Marián Bañobre: “A falta de memoria e o descoñecemento da nosa historia son problemas fundamentais que fan tan vulnerables aos mozos á hora desenvolver un pensamento crítico”

Entrevistamos a Marián Bañobre, co-autora da dramaturxia e directora de ‘Caídas’, a obra de Redrum Teatro baseada no ensaio da xornalista Montse Fajardo sobre o Patronato de Protección de la Mujer.

Por Angelo Nero | 13/11/2026

O Patronato de Protección de la Mujer, unha institución dependente do estado, mais administrada por ordes relixiosas, estivo activo entre 1941 e 1985, e contou cunha extensa rede de reformatorios, conventos e maternidades, non protexeu ás miles de mozas e nenas que pasaron por alí, senón que foi unha fachada para impoñer un modelo de moralidade católica, para exercer un control social sobre as rapazas que se saían da norma establecida, ás que sometían a maltratos físicos e psicolóxicos, traballo escravo e roubo de bebés. Sobre esta descoñecida realidade investigou a periodista Montse Fajardo, que recolleu o a súa investigación no libro “Caídas. Achegamento ao Patronato de Protección a la Mujer en Galicia”, publicado en 2024. Agora a compañía de teatro Redrum, pon en escena a obra “Caídas” baseada no traballo da escritora de Vilagarcía de Arousa. Falamos con Marián Bañobre, directora desta obra, que ven de ser estreada o 22 de outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

En 2018, xa dirixiches outra obra, baseada noutro libro de Montse Fajardo, “Invisibles”. Que te fixo achegarte ó traballo de esta escritora especializada na Memoria dende unha perspectiva de xénero?

A actriz Sheyla Fariña le Invisibles de Montse Fajardo e queda profundamente impactada. Xorde nela unha necesidade imperiosa de levar esas historias á escena. Ela non ten compañía, pero elabora un proxecto, pensando tamén no equipo, e busca quen o produza para poder sacalo adiante. É entón cando fala con Redrum Teatro, compañía na que traballa de maneira habitual como actriz e faille a proposta. Ela fora alumna miña e de Santiago Cortegoso nun curso de creación escénica alá polo ano 2013 en Arteixo, e dado que pensa que a proposta require dunha directora, muller, pensa en min para levar a cabo este reto. Naquel momento apenas nos coñeciamos persoalmente, pero xa había unha admiración mutua polos nosos traballos, que non fixo máis que medrar e medrar co tempo.

Redrum accede a levar a cabo a produción e dálle o ok ás súas propostas para o equipo. E é así como entro eu na ecuación. E entón cando leo Invisibles e empatizo coa mesma obsesión que ela xa tiña. E tamén é a partir de aí que coñezo a Montse e empezo a ler os seus artigos e ensaios.

Os tres premios María Casares (mellor iluminación, mellor adaptación e mellor dirección), e os dez mil espectadores da primeira obra, se cabe tamén animaron a repetir éxito coa fórmula?

Efectivamente, Invisibles foi un grande éxito non só a nivel de acollida do público e recoñecemento artístico a través dos premios, senón tamén a nivel empresarial. Facer tantos bolos cunha función non é nada fácil, iso sabémolo ben os que temos compañía. Así que non é de estrañar que Redrum quixese facer unha nova produción repetindo a mesma fórmula: escoller outro ensaio de Montse Fajardo e levalo a escena. É aí onde eles se deciden por montar “Caídas”. Parécelles importarte levar este ensaio a escena polo descoñecemento existente sobre o tema do “Patronato de Protección a la Mujer” e a importancia de facer memoria histórica cun tema tan sangrante como este. E teñen o detalle de convidarme de volta a dirixir este novo espectáculo, convite que agradezo e acepto encantada.

Na dramaturxia, tanto a de “Invisibles” como a de “Caídas” traballaches a catro mans, con Santiago Cortegoso. Con dous textos tan diferentes como base, un máis narrativo e o outro máis ensaístico, tal vez foi máis complicado desta volta artellar un texto teatral? Houbo que facer un traballo adicional para recuperar as voces das superviventes do Patronato en Galiza?

