Dende un primeiro momento, meses despois da Folga de Setembro, comeza a elaborarse o relato das mobilizacións por parte do PCG-Cos e é este relato o que se converteu en dominante.
Por Angelo Nero
Isidro Román Lago é o autor dun dos traballos imprescindiblespara coñecer con profundidade a loita proletaria viguesa nos últimos anos do franquismo, “Todos con Vigo!!! Mobilización obreira e Folga Xeral (1968-1972)”.
Neste libro apuntase como orixe do movemento obreiro a folga de Vulcano no 1962. ¿Cómo era ese xerme de mobilización que desembocaría como cun furacán no Setembro Vermello do 72, nunhas condicións que non eran realmente propicias para a organización sindical?
As folgas do 62 non son á orixe do movemento obreiro, son a primeira manifestación, despois da guerra civil en Vigo, da capacidade de mobilización e loita que continúan a ter os traballadores. A mobilización é un éxito tanto pola cantidade de traballadores que participan (sobre 15.000 traballadores en total entre o 10 e o 17 maio) como pola súa extensión ao conxunto da cidade. A organizan basicamente cadros do sindicalismo de preguerra da CNT, e mozos libertarios en unidade con elementos do PCE. Combina dous elementos, un altamente mobilizador, as condicións concretas dos traballadores en cada empresa, e outro, a solidariedade co que está a suceder en Asturias.
Daquela comezaban a agromar novas organizacións como ferramentas do proletariado, principiando polas Comisións Obreiras, que diferenzas, dende un principio, da central sindical constituída en 1976, ¿cómo se artellaban aquelas primeiras Comisións Obreiras, e eran, en realidade, algo tan distinto do que remataría sendo CCOO?
As Comisións Obreiras son estritamente o que o seu nome indica, comisións de obreiros cun obxectivo, ao principio concreto, circunstancial, e polo tanto, temporais, por exemplo negociar coa dirección dunha empresa unha prima para os traballadores. Isto é unha constante ao longo da historia do movemento obreiro, non é nada anovador. O que si introduce un cambio fundamental é cando estas Comisións inician o camiño da estabilidade, deixan de responder a un obxectivo inmediato.
Pouco a pouco, e directamente relacionado cos procesos de negociación dos convenios colectivos, dende a metade dos anos 60 en Vigo, en cada fábrica se irá constituíndo a súa Comisión Obreira. Son polo tanto organismos de base e de unidade de clase. Así atópaste como cadros de CNT, o militantes da USO, ou da UPG, son a súa vez membros da Comisión Obreira da súa fábrica. Non hai contradición porque as Comisións Obreiras non son unha estrutura sindical, son unha “organización” de representación unitaria da clase obreira. É dende este punto de vista onde hai que situar a miña afirmación de que aquel movemento das Comisións Obreiras é substancialmente diferente ao sindicato que se funda en 1976.
É 1976 coa creación do sindicato o momento de ruptura? Evidentemente non, non hai un momento concreto de ruptura, é un proceso onde se manifestan todo tipo de tensións internas nas que en todas subxace o mesmo, a “institucionalización” deste novo modelo de práctica sindical, entendendo por “institucionalización” a súa conversión dende unha especie de movemento social a unha organización formal: o avance nos diversos niveis de coordinación destas Comisión de fábrica (coordinación local, nacional, estatal, a coordinación sectorial…), o dotarse dunha infraestrutura mínima para a súa acción, o establecemento paulatino dos presupostos político-ideolóxicos… É nestes procesos onde comeza a disputa polo control e onde comezan as rupturas que farán que vaian perdendo aquel carácter de organismo de representación unitaria dos traballadores.
En 1961, dende “posicións cristiáns e a través da JOC e da HOAC” crease a USO, ¿tivo este sindicato algún protagonismo nestas loitas levadas a cabo polo proletariado vigués nos anos sesenta e comezos dos setenta? E os antigos sindicatos da época republicana, ¿conservaban algunha estrutura na nosa cidade, ou so tiñan algún militante espallado?
Como tal organización sindical, a USO non tivo ningunha participación no proceso de mobilizacións de 1972 en Vigo. Si que participaron cadros das Comisións que foran formados tanto na HOAC como na JOC, pero USO como tal non tivo presenza ningunha. O desenvolvemento da USO en Vigo como organización é posterior. Si terán certo protagonismo noutra folga paradigmática en Vigo, a folga de Ascón de 1978.
