O coello que venceu o medo (crítica a Jojo Rabbit)

Por Angelo Nero

Taika Waititi é un deses creadores ós que semella que ningún reto lles impón respecto, tanto dirixe títulos independentes, do gusto do festival de Sundance, como “Eagle vs Shark” (2007), ou “Boy” (2010), como unha gamberrada, en clave de falso documental, “What we do in the shadows” (2014), protagonizado por tres vampiros compañeiros de piso en pleno século XXI. Tanto se atreve con a terceira entrega do deus do lostrego, “Thor: Ragnarok”, (2017), unha secuela absolutamente bizarra que rompeu os moldes do xénero, como para facer o papel de androide en “The Mandalorian”, a serie que explota o universo inabarcable de Star Wars.

O director e actor neocelandés, que tamén pinta, escribe, fai comedia e acude asiduamente ás comic-con (xa que fai a personaxe de Korg na saga de Avengers, e o de Tom Kalmaku en “Green Latern”), quixo dar un paso máis na industria cinematográfica, co papel de un Hitler imaxinario, saído da cabeza de Jojo, un rapaz alemán que esperta da inocencia, empurrado pola dureza da realidade que lle toca vivir, para erguer unha comedia dramática, nos territorios movedizos da infancia e o nazismo.

Basándose no libro Caging Skies, de Chistine Leunens, a película toma a historia iniciática do neno que tenta, as veces con pouco éxito, integrarse na disciplina das xuventudes hitlerianas, tentando camuflar as súas inseguridades, na imperiosa necesidade de sentirse parte do grupo, vestir uniformes chulos e destacar ante as rapazas, vencendo así o estigma de ser o fillo dunha nai solteira, e d un home que marchou á guerra e non volveu, arroxando a sombra da dubida sobre a posible deserción.

Como xa fixera antes Roberto Benigni con “La vita è bella” (1997), ou aínda antes  Charles Chaplin, con “The great dictator” (1940), Waititi mesturou con gran habilidade a mensaxe antibelicista e tolerante, o humor disparatado e a inocencia infantil, nun difícil equilibrio entre o drama e a comedia.

As aventuras de Jojo Betzler, obsesionado con unirse ás filas do Terceiro Reich, coas costumes demoníacas dos xudeus, e coas aparicións do seu amigo imaxinario, Hitler, que o aconsella nos momentos difíciles, sorpréndenos grazas á magnifica interpretación do pequeno Roman Griffin Davis, que atopa o seu contrapunto no xa citado Waititi, máis tamén, en menor medida, en Scarlett Johansson, que encarna a súa nai, e en Sam Rockwell, no papel dun atípico instrutor nazi.

O descubrimento da personaxe encarnada por Thomasin Mckenzie, unha adolescente xudía agochada na súa casa, supondrá un revulsivo no universo do pequeno Jojo, e xa nada será como antes. Coa descuberta da rapaza, Jojo comezara a cuestionarse moitas das cousas que ocorren ó seu redor, e mesmo será quen de desafiar ata o seu amigo imaxinario, mentres tece unha amizada coa rapaza que será a que, finalmente, o salve da loucura que o rodea.

Estados Unidos, 2019. Director: Taika Waititi. Guión: Taika Waititi (Novela: Christine Leunens). Productores: Carthew Neal, Taika Waititi, Chelsea Winstanley. Productoras: Coproducción Estados Unidos-Alemania; Fox Searchlight / Defender Films / Piki Films / Czech Anglo Productions. Fotografía: Mihai Malaimare Jr. Música: Michael Giacchino. Montaxe: Tom Eagles. Reparto: Roman Griffin Davis, Thomasin McKenzie, Scarlett Johansson, Taika Waititi, Sam Rockwell, Rebel Wilson, Alfie Allen, Stephen Merchant, Archie Yates.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.