, cando estaba moi enferma, próxima á morte. O que quero resaltar e que si que houbo unha resistencia, e ademais moi importante, aínda que con poucos medios, unha auténtica heroicidade. E con esta queremos que se recorde, porque pasan as xeracións e ninguén sabe. Aquí hai unha placa no chan que identifica perfectamente que aquí houbo un levantamento contra a República. Non é soamente dicir, porqué se levantaron?, e porqué tiveron que resistir?.”
Nesa calorosa tarde de setembro, mentres un pequeno grupo de resistentes da Asociación Viguesa da Memoria do 36, lembraban a xesta dos que ergueron as barricadas contra o fascismo, ollei cara a morea de xente que desfilaba pola rúa peonil, alleos as verbas de Celso e de Telmo, sen que a curiosidade os levase a deterse diante do monolito, onde Cristóbal López, outro dos membros da asociación, gravaba unha pequena peza documental para sinalar os lugares da Memoria da cidade. Pensei na tremenda metáfora das máscaras cas que, pola alerta sanitaria, camiñaban todos, semellando que quedaran sen boca e, polo tanto, sen voz, mentres o fascismo comezaba a xermolar, como entón, polas rúas, avanzando como outra sorte de pandemia, contra a que o mellor antídoto segue sendo a Memoria. Esa Memoria que defenden nas barricadas espalladas por todo o país comités e asociacións como esta de Vigo, erguendo os nomes e as voces, as datas e os lugares, para que o esquecemento non nos venza con outra longa noite de pedra.
1 Trackback / Pingback