Pero cando falamos da USO temos que alonxarnos da visión que nos evoca a súa organización actual. A USO que participa na folga de Ascón de 1978 é unha organización de carácter socialista autoxestionaria que a partir precisamente de finais dos anos 70 entra en profunda crise que provoca en Galiza, xa en 1980, a excisión do sector maioritario que pasa a chamarse Confederación Sindical Galega (CSG). Esta nova organización fusionarase en 1982 coa INTG.
Polo que respecta aos sindicatos de preguerra, a UGT era absolutamente inexistente na cidade en 1972, e a CNT aínda que conservaba certa estrutura, a realidade é que non conseguira reorganizarse despois das caídas e detencións da folga de 1962. Aínda así, existe presenza de cadros anarcosindicalistas con actividade nas Comisións, entre as que destaca a Comisión Obreira de CENSA.
O papel dominante do PCE, dende a clandestinidade, na loita política e sindical, é indiscutible, sen embargo, e como consecuencia da súa política de Reconciliación Nacional, iniciada en 1956, producíronse numerosas escisións no partido, mentres nas nacións sen estado comezan a aparecer forzas autóctonas dispostas a arrebatarlle a hexemonía, como na Galiza a UPG. ¿que incidencia terán tanto o PCE como as novas organizacións xurdidas do seu seo, e as que serán o cerne do nacionalismo, no desenrolo das mobilizacións obreiras en Vigo?
A importancia do PCE é absolutamente capital a partir de finais dos anos 60. Todos os procesos de mobilización dende estas datas non teñen sentido sen a súa presenza ate cando menos 1972. Incluso os seus competidores máis importantes á altura de 1972 proveñen do propio partido. Os procesos de debate e excisión do PCG en Vigo son tardíos, as primeiras novas parecen situar o inicio do cuestionamento da política de Reconciliación Nacional en 1969 e curiosamente dende sectores obreiros, non entre a mocidade estudantil que é o máis habitual. As mocidades comunistas iniciaran a súa propia crítica en 1970 e os dous grupos confluirán un ano máis tarde. Da fusión deles nacerá Organización Obreira que racha definitivamente co PCG e as COs a principios de 1972. Polo tanto a “competencia” entre os dous actores ten un percorrido moi curto antes da Folga Xeral de Setembro e as forzas son moi desiguais, aínda que O.O. estaba a experimentar un grandísimo crecemento sobre todo a partir da folga de Barreras de maio de 1972.
Pola outra banda, a UPG non era rival a estas alturas para PCG e a súa presenza no mundo do traballo era moi cativa, unha célula en Barreras (animada por Moncho Reboiras) e outra en Citröen (que proviña de Galicia Socialista de Camilo Nogueira) e pouco máis. Pero, si é certo que eran absolutamente conscientes desta eiva e estaban nun proceso de creación dunha Fronte Obreira que os introducira definitivamente no mundo do traballo, como así foi anos máis tarde.
No teu libro dedicas un apartado ó contexto socioeconómico o que se inxire a mobilización obreira, ¿Cal era ese contexto particular na comarca de Vigo, que nestas décadas tivera un especial desenrolo industrial?
Vigo é unha cidade que afectivamente ten un forte crecemento económico que se reflicte na redución da poboación activa no sector primario, no crecemento moderado do secundario e forte crecemento do sector servizos entre 1960 e 1970. Hai un dato curioso falando en cifras absolutas, o digo case de xeito anecdótico, pero reflicte o carácter da cidade. En 10 anos, entre 1960 e 1970, o sector primario perde 1.386 traballadores en Vigo, non obstante, nos seguintes 21 anos, entre 1970 e 1991 tan só perde 380 traballadores. Ou sexa, si nin hoxe en día somos unha cidade, cidade, imaxínate naquel entón. Isto fai que a composición de clase sexa un tanto peculiar, xa que existe un forte mantemento como actividade secundaria da agricultura.
A esta característica “nosa”, historicamente nosa, hai que engadirlle o tipo de man de obra que maioritariamente vese atraída polo desenvolvemento económico da cidade. Estamos a falar principalmente de emigración pendular, ou sexa traballadores que proveñen da contorna do concello, que traballan na cidade e volven ao saír do traballo ao seu lugar de orixe. E polo que respecta a emigración con desprazamento cara a cidade da residencia está protagonizada maiormente por mulleres que fornecerán o sector primario e a industria conserveira.
