Entrevistamos a Xosé, Ramón e Branca Trigo, autores de «Casa Queimada», un artefacto feito de debuxos e de versos, máis tamén de esculturas creadas con descartes do mar, serigrafías, e cas mans dos amigos que axudaron a transformar a ferida do lume en cicatriz.
Por Angelo Nero
Adentrarse no universo particular dos irmáns Trigo, Ramón, artista plástico, e Xosé, guionista, e como ollar un abismo e desexar abrazalo, internarse nel para perderse ou para atopar pequenos planetas como as que semellan as súas obras, pois estes artefactos -pois a palabra libro semella insuficiente para designar unhas creacións que van máis alá do papel-, son corpos singulares, cunha traxectoria propia, que non entende de etiquetas, e crea un xénero particular, no que se mesturan texturas narrativas e poéticas, con trazos de tinta que semellan saídos, máis que dunha man, do lado escuro do corazón.
O último destes artefactos xurdiu do lume, ou máis ben das cinzas dunha Casa Branca que ollaba ó mar, e que agora conta a súa historia nesta “Casa Queimada”, que está feita de debuxos e de versos, máis tamén de esculturas creadas con descartes do mar, serigrafías, e cas mans dos amigos que axudaron a transformar a ferida do lume en cicatriz.
“Arde o mundo e arde o río e a casa é a mesma”, escribe Branca Trigo, poeta de vangarda, e a más xoven da saga familiar, invitándote a entrar nun universo inquedante que, se dubida, te atrapará, e que a min, particularmente, faime lembrar a aquel Cortázar que paseaba non moi lonxe dalí, no monte de Lourido, e que escribiu un dos contos máis escuros e fermosos da literatura mundial: “Casa tomada”.
“Hai quen di que a Casa Branca xurdiu das cinzas antes que o lume, antes mesmo que a idea de vivila ela xa estaba alí”, podemos ler nas primeiras liñas de “Casa Queimada”, pero ¿cal foi realmente o xermolo desta obra gráfica e, por veces, poética, que tamén ten que ver coa arquitectura? ¿O lume, as cinzas, as mans que coseron as paredes?
No 2017 unha serie de incendios sen precedentes arrasaron todo o sur de Galicia. A Casa Queimada atopábase nunha das zonas afectadas polo lume. Esta casa fora construída ao longo dos anos coa axuda de familiares e amigos. Esta construción e a zona arborada que a rodeaba tamén foran pasto do lume. A casa ardeu ata os cimentos e a nosa primeira reacción foi de desacougo, pensando que a desfeita non tiña arranxo e a única solución era derruír. Superado o shock inicial, recompuxémonos e ocurríusenos facer que a Casa Queimada rexurdira das súas cinzas. Decidimos converter aquela desfeita en algo fermoso.
Deste xeito pensamos en transformar unha casa destruída polo lume nun espazo de creación artística onde calquera actividade relacionada coa arte tivera cabida.
Tamén nos pareceu axeitado contar a historia da Casa queimada e narrala dun xeito diferente. De aí saíu este libro que é un híbrido entre cómic, libro ilustrado e obra poética.
Aínda que esté moi de moda o termo novela gráfica, as vosas obras, aínda que conten unha historia, semellan algo afastadas do mundo da banda deseñada, a cabalo entre a pintura e a memoria, a particular e a colectiva. Cada unha das viñetas son pequenos cadros que, aínda illados, seguen tendo unha forza incrible. ¿Como é o voso proceso de creación, máis aínda nesta última obra, na que xa non sodes dous creadores, senón tres?
Cando Xosé e mais eu traballamos xuntos nun proxecto de Novela gráfica, partimos dunha idea inicial. Xosé vai esbozando un guión, e vai comentándome a grandes rasgos as liñas esenciais da historia. Tomando como base esta sinopse ou guión esbozado, eu realizo os primeiros bocetos e probas, buscando un tipo de grafismo nunha atmosfera nas imaxes que encaixe coa historia que queremos narrar. Unha vez que atopamos a ligazón que consideramos axeitada entre a parte narrativa e a parte gráfica comenzamos a delimitar mais, tanto o texto como as imaxes.
A partir deste punto, o guión e as ilustracións van medrando de xeito paralelo e vamos construíndo a historia case coma un edificio: pedra a pedra.
No caso concreto de Casa Queimada, ao ser cada capítulo unha historia en si mesma, cada un de nos deu a sua visión da Casa Queimada; narrando, cada quen ao seu xeito, as sensacións, as lembranzas e as emocións que nos deixara a Casa Queimada e a sua historia.
Esta casa ten varias, por dicilo dalgún xeito, habitacións, espazos con voces distintas tamén, na primeira delas é o alento poético de Branca o que tatúa as paredes con versos tan fermosos como este: “reclutada contra a temperatura extrema da memoria”. ¿Como xurde ese feixe de versos que acompaña ás ilustracións de “Tatuaxe”, o primeiro capítulo do libro?
A verdade é que xurdiu un pouco en paralelo. Nun principio eu non pensei no poema para que estivese incluído na novela gráfica, senón que estaba facendo un fanzine sobre algúns espazos relacionados coa miña infancia e un deses espazos era a casa. De feito, para facer unha pequena homenaxe ao proxecto de Ramón e Xosé, eu chamara ao poema “Casa Queimada” e despois cambieino cando me propuxeron metelo no libro porque coincidía co título.
