Entrevista a Margarida Mariño: «Quería compartir o potencial que ten o cello coma instrumento, o seu amplo rexistro, as posibles texturas»

Foto: Diego Bea Besada

Son unha persoa moi sensible, unha mala nova no telexornal pode nubrarme o ánimo días, ou semanas. Me salva que son capaz canalizar esa frustración a través da música.

Por Angelo Nero

Dende moi nova, con tan so oito anos, comezas os teus estudos de violoncello no Conservatorio Profesional de Música de Vigo, licenciándose no Conservatori Superior Liceu de Barcelona. ¿Xa dende pequena tiñas claro que querías dedicarte á música ou houbo algunha outra cousa que te tentou polo camiño?

Non o tiven realmente claro ata a adolescencia, que foi cando tomei a decisión de ir a Barcelona para estudar o Superior. Dende pequena vivín a música con moita naturalidade, coma unha faceta mais da miña vida, pero foi nese momento cando decidín apostar profesionalmente por ela. Agora se miro atrás dáme algo de vertixe pensar que isto é o único que sei facer, pero adoro o meu traballo.

En Barcelona somérxeste no jazz e na experimentación, chegando a actuar en recoñecidos festivais como Voll Damm Jazz de Barcelona, Pop Arb, VallSonora o Curtcircuit. ¿Cómo foi pasar da música clásica a esa inmersión na escena do jazz da cidade condal?

En realidade foi algo moi progresivo. Lémbrome que xa dende pequena intentaba trasladar ao cello a música que me gustaba, e tocar con xente, só polo pracer de tocar, i experimentar noutros xéneros. Iso nun ambiente clásico-académico non era moi habitual, así que pouco a pouco fun atopando as referencias do que encaixaba mellor para continuar a miña formación, e nese sentido o conservatorio do Liceo ofrecía unha pluralidade estilística e cosmopolita na que eu desexaba sumerxirme.

Continuaches a túa formación no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, de onde saíron músicos salientables como Virxilio da Silva, Yago Vázquez, Xan Campos o Alberto Vilas. ¿Que pegada deixou en ti o paso polo SPJ?

Foi unha etapa breve, pero serviume para coñecer outra linguaxe. Non para especializarme senón para obter recursos que puidera empregar no meu instrumento.

A túa traxectoria como violoncellista levoute a recibir clases de prestixiosos mestres como Cristoph Coin, Barbara Switalska, Asier Polo o Herre Jan Stegenga, e formar parte de orquestras como a Orquesta Réssonnance en Suiza, ou La Via dei Concerti, coa que xiraches por Italia, Francia e España. Tamén, en 2014, fixeches unha xira por Italia xunto ó acordeonista de jazz Carmine Ionanna.

En 2015, xuntásche coa cantante e guitarrista Su Garrido, e formades o dúo Treme, gravando o álbum “Mundo ideal”, onde se atopaban as distintas influencias das dúas, dende Radiohead ata a bossa nova, de David Bowie a Gil de Biedma, participando en distintos certames como o ImaxinaSons ou o PlayDoc, e sendo galardoadas co premio Música Xove. ¿Cómo foi esa experiencia de mestura entre as diversas fontes das que bebiades Su Garrido e Margarida Mariño?

Foi moi bonito mentres durou e aprendín moitísimo, xa que ademais de crear artisticamente o proxecto facíamos todo nos, e cando digo todo, refírome a serigrafiar cada caixa dos discos, e gravalos un por un no ordenador da miña casa, (así lle fundín o lector á miña nai), a cargar cos equipos alá onde fora, etc. Cando nos deran o premio foi moi gratificante, porque invertemos moito esforzo e cariño.

Dous anos despois colaboras co multinstrumentista Fernando Barroso, co que fas unha xira internacional presentando o álbum para mandolina e violoncello, “Silence Lovers Club”, cunha interesante abanico de son que van dende o jazz, o swing e o blues ata a música barroca e o folk. Un novo cambio de rexistro na túa carreira, ¿semella que non queres encasillarte nun estilo e que estás aberta a novos proxectos, cada vez máis ambiciosos?

