Un bidón do leite en po americano para o Museo do Pobo galego

Alumnos posando co vasiño de leite americano ás portas dunha escola de Lugo (MHL).

Procedente de Wisconsin e conservado en Cotobade, entregouse no Museo do Pobo Galego un bidón dos anos 50 pertencente ao Plan ASA.

Por Calros Solla | 8/06/2026

O pasado 24 de maio, en Pontevedra, un veciño de Cotobade fíxome entrega dun bidón contedor empregado nos anos 50 do pasado século para o transporte das racións embolsadas de leite en po, donativo do goberno estadounidense. Estes envíos efectuáronse en virtude do Plan ASA (Axuda Social Americana), programa de doazóns de excedentes agrícolas co que se pretendía aliviar o depauperamento daquela España da posguerra civil, excluída do Plan Marshall: represión xenocida, autarquía, severa escaseza e nacionalcatolicismo.

A esmola do Programa ASA, desenvolvido a raíz dos Pactos de Madrid, asinados o 23 de setembro de 1953 polos EUA de Eisenhower e a España de Franco, lexitimaba a ditadura fascista poñéndolle fin ao seu illamento internacional. Nada foi de balde, en troco, permitiuse a instalación no territorio español de cinco bases militares co obxectivo de afianzar a supremacía ianqui durante a Guerra Fría: Torrejón de Ardoz (Madrid), Zaragoza, San Pablo (Sevilla), Rota (Cádiz) e Morón (Sevilla), entre outras prestacións estratéxicas. As dúas últimas bases seguen na actualidade baixo control estadounidense.

Por mor do meu recente ingreso no Padroado do Museo do Pobo Galego decidín agradecer a grande honra recibida co outorgamento da singular peza á colección da entidade museística, doazón que se fixo efectiva días despois. Non será a última achega ao museo, pois a colección familiar do Museo das Raposeiras, reunida a por de anos, aínda garda moitas sorpresas.

Deseguido, paso a describir o obxecto en cuestión. Falamos dun bidón cilíndrico de papel prensado con bases metálicas conservado nunha casa deshabitada do lugar da Vila de Arriba, parroquia de Sacos (Santa María), no antigo concello de Cotobade (Pontevedra). Oportunamente, os novos propietarios do inmóbel ampararon o bidón da perda.

O contedor, malia estar elaborado con materiais perecedoiros, presenta un bo estado de conservación (posúe unha antigüidade de, cando menos, 70 anos): non se lle aprecian manchas de humidade nin grandes aboladuras; tan só, unhas rabuñadas que se lles poden apoñer aos gatos, sen que esta eiva afectase os clarificadores rótulos impresos no corpo do depósito. No seu interior, en pequenas bolsas de plástico ou nun saco de liño, estibouse o leite en po.

Velaquí as dimensións do contedor: 71’5 cm de alto / 55’7 cm de diámetro das bases. Uns 174 litros de cabida.

Transcrición dos rótulos impresos:

“Donated by the people of the United States of America. Not to be sold or exchanged” (Doado polo pobo dos Estados Unidos de América. Non se pode vender nin intercambiar).

“Gross 243 Spray process 43-207 / Tare 18 Nonfat dry milk / Net 225 Dairy Maid Co-op Cry Co [Creamery Company] / Mfg. Augusta, Wis. Lot-CT7FF726/30” (Bruto 243 [onzas (6.889’05 gramos)] Proceso de secado por pulverización 43-207 / Tara 18 [onzas (510’3 gramos)] Leite en po descremado / Neto 225 [onzas (6.378’75 gramos)] Dairy Maid Coop [Cooperativa ‘A Moza Leiteira’] Cry Co [Compañía queixeira] / Fabricación: Augusta, Wisconsin. Lote-CT7FF726/30).

“[…] Cuesta de Santo Domingo, Madrid”.

O peso bruto do bidón era de 243 onzas (case 7 kg). O peso do leite en po contido nel era de 225 onzas (algo máis de 6 kg). O bidón baleiro pesa pouco máis de 500 g.

Vía Madrid, máis de 7.000 km transatlánticos separan a vila de Augusta (Wisconsin), sede da desaparecida cooperativa láctea Dairy Maid Coop (“A Moza Leiteira”), da parroquia de Santa María de Sacos (Galiza). Nos anos 50, a poboación de Augusta era duns 1.400 habitantes, cifras semellantes ás actuais. En franca recesión demográfica, a poboación de Santa María de Sacos non supera hoxe os 200 habitantes (726 habitantes en 1950).

Participación da cooperativa Dairy Maid (Augusta-Wisconsin), ano 1946.

