Presentación de “O casino en que vivimos (II)”

Na presentación de «O Casino en que vivimos II», o autor Jose Vieira, Victoria Portas, alcaldesa de Cangas do Morrazo, e Angelo Nero, coordinador de Opinión de NR. Foto: Estanislao Sotelo

Son moitas as respostas que, periodicamente, o noso companheiro Jose Vieira ven poñendo sobre a mesa de redacción de Nueva Revolución, froito dos seus amplos coñecementos que o levou a impartir cátedra en universidade de Portugal, España e Mozambique, e que, por fortuna, viron a luz nas páxinas do noso medio

Por Angelo Nero

Moita confianza deposita na miña humilde pluma, o mestre Jose Vieira, para que lle escriba as primeiras liñas desta segunda entrega de “O casino en que vivimos”, tal e como fixera na primeira. Quizais porque xuntos participamos, eu como coordinador de opinión e el como articulista asiduo, no proxecto xornalístico de “Nueva Revolución”, no que, durante os últimos anos, tanto el coma eu, cada un dende o seu posto da nosa trincheira informativa, nos esforzamos por interpretar o mundo que nos toca vivir, e ofrecer respostas ás múltiples cuestións derivadas destes tempos incertos. Máis incertos, se cabe, dende que a pandemia irrompeu nos nosos días, e mudou algún dos nosos xeitos de actuar en sociedade, aínda que outros, desgraciadamente, non tanto.

Procuramos xuntos respostas ás incertezas derivadas do cambio climático, da perda de salarios e de traballos da clase obreira (porque nos aínda cremos na loita de clases), do negocio das farmacéuticas coas vacinas, das políticas austericidas das autoridades económicas comunitarias (a sanidade é a educación públicas novamente minguadas), do recorte de dereitos e liberdades públicas (que volve encher as cárceres por delitos de opinión e de manifestación), dos retos que plantexa a robótica e a intelixencia artificial… Son moitas as respostas que, periodicamente, o noso companheiro Jose Vieira ven poñendo sobre a mesa de redacción de Nueva Revolución, froito dos seus amplos coñecementos que o levou a impartir cátedra en universidade de Portugal, España e Mozambique, e que, por fortuna, viron a luz nas páxinas do noso medio.

Máis tamén foron moitas as preguntas que xerou, pois os artigos que agora tendes na man, nesta escolma, teñen a vocación de procurar vías de saída para todas estas importantes cuestións, pero así mesmo a vocación de abrir vieiros alternativos, onde cada quen poida volver plantexar novas cuestións, discutir as respostas dadas e procurar novas preguntas. Porque Jose Vieira gusta moito do debate, gusta moito de falar, de explicar as súas ideas sobre economía e política, máis tamén de escoitar, de que alguén lle discuta os diagnósticos e as solucións.

Ademais de partillar as trincheiras do periodismo alternativo e sen mordazas, tamén loitamos xuntos na da Memoria Antifascista, onde coincidimos na importancia de artellar un discurso combativo con razóns da nosa historia, para que ninguén poida apropiarse dela, e lle de a volta para o seu proveito. Aínda que eu sempre lle digo que o que tería que escribir é a súa propia historia, na que se resume unha boa parte da historia contemporánea de Portugal, dende as guerras coloniais á Revolución de Abril, e máis alá. Quizais, con sorte, vexamos ese libro…

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.