Entrevista a Kiko da Silva (2ª parte): «Non temos a pasta, non temos a industria, pero temos a creatividade»

Por Angelo Nero

Sempre tiveches o empeño de participar e animar revistas de Banda Deseñada en galego, e a piques estades a sacar da imprenta o número catro da revista “A viñeta de Schrödinger”, que sobreviviu ata á pandemia. ¿É esta outra xesta da resistencia, ou máis ben un xeito de normalizar a nosa lingua, tan boa coma calquera, tamén no ámbito da BD?

Eu penso que ámbalas dúas cousas. Eu son fillo do erial, do deserto cultural. Eu, cando me quixen dedicar a isto, foi a finais dos noventa, cando xa non había editoriais, ou pecharan todas as grandes revistas nacionais, Zona 84, Cimoc, El Víbora, etc., e se a nivel estatal non había revistas, a nivel galego isto xa non era o deserto, era o seguinte, e como non había onde publicar, non nos quedou outro remedio, ós da miña xeración que provocalo. Empecei con revistas como B de Banda, despois máis tarde, promovendo coleccións de banda deseñada en Factoría K de libros, participando na revista Golfiño, logo montando a revista Retranca, e, máis tarde a editorial Retranca, e o Garaxe Hermético onde publico moitas obras dos alumnos.

A experiencia de Schrödinger nace tamén un pouco por empecinamento. A min contáctame a Mesa pola Normalización Lingüística, que querían facer algo de BD e presenteilles esta idea, que realmente non sabemos se vamos a poder continuar, pero, polo de agora cumprimos o noso primeiro obxectivo, que era facer catro números. E creo que o cuarto número demostra a altísima calidade que temos de creadores e de creadoras, tantos novos como veteráns, creo que quedou un número moi potente.

Realmente son destas cousas que din, que as revistas están mortas, que non valen para nada, eu sigo crendo nelas, creo que é un formato que desapareceu no seu momento, porque os quioscos estaban morrendo, porque xa non funcionaban como funcionaron nos anos corenta ou nos anos cincuenta, pero creo que si que hai unha serie de historias, de formato moito máis curto, que si que son interesantes, e que os lectores agradecen. Creo nese tipo de historias, nas historias curtas, non so nas novelas gráficas de cen páxinas, e creo que tamén é un medio para darse a coñecer os autores noveis, e moito máis sinxelo abordar o traballo dende unha historieta curta, de cinco ou seis páxinas, que unha novela gráfica, longa. E aparte é tamén a maneira de poder facelo na nosa lingua, de poder apostar dende un punto de vista menos arriscado. Á hora de facer unha novela gráfica de douscentas páxinas en galego, implica un risco económico que non é o mesmo nunha publicación colectiva de historias curtas.

Eu creo que aquí a Mesa foi moi intelixente, á hora de apostar por este tipo de publicacións, porque podían apostar por libros diferentes, por libros autoconclusivos, dun autor ou dous, pero apostaron pola colectividade, e pola unión de varia xente, que é unha maneira tamén de apostar pola lingua. A lingua non falla so entre a xente nova, falla en todas a xeracións, e eu creo que é unha maneira que a lingua segue viva, e que se poden contar moitas historias nela. De feito temos bastantes suscriptores de Madrid e de Barcelona, que non son galegos, que mercan a publicación, porque saben que é de calidade, e porque saben que, ademais, o galego non é difícil de ler. Temos esa vantaxe ademais, que temos un idioma que é moi sinxelo de ler, para alguén que non naceu aquí.

E eu seguirei apostando mentres as forzas non me fallen. Agora, fai pouco, me fixeron unha homenaxe no Salón do Libro e tiven que mandarlles o curriculum e entrou unha pouco de vertixe, ¿fixen eu todos estas cousas? Eu non fago ningunha nota, porque nunha me piden un curriculum, e de repente, cando tes que facer orden de todo o que fixeches, penso que fixen demasiadas cousas. Hai momentos que dis: que salgan outros…

Xa estou un pouco canso, e hai veces que te preguntas, o teño feito cos meus alumnos, como tería sido a miña vida se non me tocara a xeración que me tocou, na que non había nada, e nacera agora, na que hai editoriais, e escolas de BD, existen concursos, que na miña época non tiñamos. Para min, cando fun por primeira vez a Viñetas del Atlántico, me pareceu un milagre, que na Galiza tivésemos un festival dese calibre, mesmo esta loitando con Barcelona, aínda que son festivais moi distintos, pero moi bos.