O apoio económico do Plan ASA chegaría a España en forma de axuda alimentaria a través de organismos como UNICEF e organizacións privadas: leite en po, queixo e manteiga. O reparto destes produtos foi coordinado por Cáritas Española con destino aos colexios nacionais, ao Auxilio Social e aos Hospitais da Caridade. A sede central de Cáritas localízabase na Cuesta de Santo Domingo nº 5 (Madrid).

Entre 1954 (novembro) e 1968, a administración norteamericana enviou a España máis de 300.000 toneladas de leite en po: 3.000 millóns de litros, unha vez diluído o produto en auga para o seu consumo (El Periódico, 30-10-2011).

O réxime franquista crearía en 1954 o “Servicio Escolar de Alimentación y Nutrición” (SEAN) para xestionar a distribución do “Complemento alimenticio” (o leite en po americano, principalmente). A comezos da década dos 50, o índice de mortalidade infantil en España era de 140 nenos por mil. Xaora, a desnutrición era unha das causas.

Co propósito de acompañar a peza cunha ficha explicativa, amais da devandita descrición, demandeilles información aos meus informantes septuaxenarios, tanto vilegos coma aldeáns: nenos e nenas daquel tempo, alumnos todos do ensino primario, que viron alterada a súa rutina discente coa chegada, alén mar, dos bidóns de leite en po, das latas de queixo amarelo e da manteiga (máis ben pouca).

A escola de antes (MPG)

En xeral, o alumnado das vilas de Vigo e Pontevedra recibiu a dádiva con entusiasmo, gardando na memoria un bo recordo da lambonada:

“Aquel leite sabíache moi ben, xa non dighamos o queixo; había quen non probara queixo na súa vida; había nenos que acudían á escola sen almorzar”. “O leite en augha fervíase e repartíase quente no recreo; no inverno, dábache a vida; repartíannolo os profesores e tamén os alumnos maiores; eu, cando fun dos maiores, tamén me ocupei dese choio”. “A nosa mestra recalcábanos: ‘Estos alimentos son un regalo de Franco, para que crezcáis sanos y fuertes’”. “Fervíanse aqueles pos en augha nunha tarteira ghrande; a mestura había que a ir remexendo pra que se disolvese ben; botábancha nun vasiño; cadaquén levaba o seu vaso da casa”. “O mestre tamén ghardaba prás amizades ou pra quen llo merecese alghunha daquelas bolsas, que despois as viñan buscar á escola ou as levaba el onde fose”.

Terra dentro, na montaña, o grao de aceptación daquela parva decaía notabelmente. Poño por caso a experiencia que me relataron estes días algúns dos alumnos da escola mixta de Meilide (parroquia de Cerdedo). Remontámonos aos anos 60. Cerdedo dista de Santa María de Sacos uns 10 km:

“A mestra dona Clarita mandábanos facer unha ringleira pra tomar o ‘leite dos americanos’. Cada semana, de luns a venres, dous alumnos maiores encarghábanse de ferver os pos en augha e de remexer aquela sopa até desfacerlle os borbetios. A augha iámola buscar á fonte da Aldea de Riba. Fervíase nunha pota ghrande, desas vermellas; a pota púñase a ferver na cociña de ferro dos arrendadores da escola. Os maiores, por quendas semanais, tamén se encarghaban de lavar os vasos de todos”. “Os vasos, cada un da súa cor, comprábanse na de Troitiño, en Cerdedo”. “O leite que cheghaba a Meilide víñache nuns sacos de liño fino, moi abatanado. Así que se acababa o produto, a mestra dáballes os sacos a alghunha xente de por alí, pois, aquel tecido ben che valía para facer unha saia”. “A Meilide non chegharon nin o queixo nin a manteigha, quedaron polo camiño (risos)”. “O saco de leite aínda rendía; pois, moitos nenos, pola forza do traballo, xa non podían ir á escola”. “O leite americano matar mataría alghunha falta, non digho que non, pero nós, a maioría, cando a mestra miraba pra outro lado, ghindabamos o raio do leite na veigha, porque non había quen o traghase; nin os cans nin os ghatos lle facían aprecio; non era soberbia oh, co leite que daban as vacas de Meilide!; nós, fame de leite non pasamos!”. “Dona Clarita, que nos miraba torcer o fociño, cociñábanos unha torta rica pra acompañar o tragho. Xa no segundo ano, dona Clarita, vendo o pouco éxito, tomou a decisión de non nos dar máis daquel leite; dona Clarita sempre miraba moito por nós”.

Co bidón do leite en po americano en poder do Museo do Pobo Galego, presérvase un elo esclarecedor da escola de posguerra, ofrecéndonos testemuño certo da miseria na que nos sumiu o franquismo. Mais, atentos, que daqueles pos aínda poden vir lamas.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.