O problema é que empeza a faltarnos tempo, e as sementes que poderíamos deixar no sistema educativo ou nos medios de comunicación, tardarán en xermolar, e sospeito que o tempo comeza a faltarnos
Por Angelo Nero
No comezo do mes de xuño Carlos Taibo, unha das voces ceibes máis críticas do estado, ofreceu tres palestras na Galiza, presentando diferentes publicacións da súa interesante bibliografía, en Redondela nos mostrou o cerne de “Historias Antieconómicas”, en Pontevedra a paisaxe desacougante de “O colapso que vén”, e por último, en Ourense falou a propósito de “Colapso e decrecemento”. Na primeira das palestras, organizada polo Colectivo Republicano de Redondela, o profesor da Universidade Autónoma de Madrid, tivo a ben conversar con nós o remate do acto, que tivo unha nutrida acollida.
Nun momento no que os medios de comunicación nos bombardean polo estancamento da economía, e ata a esquerda parlamentaria insiste nesa fuxida cara adiante que non cuestiona o sistema capitalista, o decrecemento que propón Carlos Taibo semella provocador, aínda que esta proposta sexa a única que semella viable fronte a emerxencia climática da que xa non se fala, máis que sigue sendo unha ameaza.
¿Non tes, a veces, a sensación de pregoar no deserto, cando a mensaxe dos medios e da propia esquerda van polo lado contrario?
Si. O que pasa é que teño esa sensación dende hai moitos anos, de tal maneira que non é ningunha novidade. Mesmo así, eu admito que teño un problema, i é que cando vou a falar por aí adiante do decrecemento, é normalmente ante públicos afíns, que pensan, xenericamente coma min. Alguén se preguntará se, de vez en cando, non encontro públicos hostís, ou non afíns, encóntroos. E a miña percepción é que a xente percibe, inmediatamente, o decrecemento como unha cuestión sensata, que di algo que levamos dentro da cabeza, outra cousa diferente é que sexamos capaces de transmitir iso a nosa vida cotiá, e non falo so da xente que anda perdida pola rúa, nós mesmos, moitas veces, refectimos que formamos parte do sistema que queremos botar abaixo, de tal maneira que esa lóxica do sistema inflúe poderosamente. Entón, a pregunta que me fas, respondería, con ironía, que como estou dentro deste sistema xa non me sorprende moito, na medida de que eu mesmo son contraditorio.
O decrecemento, segundo a túa formulación, ten que vir acompañado por un proxecto autoxestionario, antipatriarcal e internacionalista. ¿Podes explicarnos as claves para que este novo modelo económico e social se desenrole? E ¿crees que e a unica alternativa a ese colapso que xa prognosticaches nun traballo anterior?
Eu adoito a afirmar que son un libertario decrecente, non un decrecentista libertario, o miolo das miñas percepcións é a idea da autoxestión, da acción directa, de apoio mutuo, e así afirmo que compre agregar unha perspectiva decrecentista, antipatriarcal, e internacionalista. Admito, claro, e non descubro nada, que a corrente dominante nas nosas sociedades non vai por aquí, non so nos estamentos directores, senón na esquerda que está nas institucións, que parece claramente marcada pola lóxica do sistema que, no mellor dos casos, aspira a xestionar civilizadamente o capitalismo, que parece que é un proxecto irreal.
O capitalismo non se pode xestionar de maneira civilizada. Máis teño a sospeita, díxeno hoxe, de que hai dous elementos que poden mudar isto: o primeiro que a conciencia de proximidade do colapso provoque mudanzas importantes na nosa conduta; a segunda de que cheguen, dos países do sur, respostas eficientes que nos no orden non somos quen de argallar con relación a estes problemas.
Fas moito fincapé no reparto do traballo, na recuperación da vida social e no ocio creativo, que ten que vir parello á baixada de consumo e de produción, ¿está a sociedade actual perdendo a oportunidade dun cambio real como o que se plantexou, aínda que fora mornamente, nos primeiros momentos da pandemia, cando moitos sectores de decataron de que o capitalismo mata?
Levamos moitas décadas perdendo tempo. O outro día escoitaba a non sei quen, que afirmaba, con razón, que os datos fundamentais con relación ás mudanzas climáticas e co esgotamento das materias primas enerxéticas, están aí dende fai 40 anos. É verdade que sabemos algo máis, pero os datos fundamentais están aí, e nestes 30 anos que fixemos: nada. O mellor exemplo é o que mencionaches, como ó inicio da pandemia hai un conxunto de procesos físicos, de redución da polución, de merma no consumo de combustibles fósiles, de freo experimentado pola turistificación, que deberían ter ilustrado unha protección distinta.
Mencionei nesta palestra ese dato que, para min, é extremadamente iluminador: na China, ó inicio da pandemia, salvaron a vida 77.000 persoas da resultas da redución da polución, unha cifra que multiplicaba case por vinte o número de mortos, oficialmente recoñecidos polas autoridades de resultas do coronavirus. Parece que non aprendemos, non?
Algunha vez sinalaches que os pobos do sur, menos corroídos pola lóxica mercantil do capitalismo, están máis preparados para enfrontar o colapso, e para camiñar cara ese modelo decrecentista. ¿Estaste a referir, por exemplo, a proxectos alternativos como o zapatista ou o de Rojava?
