Moduladores: “O noso proxecto é unha invitación para todo tipo de seres a mover o exoesqueleto e activen os seus chips baixo a influencia das nosas ondas”

Foto: Miguel Núñez

Moduladores é unha banda forte que por momentos podería lembrarnos a unha especie de mestura de sons electrónicos con Man or Astroman, Devo, os primeiros Pixies.

Por Angelo Nero

Moduladores é unha banda que nos remite, irremediablemente, ó traballo en solitario do compositor, theremista e guitarrista Paulo Pascual, Modulador de Ondas, onde o músico vigués debuxa suxerentes paisaxes sonoras en solitario, que se materializaron en “Planeta Theremin” (Vinilo e CD, 2018), “Modulador de Ondas” (CD, 2021) e “Emisión Electrónica” (Cassete, 2022), e na BSO de “Negro Púrpura” (Vinilo, 2023). Aínda que xa entón contou coa colaboración de Macarena Montesinos ó violonchelo, e de Uxo Pousa ó theremin, para algún dos seus directos, Paulo Pascual sumou a tres solventes músicos da escena galega para embarcarse nunha nova aventura musical, Javier Soto á guitarra, Nico Rodriguez á batería, e Pablo Muñiz ao baixo.

A primeira cuestión que se nos ocorre é ¿é moi diferente o son que ofrece Moduladores, con respecto ó traballo en solitario de Paulo, ou creedes que é unha evolución natural dese territorio musical que comezou a explorar en Planeta Theremin?.

Paulo // Si, é moi diferente, Moduladores é unha banda forte que por momentos podería lembrarnos a unha especie de mestura de sons electrónicos con Man or Astroman, Devo, os primeiros Pixies, etc… o proxecto en solitario pola contra, apunta cara a outros lugares, aínda que teñen en común o uso melódico do theremin e os sons dos sintetizadores vintage. Son dous proxectos que comparten influencias pero son radicalmente diferentes.

O baixista Pablo Muñiz e Paulo xa compartirades varios proxectos como Foggy Mental Breakdow, Trem Fantasma, ou Camarada Nimoy, algúns dos grupos máis orixinais, para min, que xurdiron na cidade de Vigo, ¿é máis fácil embarcarse nunha nova aventura musical cando se partillaron tantos escenarios e locais de ensaio, ou cada proxecto ten as súas sinerxías?.

Paulo // Grazas por considerar orixinais estas aventuras, en resposta á túa pregunta podo dicirche que todo o que pasamos conta, como non, cando van pasando os anos e segues embarcado en proxectos con alguén na música é por algo, si.

Xavier Soto, guitarrista de Siniestro Total e dos Resentidos, é a terceira pata de Moduladores, ¿vindo de grupos tan icónicos e exitosos, que é o que te motiva para meterse nunha nova aposta musical e, ademais, tan diferente do que estamos acostumados a verte? ¿É un xeito de saír da túa zona de confort?.

Xabier // Aparte de Siniestro Total e Os Resentidos, participei en moitos outros proxectos que non se parecían demasiado a ningún dos dous. En este caso concreto recibín a chamada de Paulo para participar e pareceume unha boa idea, porque coñecía cousas anteriores del e gustábanme moito. Así que aceptei.

O grupo completase con Nico Rodríguez á batería, un músico que tocou na banda de rockabilly Mad Martin Trío, entre outros proxectos, ¿como foi esa viaxe dende o rock & roll máis clásico, ata esta inclasificable mestura de surf, psicodélica e electrónica -por dicilo dalgún xeito- de Moduladores?.

Nico // Pois a verdade é que dende que empecei a tocar sempre saltei dun estilo a outro, e incluso dun instrumento a outro. Como oínte, sempre me atraeron estilos moi diferentes e medrei cunha colección de vinilos que ía de Robert Johnson a Vivaldi, encontrándome no medio con cousas como Kraftwerk, Leño, Nick Kershaw, Brian Setzer… para tolear…

Como músico gozo moito de tocar diferentes estilos, sempre que poida aportar algo ao tema. Sempre é un reto mergullarse nun estilo para perfeccionar un tipo de son, así como deixarse levar e mesturar todo cando a ocasión o permite.

Na vosa presentación di “pode lembrarnos a Lothar & the Hand People, Man or Astro—man?, Sonic Youth, Sufjan Stevens, La Luz, Los Straitjackets, etc.. e despois afastarnos deles”, pero seguro que as influencias son moitas máis, vindo cada un de escenas diferentes, ¿na composición dos vosos temas están presentes eses diferentes equipaxes musicais de cad un?.

Paulo // Buf, Lothar & the Hand People foron uns visionarios… pero sobre todo, estas cinco propostas que nos nomeamos sitúanos cos sons e visións coas que temos elementos en común porque nos tocaron moito. Encántame nomear ás propostas musicais que admiro.

Nico ten moita forza como batería, é moi versátil, as cancións voan moito mellor con el. Javier ten unha forma de tocar a guitarra e un son moi especial, pódese ver todo o blues profundo que leva ademais de mil variantes de rock e de fora do rock. Os Moduladores son unha peculiar mestura, traballa con sons de blues, afinacións abertas e slide e tamén con electrónica, sintetizadores, theremin, etc. Isto tenme alucinado. Pablo co baixo aporta un peso incrible ás cancións para que todo o demais camiñe. Normalmente compoño as cancións pero hai diferenza cando as montamos, despois de pasar pola banda a historia cambia, é como comer cru ou cociñado.