Eu non me vexo moito como dramaturga, aínda que en realizade si o sexa…. Fáltame a constancia da escritora, de sentar diante dun ordenador horas e horas a facer diálogos, refacelos, e tratalos co debido coñecemento da lingua e da gramática. Aí é onde Santi se desenvolve ben. Así que esta fórmula de equipo de dramaturxia funciónanos moi ben. Eu son un fervedoiro de ideas, dáseme ben argumentar e estruturar, e Santi leva o peso da escrita directa dos diálogos. Ademais traballar así axúdame a crear non só o texto propiamente, senón tamén toda a posta en escena, pois eu vou xerando imaxes, momentos ou escenas polas que quero pasar na obra que non necesariamente teñen un texto, e este exercicio de crear a escaleta e o arco da función e logo ir coloreando cada momento co que precise, paréceme moi estimulante e creativo.

A nivel de creación dramatúrxica Invisibles e Caídas foron procesos diferentes polo que ti dis. En Invisibles tiñamos os relatos, as historias desas mulleres. En Caídas tivémolas que construír. Digamos que Invisibles foi claramente unha adaptación a teatro do libro de Montse, en cambio para Caídas o ensaio supuxo un importante punto de partida e ancoraxe, pero que houbo que construír, reconstruír; e investigar moito máis para poder chegar a ficcionar unhas historias e unhas personaxes que son un collage de moita información recollida, non só no seu libro. Gústame dicir que é unha ficción documentada, pero na que non inventamos nada.

O elenco tamén repite coas tres actrices de “Invisibles”, Mela Casal, Sheyla Fariña, Neves Rodríguez, ás que lle une Raquel G. Crespo, ¿tamén pensabades nelas mestres escribiades a dramaturxia de “Caídas”? E como foi o traballo de creación con elas, onde seica tamén aportaron parte da súa memoria persoal?

Sí, cando Redrum me chama para dirixir propoño manter o mesmo equipo que en Invisibles, tanto a nivel de colaboradoras como de elenco. Se ben é certo, que para construír esta historia, precisaba dunha actriz máis, a poder ser dun rango de idade máis próximo a unha rapaza do Patronato. Inmediatamente visualizo a Raquel Crespo para este papel. Porque é unha actriz nova a quen admiro, que ten unha enerxía moi especial e unha forza escénica impresionante, e que ademais me encaixa perfectamente para compartir escena con Sheyla Fariña, que é unha fera escénica. Véxolles unhas cualidades parecidas e intúo que serán un bo tándem. E salta á vista que acertei coa intuición!!

Coas actrices fixemos un traballo moi bonito, previo á escrita do texto, no que exploramos a pegada da relixión nas nosas vidas, tendo en conta que constituíamos unha mostra espléndida de mulleres de distintas xeracións. Sometémonos (o equipo de dirección tamén) aos tests clásicos aos que sometían as rapazas cando era avaliadas para entrar no Patronato, deixamos xurdir os recordos e as anécdotas, exploramos a pegada do Patronato na nosa contorna e nas nosas familias, fixemos impros… E nin imaxinas todo o material que saíu de aí!! Con todo isto puxémonos a estruturar a dramaturxia e a escribir, por iso é tamén unha obra escrita por e para estas actrices en concreto.

Nestes tempos nos que moitos rapaces semella que non coñecen a nosa historia recente, e son presa fácil das mensaxes de odio que se espallan polas redes, pensas que é preciso erguer obras coma esta como un exercicio de memoria, para dicirlle á rapazada: isto pode volver pasar?

Penso que a falta de memoria e o descoñecemento da nosa historia son problemas fundamentais que fan tan vulnerables aos mozos á hora desenvolver un pensamento crítico e identificar como fascistas determinadas frases e consignas que lles chegan. É un momento tremendamente difícil para os adolescentes. Todo o que reciben son ameazas cara ao seu futuro: non van ter vivenda, non van ter un salario digno, non van ter éxito se non son de determinada maneira, ou non teñen unhas características físicas concretas. É tremendamente abrumador lidar con todo isto. E se non teñen as ferramentas necesarias para afrontar semellante bombardeo de información, nun momento no que os seus cerebros están aínda en proceso de desenvolvemento, soldando determinadas conexións neuronais, son tremendamente vulnerables e susceptibles de asimilar determinadas consignas que perciben como rompedoras ou contrarias ao sistema de maneira equivocada. Porque a xuventude é rebelde por natureza. Por iso o papel dos pais, e dos educadores, é tan importante. Pero tamén é unha responsabilidade e un reto para os que facemos cultura. Pois tamén está nas nosas más achegar información, desenvolver a súa capacidade de reflexión e mostrar o que dende outros medios non interesa mostrar. Así que máis que nunca é necesario facer propostas dende a nosa humilde parcela, que é o teatro, para que poñan o foco sobre determinados temas. E conseguir que cheguen a elas é outro reto.

