![]()
Mesmo, se non fora descendente da xeración dos desertores do arado, podía chamarme Balbino, e quen sabe con que acento falaría agora, pois unha das primeiras fotografías que lembro, na que xa me recoñezo, estou camiñando por unha corredoira, cun feixe de herba ó lombo
Por Angelo Nero | 26/03/2026
Hai libros que ó invocar o seu título xeran un feixe de lembranzas, de quen eramos cando nos asomamos por primeira vez ás súas páxinas. Libros que deixaron en nós unha pegada tan grande como a dos moitos accidentes da nosa xeografía emocional que tivemos que sortear durante a nosa vida. Libros que te remiten a quen eras, a quen querías ser. Libros que son capaces de sortear o tempo, as tempestades e as monotonías, pois quizais son algo máis un feixe de papeis encadernados, son parte de ti, do teu imaxinario particular que se foi formando con lecturas, cancións, paisaxes, sorrisos e películas ou, como neste caso, con pezas de teatro.
Cando caeu nas miñas mans Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, aínda non levaba o país tatuado cunha estrela vermella no peito, non era aínda consciente do tempo e da terra na que vivía, porque non era máis ca un neno, nacido na ditadura, para o que a emigración, ese mal que baleirou moitos dos nosos pobos, eran os meus tíos que chegaban en vacacións de Suiza cargados de agasallos e viñan conducindo dende Europa -aínda non eramos europeos, seica- un Toyota Corolla. Aínda que non o sabía, Memorias dun neno labrego falaba das miñas raíces, da miña familia que, dende un pobo nas abas da raia do Leboreiro, espallárase non so por esa Europa que aínda non era nosa -eu medrei pensando que eramos africanos-, senón tamén por Cuba, Arxentina e Brasil.
Mesmo, se non fora descendente da xeración dos desertores do arado, podía chamarme Balbino, e quen sabe con que acento falaría agora, pois unha das primeiras fotografías que lembro, na que xa me recoñezo, estou camiñando por unha corredoira, cun feixe de herba ó lombo.
Quizais por todo iso emocioneime ó ver sobre o escenario a versión teatral que fixo Cándido Pazó para o Centro Dramático Galego. Porque o que vin no Auditorio Municipal de Nigrán, nunha función de balde que deixou moita xente fora, gravouse na miña pel, como antes o fixeran as palabras de Neira Vilas, recreando a historia dese Balbino que medra nun mundo de pobreza, traballo e obediencia, que se define como
“Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña.
No verán ando descalzo. O po quente dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta algunha brocha para espetárseme nos pés. Érgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañá, para ir co gando, restrebar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doi o lombo e as pernas. Pero o día comenza. Sede, sol, moxardos.”
Grande, enorme, está Xúlio Abonjo meténdose na pel dese neno labrego, espallando lembranzas sobre o escenario do seu paso pola escola, do pesar pola perda dun amigo ou dun animal o que queres como un amigo -o can Pachín, que nos fixo chorar-, o decatarse das desigualdades, da inxustiza de que haxa ricos e pobres, cando te toca nacer pobre, das festas e costumes da aldea, dos soños dun cativo que, un día, é quen de procurar máis alá do horizonte. Xúlio medra co mesmo ritmo do seu personaxe, e nós asistimos a esa muda de pel coa emoción de lembrar como foron mudando tamén as nosas edades.
Santi Romay está en perfecta sintonía co Xúlio Abonjo, como Lelo, o seu compañeiro de xogos, cómplice de falcatruadas, e partillador de desgrazas, e nos fai lembrar esa toma de terra que, cando es un neno, son os amigos, e o que doe cando desaparecen da túa vida. Manuel Cortés da vida ó pai de Balbino, un home dos de antes, para o que non había máis que o traballo e a obediencia ó orde establecido, fora xusto ou non. Mentres que Federico Pérez Rey interpreta ó entrañable padriño de Balbino, un home agarimoso e divertido, que sempre arroxa algo de luz á vida do neno. Ana Santos e Mónica García son as interpretes do mundo feminino, a nai e a tía Carme, sempre protectoras con Balbino, as coidadoras, as que cociñan, lavan, cavan a terra, coidan do gando, as que levan o mundo no seu ventre. E completando o elenco a xove Iris Darriba, a profesora Eladia, que fai alumear o corazón dese neno labrego xa ás portas da adolescencia, a mestra que ven a cambialo todo, cando os cambios estaban prohibidos, abrindo a fiestra trala longa noite de pedra.
Salientable a escenografía e o atrezo de Pablo Giráldez «O Pastor», que rodea de obxectos que dan contexto a cada unha das escenas, e o vestiario de Martina Cambeiro, que sabe vestir á medida xusta a cada personaxe para o que require a acción, e que destaca grazas a iluminación de Alfonso Castro. Toda unha equipa que fai que Memorias dun neno labrego sexa unha obra inesquecible.
Se el primero en comentar