Foto: Miguel Núñez

Escoitei “Volcánica”, o primeiro dos temas do voso “Cassete Naranja”, o mesmo día que morreu Roger Corman, e non puiden deixar de pensar que, perfectamente, podería formar parte da banda sonora dunha das súas películas, ¿aparte das influencias musicais, hai tamén referencias cinematográficas no proxecto de Moduladores?.

Paulo // Si, se cadra o feito de sermos unha banda instrumental tamén ten que ver con iso, tamén aliméntamo-nos de bandas sonoras. Falar de Roger Corman en concreto é falar de algo moi poderoso. Penso por exemplo en A Bucket of Blood (coñecina como Un caldeiro de sangue, descubrina hai moitos anos nunha noite de insomnio vendo a TVG) paréceme unha xenialidade. Marcoume, aprendín moito dela. Aparecían xa daquela hipsters e beatniks, jazz, drogas… e a lectura crítica da arte dentro da arte, fascinoume.

O 24 de maio, na sala Sinattra, de Vigo, faredes a estrea da vosa primeira gravación, e tamén presentaredes o voso primeiro video-clip, ¿con que se vai atopar o público que vaia ó voso concerto?.

Paulo // Contábamos con presentar o video-clip antes de este concerto pero finalmente será un pouco mais adíante, cosas do directo 🙂

O público atopará unha banda instrumental que traballa con naturalidade. Unha banda na que se aprecia perfectamente o carácter e o son de cada músico e evita as ideas estereotipadas, cun universo sonoro propio construído de xeito natural, de mil historias e sen percorrido marcado.

Escafandra” se me antollou unha boa invitación para un guateque sideral, nun dese bares como os da serie Mandalorian, ¿ten vocación a vosa música de animar a todas as criaturas a moverse, xa teñan pernas, antenas ou circuítos?.

Pablo // Por suposto que é unha invitación para todo tipo de seres a mover o exoesqueleto e activen os seus chips baixo a influencia das nosas ondas. Mandalorian é xenial, por certo.

O voso primeiro traballo o presentades en formato cassete, tamén dando a opción a sua descarga online, no ánimo de potenciar o carácter retrofuturista e underground do voso proxecto. Dun tempo a esta parte volveron formatos, especialmente o vinilo, pero tamén o cassete, que o mercado dera por mortos, ¿hai tamén aquí unha reivindicación dun son máis analóxico, ou é algo máis relacionado co pracer dos obxectos que teñen os coleccionistas?

Paulo // Hai un pouquiño de todo o que dis, o son analóxico é algo fermoso e importante, aínda que o dixital tamén pode selo, fronte aos que escollen só un destes dous camiños, empregamos os dous, cada un para unha finalidade diferente, ben por razóns técnicas ou tamén por viabilidade. Qué pasou co vinilo (o noso formato favorito)? Pois ben, os prezos de fabricación, e con elo tamén os de venda ao público triplicaron.

Formatos como o casete, practicamente desaparecidos, devolven ás bandas underground a posibilidade de presentar unha obra en formato físico de forma económicamente viable. Ademais, despois do exceso que había dixital á hora de traballar coa música, os “máis modernos” comezan agora tamén a traballar con casetes, a nivel electrónico, mesturados con moduladores e tecnoloxía punteira para experimentos sonoros. Ademais disto, o falamos dun formato perfectamente válido que soa moi ben se tes un reprodutor axeitado.

Exótica”, ademais de ser unha das miñas películas favoritas de Atom Egoyan, é o título da terceira das cancións do voso traballo de debut, e ata podo imaxinarme a Mia Kirshner, a súa protagonista, movéndose ó ritmo da vosa música, ¿ó final, a música instrumental, como a vosa, ten esa virtude de que cada un evoque unha cousa distinta?

Paulo // A música é máxica, si que evoca a cada un de nós cousas diferentes relacionadas coas nosas vivencias ou sensacións, si é unha das súas fantásticas propiedades!

Escaleiras mecánicas”, ten unha mestura de todos os ingredientes de Moduladores, rock, psicodélica, electrónica, e un momento onde brilla o theremin, pero no que, máis que nada, soa un grupo compacto, que semella que leva moito máis recorrido, ¿como conseguides ese son no que ninguén diría que é o voso primeiro traballo?

Paulo // Pois grazas! O caso desta canción é curioso porque dende que comezamos a tocala ata hoxe creo que é unha das pezas ás que máis tempo dedicamos, non por complexidade técnica senón porque así nos coincidiu.

A forza deste tema pode ser porque todos os elementos están nun lugar válido para iso.

Xa levades varios directos, ¿como foi a resposta do público? E ¿que actuacións tendes na axenda, ademais da sinalada,o 24 de maio?.

Paulo // De momento só demos dous concertos, tamén traballamos na gravación que fixemos pola nosa conta e que é máis custoso en termos de tempo, e fomos pulindo o repertorio. Agora estamos ben aceitados 🙂 Nas dúas actuacións que ofrecimos vimos un público moi diferente que se sorprendeu moi gratamente e iso está moi ben. Seguiremos traballando duro para mellorar o máximo posible o noso dispositivo de son electrónico-analóxico e antigo-moderno. Precisamos apoio para que funcione, iso é evidente. Precisamos público para ofrecer máis concertos! Xa vos avisaremos de máis datas, moitas grazas!

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.