En “Caídas” atopamos unha linguaxe moi contemporánea, onde se suceden as escenas con moita axilidade, quizais para enganchar a ese público máis novo que hoxe enche os cines para ver “La bola negra”?

Si. As novas xeracións están afeitas á visualización e lectura rápida e fragmentada. Todo vai moi á présa. Os vídeos que visualizan duran segundos e a capacidade de atención está moi mermada. Están afeitos, e os adultos tamén cada vez máis, a recibir moita información en moi pouco tempo, e ter que asimilala e ordenala de maneira moi inmediata.

Neste espectáculo decidímonos por unha estrutura con varias capas ou tramas que se entrelazan e a información vai aparecendo a modo de thiller, aos poucos, para que o espectador teña que ir montando o crebacabezas na cabeza. O dinamismo de mesturar a trama principal con rupturas das actrices, que contan algunha anécdota da súa relación coa educación católica, escenas cómicas coas que tratamos contextos políticos e damos información sobre a sociedade no contexto franquista, ou determinadas pautas que se seguían no Patronato en relación ás internas ou ás congregación, imprímelle ao espectáculo un ritmo, e unha estrutura, que a fai moi asimilable para os mozos, pois non os subestima, senón que aposta por poñer a proba as súas capacidades de análise e atención e recibir dunha maneira moi activa a información.

Citas a Bola Negra, e xustamente é un exemplo claro de guión en capas, con varias tramas que se entrelazan de maneira moi audaz, establecendo unha delas ancorada no presente (que favorece a identificación), e como ti dis está tendo unha resposta incrible co público, e tamén co público máis novo. Desde o meu punto de vista, esta película é ouro puro neste momento.

A obra artéllase arredor dunha muller que descobre que foi un bebé roubado, e tenta reconstruír a historia da súa nai a través dun diálogo cunha compañeira do Patronato. Este é un caso documentado ou basease nas ducias de denuncias públicas que houbo en Vigo sobre o roubo de bebés?

Esta trama principal parte dun caso real, o de Noemi Lima, que cita Montse Fajardo no seu libro. Esta muller de Vigo, Noemi, atopou no ano 2013 unha factura das Siervas de la Pasión, monxas que rexentaban o Fogar de Santa Isabel en Vigo (vinculado tamén co Patronato), na que lle cobraran aos seus pais adoptivos 45.000 pesetas polos servizos de mantemento e atención á súa nai biolóxica no parto. Este caso real é só un punto de partida. Logo a construción da personaxe que interpreta Neves non se corresponde en nada máis coa historia de Noemi, senón que é unha ficción. En xeral, o que fixemos neste espectáculo para construír as historias e as personaxes foi utilizar material documentado de diferentes casos dos que temos coñecemento, nomeadamente en Galiza, e mesturalos a modo de collage, para crear unhas biografías ficcionadas pero nas que non hai nada inventado.

O terrible drama que sufriron as mulleres que pasaron polos centros do Patronato, é para chorar a moco tendido, máis vos decidides introducir tamén o humor na obra, por que?

En primeiro lugar, un pouco polo que falaba antes, polo ritmo da peza. Cando se está tratando un tema tan terrible e dramático, é importante que esa tensión se rompa a través de alivios cómicos para relaxar ao espectador e darlle dinamismo á peza. E, por outra banda, porque o humor e a traxedia son as dúas caras dunha mesma moeda. Cando a vida é terrible, o humor é un salvavidas. E a min cústame entender unha cousa sen a outra. Ademais, as partes cómicas son tremendamente críticas, porque xa se sabe: O humor é un asunto serio.

Tamén facedes nunha escena unha parodia da Sección Feminina, con Carmen Polo de Franco e Pilar Primo de Rivera. Non tendes medo de que vos acusen de non ser neutrais ideoloxicamente?