Eu penso que non lle damos importancia ó que temos, non somos conscientes da importancia que ten as cousas que estamos facendo aquí. E moitas veces vemos nos medios de comunicación cousas que fai xente no estranxeiro, como se foran mellores. E nos temos moitas creadoras e creadores facendo cousas fantásticas aquí. Non fai falta que veña un americano, ou un inglés, ou un francés a dicirnos o bos que somos. Temos que empezar a querernos un pouquiño máis, e a ver a calidade que temos no noso país, e probablemente temos a mellor calidade, probablemente non temos a pasta, non temos a industria, pero temos a creatividade. Creo que somos un pobo creativo, e un pobo con moita entereza. E ese tipo de cuestións temos que poñelas en valor, e temos que sacar peito por elas.

Por último, gustaríanos que nos falases do Garaxe Hermético, a primeira Escola Profesional de BD e Ilustración, que ti fundaches no ano 2012, e que segues dirixindo na actualidade. ¿Que atrancos e que apoios tivo o Garaxe en estes case dez anos de actividade, e cal é o balance que facedes de este longo recorrido de docencia no mundo gráfico?

Atrancos, todos e apoios, practicamente, ningún. Realmente, cando eu poño en marcha o Garaxe Hermético foi un momento complicado na miña vida, son estas cousas que sabe un so. Eu estaba publicando a revista Retranca, que levaba 35 números, e como funcionaba ben, os beneficios que daba a revista, os aforrara, e decidín invertelos en crear o Garaxe Hermético, que nace destas cousas que non damos o valor que teñen. Nunhas xornadas que montara no Consello da Cultura Galega, Miguelanxo Prado, que trouxera a Antonio Altarriba, a Guarnido, e a algún estudoso de crítica de banda deseñada, e foran unhas xornadas dun solo día, nas que se falaba de BD dende un punto de vista, case universitario. E realmente alí escoitei a conversa de dous alumnos de Belas Artes queixándose do mesmo que cando fora eu estudante da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, que era unha pena que a banda deseñada non se tomara en serio dentro do eido universitario, que non se puidera aprender o oficio, etc. E quedou a pena de que pasaran tantos anos dende que acabara a carreira e que os rapaces que estaban empezando a estudar nela tiñan o mesmo problema ca min.

Eu teño un problema: cada vez que me queixo de algo, á terceira vez que me queixo, me poño a intentar solucionalo. É un problema, cada vez quéixome menos de cousas, para non facelas. Tardei moitos anos en darme conta de que tiña ese problema, e que podía ser un problemón para min, porque o final acababa perdendo todo o meu esforzo vital arranxando os problemas dos demais.

Pero este era un problema ilusionante e o que fixen foi irme a todas as escolas profesionais, que tiña cerca, en Anguleme, en Barcelona, en Italia, e anotaba todas as cousas que me contaban, para artellar un proxecto de formación diferente. Un proxecto que se adecuase ó que eu botaba en falta, na miña formación, e que eu, cando empecei, sentía que me faltaba.

A isto uníronse un grupo de profesionais en activo, que xa coñecía de moitos anos, da época de B de Banda, de Retranca, que me levaba moi ben con eles, e que entenderon moi ben a idea, e que puxeron toda a súa sabedoría para facer os temarios, que naceron de cero, para que foran útiles para os alumnos e que deran froitos.

O Garaxe Hermético nacía con dúas premisas: queríamos que os alumnos publicasen, e queríamos que os alumnos tiveran voz propia, que non foran clones de nos mesmos. E despois de case dez anos, creo que cumprimos con creces esas dúas premisas. Temos xa un montón de obras publicadas dos alumnos, de feito teremos en breve un análise do que foron estes dez anos, estamos preparando un curso diferente, un curso especial, porque estamos de celebración e queremos preparara moitas cousas, pero realmente teño agora diante miña, mentres falamos, todos os libros que conseguimos publicar e a verdade é moi bonito ver a cantidade de libros que saíron das nosa aulas.

Antes te dicía que poucos apoios, e os poucos apoios que tivemos foron con algunha das nosa publicacións, un par delas están feitas con apoio municipal, do Concello de Pontevedra, que, aparte, nos fan exposicións no Salón do Libro Infantil e Xuvenil. E despois, coa Deputación de Pontevedra que tamén, dende fai seis anos, publican un recopilatorio de traballos dos nosos alumnos. Realmente é importantísimo para eles, para comprender como funciona realmente o mecanismo do mundo editorial, que é moi exixente e moi complexo.

