É asombroso como as vítimas resistiron cunha forza imprescindible que partía do mellor do ser humano; a solidariedade, o compromiso social, a loita pola liberdade, o amor…
Por Angelo Nero
Os Quinquilláns e algo máis que unha compañía de teatro, que leva máis de quince anos dinamizando os nosos espazos culturais, tamén é unha ferramenta da nosa Memoria colectiva, para que o noso pobo non esqueza o seu pasado, e o fan a través do teatro de rúa e de sala, das visitas dramatizadas ou do teatro infantil. Hoxe conversamos cos Quinquilláns de Teatro, de Memoria e de País, pois sen semella que son os os tres alicerces do seu traballo.
Este ano, o colectivo Antifascista do Condado erguía un monólito na memoria de Hipólito Gallego, na estrada de Mondariz, e do feixe de resistentes que foron executados alí mesmo, 85 anos despois dese terrible crime. ¿Non estamos chegando tarde ó recoñecemento desta xente boa e xenerosas que foron quen de opoñerse ó fascismo?
A expresión “chegar tarde” parece indicar que xa non é tempo, que estamos fóra de tempo, que é o argumento dos que pretenden silenciar o pasado. Non podemos resignarnos a iso, aínda que si, 85 anos é moitísimo tempo de espera para recoñecer o esforzo e sufrimento de toda a xente que loitou pola democracia. Hai 3 anos que morreu o pintor Mario Rodríguez, fillo de Paco de Figueiró, asasinado canda Hipólito Gallego, e a súa filla Ivonne Rodríguez é hoxe unha anciá sen memoria que xa cumpriu 94 anos. Por suposto é tardísimo para resarcir a estes dous orfos, mais Paco de Figueiró ten varias netas. Temos que facer o posible para que se faga xustiza coas persoas descendentes, cando menos recoñecendo o asasinato, a ilegalidade das condenas e dos roubos e devolvendo as fortunas espoliadas. Iso non só é imprescindible para facer xustiza coas persoas represaliadas e coas súas familias, senón tamén para facer xustiza coa sociedade e permitirnos avanzar no camiño á democracia e á xustiza social.
A Historia de moitos deses mártires do noso Xenocidio sigue silenciada, ou so chega a núcleos moi reducidos, pero é aínda peor no caso das mulleres que tamén aquí sufriron malleiras, cadea, violacións, e que tamén foron condenadas á fame, ó espolio. ¿Pretendedes con “A señora de Forcadela” poñer o acento nesta cuestión, darlle visibilidade ás invisibles da Nosa Memoria?
Foi moito máis difundida a existencia de mártires homes, fuxidos de sona, guerrilleiros coñecidos, dirixentes fusilados… Eses heroes forman parte da nosa memoria colectiva onde hai xa unha certa mitoloxía asentada con determinados nomes como O Piloto ou Foucellas. Mais o certo é que no caso das mulleres a ocultación foi absoluta. Por suposto as mulleres sufriron todo tipo de condenas, incluído o asasinato, e é certo que a condena do esquecemento foi máis cruel con elas. Con esta montaxe teatral, que parte da vida de Josefa García Segret, pretendemos amosar a feroz violencia franquista executada contra as mulleres de maneira específica, premeditada e consciente.
Sempre penso que se o noso país fora outro, a vida de Josefa García Segret sería levada á gran pantalla, pois reflexa ben o drama de moitas mulleres na longa noite de pedra: mestra, comprometida politicamente, asasinan o seu marido e a ela a condenan a morte, unha condena que burla finxindo un embarazo, coa complicidade do médico Darío Álvarez Blázquez, curmán de Alexandre Bóveda. ¿Cómo chegades a historia de Josefa, e como foi a adaptación dunha biografía tan dramática como a súa, para condensala nunha peza de teatro curta?
A represión que sufriron Josefa e moitas outras mulleres merece ser coñecida e precísase que sexa contada de todas as maneiras posibles. As artes son moi útiles para comunicar, e se é unha arte masiva, coma o cine, a capacidade de difusión multiplícase. Unha das maiores dificultades da nosa montaxe teatral foi escoller a protagonista, tivemos o foco posto en varias mulleres, porque as represaliadas son moitas e as súas traxedias están cheas de xiros dramáticos que son tesouros valiosísimos para un guión. Unha das razóns para escoller a Josefa foi que ela mesma, coa clara vontade de que isto non se esquecese, escribiu e publicou as súas memorias “Abajo las dictaduras!!” e que o médico Darío Álvarez Blázquez tamén deixou escrita a súa versión dos feitos. Tiñamos o testemuño das propias vítimas e este era tan potente que decidimos que o guión de A Señora de Forcadela tivese unha liña argumental con moi pouca intervención; escollendo episodios significativos e contándoos da maneira máis pegada posible á realidade, concentrando os esforzos nun duro traballo actoral, sen artificios escénicos que puidesen restar protagonismo ao relato. Cando estamos no medio da función Lucho Penabade e mais eu estremécenos co silencio sen alento que nos chega desde o patio de butacas, cando ao acabar se prenden as luces descubrimos un público con ollos humedecidos, cando finalmente se abre debate, transmítennos a súa sorpresa e sobrecollemento ante estas historias que non coñecían; e entón nós insistimos en que o impacto foi causado polos propios feitos reais. Ese foi sempre o obxectivo.
“O pasado por vir” é un ambicioso programa do departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, ¿Cómo chegan Os Quinquilláns a formar parte dese catálogo de charlas, obradoiros de música e incluso documentais?