Parecíame moi interesante, xa que escribía sobre este lugar, centrarme no proceso de queima e reconstrución, e aproveitar estas imaxes para falar do paso do tempo, a memoria e a recuperación desa memoria. Aínda que a casa resultante non é exactamente igual despois desta metamorfose, segue sendo, en esencia, a mesma.
Seica Branca ten o seu universo poético propio, con varios libros publicados, e que mesmo, se non me equivoco, é tamén editora. Gostaría de facer un inciso para que nos falara da súa obra e tamén desa actividade editorial.
Pois ata agora teño dous libros publicados. O último, Condolore, publicado por Urutau, trata das diferentes maneiras en que a violencia actúa sobre os corpos, sobre todo os das mulleres, partindo dos exemplos da comunidade Incel e dos blogs de Ana e Mia.
O libro anterior, Coñecemento do Medo, analiza as diferentes formas do terror e como estas teñen a súa raíz na pertenza á familia, ao pobo e á especie. Foi publicado en Edicións Malafera, o selo que levamos Alfredo Vázquez e máis eu, e que se especializa no que chamamos “poesía quimérica”, obras híbridas ou fóra do mainstream que non teñen doado atopar un oco no sistema literario. Publicamos libros e fanzines.
“Xénese” é a habitación máis particular de Ramón, onde fai unha recreación, en sete páxinas, nin máis nin menos que da creación do mundo. ¿Porqué era preciso incluír esta historia, que ate ten un punto bíblico, para contar a da “Casa Queimada”? Por outra parte, chámame a atención que as dúas primeiras partes rematen case dun mesmo xeito: o faro…
No capítulo “Xénese” prantexeime a Casa Queimada e a sua contorna coma un microcosmos (reflexo de outros espazos e outros mundos) no que todo acontece: o principio e o fin; a escuridade e a luz. Este prantexamento e o que me levou case que involuntariamente a usar unha linguaxe bíblica e por intres, apocalíptica.
O mar, coa sua mitoloxía e os seus símbolos, sempre estivo moi presente nas miñas obras, tanto a pictóricas como a gráficas. Un elemento tremendamente simbólico do universo mariño é o faro. Os faros son a luz, a guía; son os que iluminan e os que amosan o camiño. Esta capacidade de guiar aos navegantes podería mesmo ser entendida como o don de transmitir o coñecemento, a sabedoría, a ciencia, a cultura, a arte; e dicir o don de iluminar.
De aquí que esta imaxe sexa o remate de dous dos capítulos do libro, xa que o faro representa o que sempre buscamos: A luz.
En “Lume” Xosé toma o mando da parte narrativa, e lévanos, xunto as ilustracións de Ramón, cara o lume, fainos pisar as cinzas, percorrer as fendas da casa, e preséntanos ó “Señor Lobo”, ¿Como foi a reconstrución desa historia que abriu unha ferida non so na terra, na monte e na casa, senón tamén en vós, que estabades tan ligados a este espazo?
A miña familia é toda de Salcidos (A Guarda). É unha zona tradicional de cultivo, onde viñamos de rapaces a pescar nas rochas e coller polbos, caramuxos, percebes…
Quedamos desolados o día do Lume. Pensamos en tirar a casa pero a intervencion do Sr. Lobo foi decisiva para reconstruila.
Hai que subliñar tamén a banda sonora que ven acompañar este artefacto gráfico, composta por Bob Dylan, John Prine, os Creedence, Woody Guthrie e os Beatles, e que recomendo escoitar para a acompañar unha lectura pausada, tal como fixen eu. ¿Quen fixo a escolla desta particular play-list, e dos fragmentos que acompañan “Lume” e “Cans”?
Eu escollín estas cancións que me lembran os momentos de felicidade que pasei nesta casa con Nenuca, a miña compañeira.
Gostei moito da parte que trata do apoio mutuo, dese traballo en común para reconstruír o que o lume devorou, ese coser as paredes, que tanto precisamos na sociedade actual. ¿Como foi ese traballo comunitario para erguer a Casa Queimada dende as cinzas?
Dende que tomamos a decisión de reconstruír a casa, o apoio mutuo e a solidariedade funcionaron.
Os amigos axudaron a pintar, a limpar a leira, doaron mobles, colchóns e todo tipo de enseres para a casa.
Asociado a isto, está o proxecto de micro mecenazgo que permitiuvos financiar a edición do libro, pero tamén parte da rehabilitación e restauración da casa, na que pretendedes crear un espazo de encontro e de creación colectiva. ¿Porqué a decisión de interpelar á xente para axudar a erguer o proxecto, e cal foi a resposta?
Como dixen antes, a resposta foi fenomenal. Interpelar á xente era unha necesidade e tamén o fixemos por ideoloxía. Tentamos recuperar o xeito de como se facían antes as obras.
Hai 40 anos a casa construíuse coa axuda de familiares, amigos e veciños.
“Estou farto de cans da esquerda enfurruñada e chorona que só saben ladrar”, di un dos “Cans”, que é como se chama a última parte. Gostaría que, para rematar, nos falarades do sentido desta escena que nos deixa un arrecendo de Macallan na boca…
É unha autocrítica. As organizacións de esquerda, na súa maioría, ofrecen unha resposta sempre negativa, á contra.
Vivimos nunha sociedade cun gran marxe de liberdade. Temos que tomar iniciativas para mellorar a vida da xente .
Hoxe, cando mais coñecementos e recursos temos para achegarnos á utopía, mais nos afastamos do obxectivo.
Se el primero en comentar