E logo tamén o apoio dos editores e dos autores do sector. Traemos todos os anos a un montón de creadores e creadoras, que veñen a dar master class, a dar a coñecer cal é a súa experiencia profesional, dende un punto de vista moi sincero, e que nunca din en público, porque se fala de cousas internas, de problemas, de contratos, e de cousas que nunca se din nas presentacións. E tamén o apoio dos editores, tanto dos editores estatais, que fan de xurado, que son os que realmente escollen e fan a criba dos nosos alumnos, que acaban sendo publicados, e tamén dos editores galegos, en especial con Xerais, que acaba de apostar cun premio específico do Garaxe Hermético, para os nosos alumnos, e ex-alumnos, de BD infantil e xuvenil, que levamos xa dúas edicións e que realmente é un orgullo que a editorial xeneralista máis importante de Galiza aposte pola formación que estamos a facer e que saque unha colección co nome da escola de BD. É un destes soños que, cando puxen en marcha o Garaxe Hermético nunca imaxine que fora a acontecer. E, por outro lado, tamén temos a Galaxia que está apostando tamén por varios ex-alumnos, tanto a nivel dos que fan o Curso de Ilustración, como os que están no Curso de Banda Deseñada.

De feito, Pablo Prado, o debuxante de “Os berros da motocicleta”, a súa segunda obra foi premio de fin de curso do Garaxe Hermético e foi publicada por Galaxia, porque era una adaptación dunha obra que publicara Galaxia, de Berta Dávila, que se chama “O derradeiro berro de Elma Olsen”, e que hai Berta foi súper xenerosa con Pablo e co Garaxe, deixando que un autor novel adaptase a súa obra. E aparte, Pablo acaba de recibir o II Premio de Banda Deseñada do Garaxe Hermético este ano, entón, máis orgullo imposible, que os alumnos acaben tendo recoñecemento, recollendo premios, e o que estas facendo que antes tardabas dez, quince anos en conseguilo, e agora en dous, tres anos os alumnos conseguen profesionalizarse, darse de alta en autónomos, e publicar BD en galego.

E algo moi emocionante, pero tamén moi difícil, moi duro, porque levar ás costas unha escola na que hai que coordinar a nove profesores, estar pendente de máis de corenta alumnos, é tremendamente difícil, pero bueno, son destas cousas que un fai porque lle gusta, e se non a facemos nos, non as vai vir a facer ninguén por nós. Creo que son destas cousas que a unica pena que me da, é pensar que esta semente que agora está comezando abroiar, vai chegar un momento que ninguén as regue, porque todos temos un fin, e vai chegar un momento en que eu non poida seguir levando a porto o Garaxe Hermético, faleza, ou me poña mal, o calquera cousa que lle poda pasar a calquera e que non haxa continuidade. E unha cousa, sinceramente, das que máis pena me dan.

Pero estou moi orgulloso destes dez anos, e moi contento de ver que todo isto ten resultado, sobre todo ver que os compañeiros que traballan comigo seguen ilusionados. Porque, estas cousas, cando o proxecto é persoal, é moi fácil que te ilusiones a ti, e que non ilusiones ós demais, pero eu síntome rodeado dunha grande equipa, de autores e autoras que realmente senten a BD como a sinto eu, que lle teñen moito agarimo á profesión, e que saben que o que estamos a facer é algo único, algo histórico, e que é un luxo ter no noso país unha escola así. De feito, somos un pouco a envexa doutras comunidades, porque conseguimos facer cousas que noutras escolas, que levan máis tempo que nos, non conseguiron facer. Conseguir que os alumnos publiquen libros, conseguir premios no nome da escola, conseguir que Miguelanxo Prado de clase ós alumnos de último ano, que realmente é un auténtico luxazo, ter a todo un Premio Nacional impartindo aulas ós nosos alumnos, realmente é dunha xenerosidade tremenda, por parte de Miguelanxo, e creo que son destas cousas que valoraremos dentro duns anos, cando sexamos todos velliños, cando non exista a escola, ou si, vai ti a saber. Pero son destas cousas que mentres estás vivíndoas sabes que estas facendo historia da banda deseñada, e isto é algo ilusionante.

So nos resta desexarlle longa vida ó Garaxe Hermético, que vexamos moitas obras túas e dos teus alumnos, e darte as grazas por atender á chamada de Nueva Revolución.

Grazas a vos. De feito a semán que ven teremos xa o segundo premio do Garaxe Hermético de Xerais na rúa, acaban de mandarme unha foto esta mesma tarde de “Nerea”, o comic que gañou este ano, de Miguel Rojo e Pablo Prado. A Pablo Prado ides escoitalo moito, porque é un rapaz que a verdade que nos sorprendeu a todos os mestres, pola capacidade de traballo e a sensibilidade que ten ó traballar.

Vamos ter que entrevistalo a el tamén…

Estou seguro de que teriades unha gran entrevista.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.