Non me gustaría encasillarme nun estilo, para nada. Poder beber de moitas fontes é o que me da enerxía e inspiración para seguir facendo música. A colaboración con Fernando tamén é moi bonita, porque levamos cinco anos tocando xuntos en distintos formatos e con dous traballos publicados (Silence Lovers Club, 2018, e Xograr, 2020). Fernando é a persoa mais artista que coñezo, está sempre creando, e non pode non facelo, está na súa natureza. Ademais de ser bos amigos aprendo moito del cada día.

Foto: Rocío Cibes

Co teu irmán Borja, ó piano, formas parte, en 2018, do espectáculo Pulcinella, basada no ballet de Stravinsky, e producido polo Teatro Real, outro xiro na túa traxectoria musical. O teu irmán tamén ten un curriculum impresionante como compositor, pianista e seica musicólogo tamén. Puxeches música tamén ó espectáculo de danza Good Luck de Alfonso Rivera, onde seica se reflexionaba sobre o drama humano das migracións. ¿Os problemas da nosa sociedade actual tamén están, dalgún xeito, nos teus proxectos musicais?

Sí, do mesmo xeito que resoan na miña cabeza están tamén na miña música. Son unha persoa moi sensible, unha mala nova no telexornal pode nubrarme o ánimo días, ou semanas. Me salva que son capaz canalizar esa frustración a través da música.

A poesía tamén forma parte do teu imaxinario, estaba moi presente en “Mundo Ideal”, e mesmo púxechelles música e voz a un poema “Tigres coma cabalos”, de Xela Arias, no ano no que a academia galega lle dedicou o día das nosas letras. Música clásica, danza, jazz, poesía, electrónica, incluso creo que puxeches banda sonora a algunha curtametraxe. O cello é o teu medio para achegarte a todas estas escenas artísticas, ¿Que novos camiños artísticos te gustaría explorar?

Gustaríame ter mais oportunidades de compoñer para o cine, ou algunha serie.

En 2020, sae á luz o teu, ata o de agora, último traballo “Cello & Elctronics”, no que procuras os límites sonoros do violonchelo, nunha proposta que tamén é unha reflexións sobre a ecoloxía, as migracións ou o cambio climático, creando un feixe de capas a través de loops coa que creas unha atmosfera única, coma un líquido amniótico que te envolve, e te fai flotar, coma eses narvais e golfiños que debuxa o teu instrumento. Unha música que non é fácil de catalogar, aínda que alguén dixo que semellaba unha mestura entre o post-rock e a new-age. ¿Cales son as reflexións das que sae este traballo, tanto estéticas como éticas, e como foi o proceso de elaboración, en plena pandemia?

Cando me embarquei neste proxecto quería refrexar varias cousas, a primeira como reto persoal era crear un repertorio orixinal que poidera defender eu soa no escenario, cousa que non fixera nunca antes, obrigándome a saír da famosa ‘zona de confort’. Ademais, quería compartir o potencial que ten o cello coma instrumento, o seu amplo rexistro, as posibles texturas, efectos etc. e por suposto o timbre tan fermoso e directo á hora de expresar melodías. O proceso de creación foi un pouco apurado ó principio, e lento despois, porque tiña moitas ganas de estrealo na primaveira de 2020, así que o álbum estaba listo para finais de febreiro, que tiven a sorte de facer algúns concertos por Holanda. Con tan mala sorte de que en marzo aconteceu o que xa todos sabemos, polo que atrasáronse bastante os concertos de presentación.

Ademais da presentación de “Cello & Elctronics” –que teño que confesar que xa vin o espectáculo dúas veces e é realmente sublime-, en que proxectos está metida agora mesmo Margarida Mariña. ¿Preparando novos temas quizais?

Sí, xa está en proceso de creación o novo álbum. Gustaríame que estivera para 2022 pero tampouco quero meterme presa. Quero facelo con mais mimo que o anterior, e dar cabida a varios artistas e creadores que xa teño en mente.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.