A nivel industrial destaca a instalación de Citröen a finais dos 50 e o desenvolvemento do sector da construción naval ligado aos grupos empresariais tradicionais da cidade e serán os subsectores que máis mano de obra empreguen.
Demográficamente na década 1960-70 se experimenta un crecemento de practicamente 50.000 habitantes que hai que cualificar de espectacular. Pero este crecemento orixina grandes deficiencias infraestruturais entre as que as máis destacadas son a deficiencia na rede de sumidoiros e na traída de auga potable. Deficiencias concentradas nas zonas de maior densidade de poboación obreira e case inexistente nas zonas “nobles” da cidade, o que nos fala que no que atinxe a ocupación do espazo urbano a condición de clase é tamén definitoria.
Aínda que formalmente non existira daquela, CCOO tentou facer como seu o patrimonio da loita do 72, xa que moitos dos seus cadros xurdiron dela, máis cumpre rescatar a outros nomes que tiveron tamén o seu papel, como Abelardo Collazo, ¿cales foron os principais líderes das mobilizacións obreiras de comezos dos setenta en Vigo?
Dende un primeiro momento, meses despois da Folga de Setembro, comeza a elaborarse o relato das mobilizacións por parte do PCG-Cos e é este relato o que se converteu en dominante. A premura para a súa elaboración ben determinada polo carácter que o PCE-PCG quería imprimirlle ao conflito, unha folga de carácter político inxerida dentro da súa política de Reconciliación Nacional, urxía pois “facerse” responsable único da potentísima mobilización para incluíla dentro dos “argumentos” a presentar para gañar o recoñecemento como actor certificado nas hipotéticas negociacións posteriores á caída do ditador.
Sobre os líderes obreiros que participaron na folga pasa o mesmo que có relato. Case todo o mundo coñece os oficiais, os que reciben honras e entrevistas, e que efectivamente desenvolveron un papel esencial (Waldino Varela, Carlos Barros, os irmáns Cameselle, Margarita de Álvarez…) Pero os outros, os que non entran dentro dese relato dominante quedaron escurecidos, en certa medida borrados e o seu papel foi tan importante ou máis para entender o proceso mobilizar do 72 en Vigo. Entre eles tamén se poden mencionar moitos, Xose Anxo de Freire, Xaime Garrido de CENSA, Carmen Cayetano de Alvarez, Urbano Medraño de Vulcano, Anxo Guisande de Ascón…
Pero, mencionas na túa pregunta a Abelardo Collazo. Para min Abelardo Collazo é esencial en todo o proceso, a crítica que fai á direción do PCG, as súas propostas de extensión dos conflitos obreiros máis alá das propias factorías levando a loita aos barrios para implicar a toda a cidadanía… cando se fala de Abelardo xeralmente a todo o mundo venlle á cabeza o asunto da violencia revolucionaria, da loita armada, pero eu penso que sendo iso importante nel (tan importante que lle levou a perder a vida), hai esas outras contribucións que en 1972 foron definitorias e impregnaron toda a acción dos traballadores.
A loitas do 72 foron loitas colectivas de liderado coral pero si penso que hai que destacar e salientar a un traballador en concreto como símbolo de loita, de honestidade e coherencia, e este non é outro de Ramón González Costas, Moncho de Barreras. Innovador nos repertorios de mobilización empregados dende maio de 1972, el é quen se dirixe aos traballadores de Citröen no primeiro dia de folga para infundirlles ánimos e mostrarlle a solidariedade dos traballadores de Barreras; perseguido, exiliado e en moitos momentos da súa vida, tamén abandonado. Seguro que el considera excesivas estas palabras.
Xa facia falta ai moito tempo que se falara dos verdadeiros Taballadores que contribuiron as Movilizacions do VIGO 72,e non recordar Sempre os que impuxo o PCE como os Grandes Lideres.O Movemento Obreiro do 72 naceu nas Comisions Obreiras de Fabrica que soio eran Patrimonio de todos os Traballadores e non de ningun Partido Politico como ven comentou o Compañeiro ISIDRO.Como un Participante nestes Conflitos estou agradecido a difusion e na Celebracion do seu Aniversario.Saudos Revolucionarios.