Caídas é un espectáculo valente, no que non imos tratar un tema tan sangrante como este con medias tintas. É algo ademais moi falado e consensuado co elenco e con toda o equipo, porque as actrices son as que máis dan a cara poñendo o seu corpo e a súa voz diante do público para contar esta historia. Eu como creadora necesito sentirme moi libre para expresar o que penso e o que sinto. E evidentemente, si estou posicionada, faltaría máis. E revindico ese dereito a expresarme libremente. E isto é xustamente o que me move á hora de crear. Ademais penso que é a miña responsabilidade como artista. E se lles pica, que rasquen.

Na obra é visible o traballo das actrices, máis tamén hai un feixe de profesionais que están detrás dos focos. Poderías falarnos quen son as responsables do vestiario, o son, a iluminación, a escenografía, a producción… toda esa xente que fai posible erguer a estas “Caídas”?

Si, é certo que detrás dun espectáculo hai todo un equipo de profesionais que o fan posible e que é de xustiza poñer en valor. O teatro é traballo en equipo e é fundamental que todas as pezas estean moi ben engarzadas. Nese sentido estou moi satisfeita co traballo de todas as persoas que participaron.

Cando me chama Redrum para dirixir Caídas teño unha proposta clara, repetir o mesmo equipo de actrices e colaboradoras que con Invisibles. E así foi. Santiago Cortegoso e mais eu encargámonos da dramaturxia, da que xa falei antes. Para o vestiario, propuxen como novidade (respecto a Invisibles) que fose a propia Raquel Crespo a que se encargase, pois estaba dentro da función e ademais do seu talento nas táboas é unha gran deseñadora e realizadora de vestiario. De feito, aproveitei a circunstancia de que era ela a que facía o vestiario para introducir unha chiscadela na función con isto (ela é a que introduce as prendas e viste as personaxes). Penso que fixo un traballo brillante. Tamén houbo moi boa comunicación entre ela e Laura Iturralde, pois é moi importante que as colaboradoras se coordinen para pautar determinadas cousas (cores, texturas, liñas estéticas).

O traballo de Laura foi impecable, enseguida entendeu a miña proposta de construír un espazo de traballo, no que dunha maneira concreta estivese presente a frialdade industrial dunha fábrica de bonecas. Ademais, ela foi a encargada tamén da iluminación, polo que foi concibindo e construíndo paralelamente estas dúas capas do espazo escénico, e iso nótase. Davide, como xa fixera en Invisibles, encargouse do espazo sonoro. E conseguiu crear un ambiente moi evocador, unha especie de silencio habitado que nos ubica instantaneamente neses conventos, claustrofóbicos por momentos, e potenciando e favorecendo a tensión dramática das escenas. A música é moi importante na función, e hai dous momentos musicais nos que as actrices cantan en directo, que foron grandes retos, pois elas non son cantantes. Pero aí están, defendéndoos de maneira excelente.

Logo está esa parte audiovisual da entrada e saída do público, na que eu me empeñei moito, para ancorar tamén o espectáculo co presente, e que reflicte dalgunha maneira a presenza na actualidade de determinadas modas ou crenzas un tanto perigosas. Dado que Redrum está integrada por un director de cine, Alex Sampaio, quen mellor ca el, que ademais é un crack para estas cousas e está á última en todo, para facer ese scroll dinámico que conseguiu crear.

Tamén é importante destacar o traballo de produción que conleva crear un espectáculo coma este, e agradecer o labor aí tanto de Alex como de Guillermo Carbajo, que estiveron meses esforzándose para que todo estivese a tempo e que a ninguén lle faltase de nada. E xa por último, quero falar da importante labor que para esta función tivo Toni Salgado, axudante de dirección. Ás veces o traballo de axudante de dirección non está debidamente recoñecido, parece máis como un pinche que dende a sombra vai axudando e facendo o que pode ou o que se lle deixa facer. Neste caso, e xa pasara tamén en Invisibles, pero se cadra esta vez foi aínda máis evidente, o seu traballo foi fundamental. O nivel de implicación co espectáculo foi extraordinario. Fixo de TODO. Traballou horas e horas coas actrices, axudounoas un montón a moitos niveis: coas cancións, coas interpretacións, co texto. Foi un apoio fundamental non só para min, senón tamén para todas as colaboradoras e para a produción. E estivo presente en cada unha das fases do proceso, facendo importantes achegas no proceso dramatúrxico, no que tamén participou activamente. Síntome especialmente agradecida con el.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.