Estou pensando neses dous exemplos, no entendido de que non son os únicos, en realidade eses proxectos creo que presentan un perfil especial porque en eles se combinan elementos precapitalistas e elementos anticapitalistas. Máis hai noutras partes determinadas do mundo que, en certo sentido, escapan á lóxica da globalización. Isto cumpre dicilo con moita prudencia, máis a miúdo escoito que a globalización chegou a todas partes. Pode ser moderadamente certo, máis non chegou conforme ós mesmos patróns en todos os lados.
Por exemplo, hai un libro magnifico dun norteamericano, Scott, sobre os pobos montañeses do interior de Indochina, do sueste asiático, que son comunidades humanas que fican á marxe da lóxica dos estados imperantes, e que conservan estruturas de base autoxestionarias. Neste caso, sospeito que, espontaneamente, sen que no medio esté un proxecto anticapitalista que efectivamente carreta unha rexeisón da lóxica mercantil do capitalismo, e isto obriga, como pouco, a prestar atención a estas realidades, sequera so sexa porque, repito algo que dixen antes, nos aquí non somos quen de artellar respostas eficientes ante os problemas.
Co proceso de descomposición da esquerda estatal, asociada ó devacle de Podemos, semella que o avance da ultradereita é imparable, agás nas nacións sen estado, onde as forzas soberanistas seguen sendo hexemónicas, na esquerda, máis ¿tes algunha esperanza en que algunha destas forzas entenda e asuma ese decrecemento que propón, visto a saudade dalgunhas desas forzas polo defunto estado de benestar?
Non. Digamos que si o miolo destas forzas é a reconstrución do estado de benestar o que temos é máis lóxica do capitalismo, e no mellor dos casos, repito a cláusula, a xestión civilizada deste último. A min me gustaría que algunha destas forzas, por exemplo no ámbito do soberanismo galego, repensase a súa relación co mundo labrego, máis me parece que non forma parte do seus plans, porque me parece que no miolo da perspectiva destas forzas identifica o progreso co desenvolvemento das forzas produtivas en clave industrial e urbana, e isto é un problema obxectivo.
De tal xeito que, en termos xerais, para alén da cuestión nacional, eu intúo que a esquerda que vive nas institucións, é completamente incapaz de saír da miseria que inunda as institucións e do proxecto abraiantemente curtopracista que marca a lóxica política habitual.
Tamén es moi crítico co turismo, tanto polo consumo enerxético que supón como pola súa pegada no medio ambiente, ademais da febleza económica que supón, como xa vimos na pandemia, apostar polo turismo como motor económico dun país, ¿non compre xa, mudar este xeito de viaxar, sen importar a nosa pegada ecolóxica, e de mudar tamén unha estrutura económica, como a do estado español, baseada no turismo estacional?
É evidente. Máis, quen se atreve hoxe no estado español a afirmar iso aínda entendendo as demandas dos hostaleiros. Este é un país onde o turismo experimentou un crecemento visiblemente fora de lugar, de tal xeito que hai que enfrontar esa problemática directamente, isto é unha evidencia. Non sei se é certeira esa expresión que lembra que no estado español hai máis bares que no conxunto do resto da Unión Europea, e aínda que non sexa literalmente certo, carreta que a economía española nestas últimas décadas se baseou no turismo e na construción, que son dúas actividades curtopracistas, especulativas, que marcan poderosamente o modelo económico que cumpre contestar, dende o meu punto de vista, de maneira frontal.
Máis, de novo, temos un exemplo adicional de como a reacción ante os feitos deturpadores da pandemia é ratificar o que había antes, sen máis, chámese turismo, ou chámese eses estados do benestar dos que falabamos antes que, por certo, é unha figura estritamente vencellada coa lóxica da era do petróleo barato, e esa era terminou hai décadas.
De tal xeito que pretender defender os estados de benestar neses termos é un erro. Díxeno moitas veces, os estados do benestar son formas de organización económica e social propias e exclusivas do capitalismo, que dificultan, ata extremos inimaxinables, o proxecto de prácticas de autoxestión dende abaixo, que beben da filosofía mortecina da socialdemocracia e do sindicalismo de pacto, que non teñen ningunha dimensión ecolóxica solvente, que non viñeron a libertar, como anunciaban, a tantas mulleres que son hoxe vítimas dunha dupla ou dunha tripla explotación, e que non mostran ningunha condición solidaria cos países preteridos, explotados, do sur do planeta.
Para espallar proxectos como o que defendes, ao marxe da lóxica capitalista, compre artellar medios de comunicación alternativos e sen ataduras, ¿como valoras a labor dos medios que tentan sobrevivir sen outro apoio que os propios suscritores? ¿pensas que realmente podemos incidir nunha sociedade para combater o pensamento único do capital?
A valoro como heroica. O que acontece é que, claro, a capacidade de modificación da realidade é moi limitada, entre outras cousas porque a capacidade de chegada desos medios tamén é moi limitada. Non sei se a pregunta non terá que ver, estruturalmente, con outra que me fan moitas veces relativa á educación. Hai xente que levada dun pensamento moi respectable di: “isto so o vamos modificar o día que modifiquemos a educación”. O problema é que empeza a faltarnos tempo, e as sementes que poderíamos deixar no sistema educativo ou nos medios de comunicación, tardarán en xermolar, e sospeito que o tempo comeza a faltarnos.
Máis no podemos prescindir desta pata, como de outras, para tentar artellar un discurso crítico que chegue a máis xente.
Entrevista publicada en NR el 7 Jun 2021
1 Trackback / Pingback