Xa tiñamos creado outras montaxes e eventos sobre a represión franquista e a memoria histórica, entre eles un monólogo protagonizado por María Miramontes a partir dun texto de Inacio Vilariño. Debido a que Montse Fajardo o viu, ofrecéusenos a posibilidade de participar no proxecto “O pasado por vir”, que tanto está a facer por visibilizar o pasado, e por poñer sobre el unha análise xusta. Para nós é moi emocionante formar parte deste impresionante catálogo no que se inclúe un documental, teatro, obradoiros, exposicións, charlas, coloquios… mais tamén é un grande reto, pola rigorosidade que o tema esixe. Por iso foi tan tranquilizador que Montse Fajardo accedese a revisarnos o guión co seu valioso criterio.
Nese programa de “O pasado por vir” tamén está inxerido o documental “Acorda”, coa direción artística de Uxía Senlle e Marina Carracedo, no que se recorren distintos lugares da Memoria Antifascista nun formato ben orixinal, ¿Cal foi a vosa colaboración nesta peza audiovisual que tenta achegar a páxina máis negra da nosa historia dun xeito moito máis accesible?
Nós tivemos a sorte de participar en Acorda coa presenza de Tero Rodríguez interpretando a Ernestina Otero, mestra represaliada, suspendida de emprego e soldo, que se converteu en Madriña do Campo de concentración de San Simón. Non puido ser máis emocionante asumir a súa voz e a súa actitude ante a barbarie. Desde aquí damos grazas ás directoras, e a todas as persoas do equipo que fixeron que todo o proceso fose tan amable e enriquecedor. Acorda pon unha luz chea de beleza onde houbo terror, pero tamén onde houbo moita dignidade. É asombroso como as vítimas resistiron cunha forza imprescindible que partía do mellor do ser humano; a solidariedade, o compromiso social, a loita pola liberdade, o amor… Di a canción final do documental que a pesar de todo, os paxaros cantan. E así é.
Agora mesmo estades tamén xirando con outro espectáculo “Language Planning”, unha obra creada a partir dese fermoso acto de amor pola nosa lingua que é “Made in Galiza”, de Sechu Sende, e con textos de Núñez Singala, Chus Pato e Xesús Rábade. ¿Cómo naceu este espectáculo tan orixinal, e que acollida estades tendo con el?
Language Planning naceu do noso compromiso coa lingua galega e da urxencia ante a perda diaria de galego falantes. Partimos de textos emblemáticos, coma os de Made in Galiza, de Séchu Sende e os de Núñez Singala, Chus Pato ou Xesús Rábade, que están cargados de beleza, retranca, optimismo e teatralidade. Todo isto vai acompañado da música creada por J. Luís do Pico Orjais. Na montaxe incidimos na idea de que existe un plan deseñado expresamente para acabar co galego e que, para sobrevivir e remontar, nós precisamos elaborar outro plan. O espectáculo estivo inscrito dentro do programa “A Lingua a Escena” da Deputación da Coruña e foi distribuía durante dous anos pola Editorial Galaxia, que achegou Language Planning ao alumnado de toda Galiza. Esta difusión rematou repentinamente en marzo de 2020, mais confiamos en que nun futuro próximo a situación sanitaria se normalice e poidamos seguir enchendo auditorios e casas de cultura, porque a acollida foi moi boa e a necesidade de incidir sobre os hábitos lingüísticos da mocidade é enorme.
Tamén estades especializados, por dicilo dalgún xeito, en visitas teatrais: ó castelo de Vimianzo, ó Dolmen de Dombate, ó Ribadeo ilustrado, ó Castro de Santa Tegra, ó Porriño de Palacios.. é seguro que me deixo algún no tinteiro. ¿Cómo xurde á idea de facer visitas teatralizadas nestes espazos, e, sobre todo, como sodes quen de poñeres en tan distintas peles e de memorizar os diálogos de personaxes tan distintas?
Desde sempre Os Quinquilláns tivemos a idea de utilizar o teatro para contar a historia do País en espazos emblemáticos. De aí naceron montaxes como Irmandiños (1998), A Diáspora (2005), Arrieiros (2008) e moitas outras que acabaron provocando esta explosión actual. Ademais das mencionadas, tamén interpretamos o Camiño Branco de Rosalía en Padrón, o Banquete de Conxo en Compostela, A Batalla de Cacheiras en Teo, A Barca Prodixiosa de Cereixo en Vimianzo, O Encanto do Pico Sacro de Boqueixón, A Batalla de Altamira na contorna de Ames e Brión, As Torres do Allo en Zas, O Segredo de Moraime en Muxía, O retorno no Parque Arqueolóxico de Campolameiro… Os textos realizámolos nós, partindo da documentación que nos achegan historiadores moi xenerosos como Xosé María Lema, Pablo Sanmartín, Miguel Villa, Manuel Vilar… entre outros moitos. Esta documentación condiciona o guión e o vestiario, que sempre realiza a catoirense Beti Busto. Despois veñen os ensaios, tanto no local dos Quinquilláns en Brión, coma nos propios espazos de representación. Isto vai axudando a memorizar e a asumir os personaxes. Todo se enriquece enormemente cando temos a posibilidade de sumar a colaboración doutros actores, como Borxa Insua, ou de incorporar músicos en directo, como Illa Pancha en Ribadeo, Lumeirada en Porriño, Barahunda, Paco Nogueiras e numerosos grupos locais de A Guarda… E finalmente, para nós é un luxo cando podemos engadir pezas musicadas especialmente para as nosas montaxes como sucede coas que crearon e interpretan Luís “O Caruncho” no Castro do Tegra ou J. Luís do Pico Orjais en Moraime ou en O Camiño Branco de Rosalía en Padrón.
Se el primero en comentar