Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño, a impugnación da mitoloxía patriarcal

Begoña Caamaño é quen de impugnar a esta mitoloxía patriarcal, e contarnos a historia dende unha perspectiva feminista, que pon o foco en Penélope, lle da voz, e converte ó rei de Ítaca nun actor secundario

Por Angelo Nero | 24/02/2026

Este é un mundo de homes, no que nacer muller é sinónimo de ser portadora de desgrazas. Súas son as guerras e as vitorias, seu é o poder e súas as palabras. Por que habíamos ser tan necias de crer que o amor tampouco non lles pertence, e alí onde eles len conquista e dominio tiñamos nós que dicir afecto e coidado?

Este é un fragmento de “Circe ou o pracer do azul”, unha das novelas de Begoña Caamaño, a quen está adicado o día das Letras Galegas deste ano. Un libro que está cheo de parágrafos coma este cos que non estaría mal tatuar as paredes desta cidade desmemoriada, que agora ten a oportunidade de reparar o esquecemento dunha creadora dotada dunha voz tan orixinal, entre lúcida e máxica, entre académica e proletaria, entre terrestre e marítima, como a da escritora viguesa.

Como boa periodista, nunca se deixou de facer preguntas, aínda que foran incómodas, aínda que rachasen os mitos, e quizais foi por iso polo que adentrouse no corazón de Penélope, para impugnar o seu papel de muller relegada a gardar un reino e unha honra que non é súa, senón que lle pertence o seu rei e señor, o heroe da guerra de Troia, o navegante intrépido que é quen de desafiar ós deuses, Ulises. Porque, quizais por primeira vez na nosa literatura, Begoña é quen de impugnar a esta mitoloxía patriarcal, e contarnos a historia dende unha perspectiva feminista, que pon o foco en Penélope, lle da voz, e converte ó rei de Ítaca nun actor secundario.

Na novela Penélope, ao fronte do goberno de Ítaca ante a prolongada ausencia de Ulises, a que moitos dos seus pretendentes xa dan por morto, recibe a visita dun estraño paxaro no seu palacio, que en realidade é un correo da deusa Circe, dende a illa de Eea, para confesarlle que o fillo de Laertes y Anticlea, despois da conquista de Troia, recalou nos seus dominios, e que mantén un intenso romance. Lonxe de crear unha rivalidade entre Circe e Penélope, un intercambio epistolar creará lazos de fraternidade entre elas, mentres van desmontando os mitos dunha masculinidade tóxica, e constrúen un manifesto contra as estruturas patriarcais e contra as guerras.

Non satisfeitos con gañar, procuran a aniquilación completa de quen ousou xogar á guerra do lado dos derrotados. Toda forma de consideración élles allea. Descoñecen a mesura e a xenerosidade e, non contentos coa morte do inimigo, coa conquista do seu territorio e a apropiación dos seus bens, queren humillalos até despois de mortos,usando os corpos das mulleres dos vencidos para perpetuaren a súa vitoria alén da morte. (…) O corpo das mulleres tomada é para eles o último reduto do campo de batalla, e ao penetralas non perseguen a carnal sensualidade, senón continuar até o límite co pracer da conquista.

Sería inxusto pensar que Begoña Caamaño escribía sobre e para mulleres, pois penso que “Circe ou o pracer do azul” debería ser unha lectura imprescindible e reveladora para os homes que, coma eu, crecemos con mitos como o de Ulises, o heroe, o aventureiro, o conquistador, e atoparemos entre as súas páxinas respostas a preguntas que nunca nos atrevemos a formular. Nas cartas de Penélope e Circe pensamos que hai dous Ulises diferentes, un cómplice, amante e sensible, respectuoso coa muller que lle da acubillo no seu reino, e outro violento e insensible, que toma pola forza o que cree seu por dereito, máis so hai un, e ese descubrimento interpélanos a nós mesmos.

En “Circe ou o pracer do azul”, falase tamén do amor e do desexo entre homes e mulleres, pero tamén entre mulleres -”O corazón non entende de xéneros”-, da familia e das obrigas, de asumir o destino ou encaralo, do rencor e da esperanza, de tal xeito que en cada un dos seus capítulos cada quen pode atopar anacos da súa propia biografía, das cousas que perdemos agardando en Ítaca, das que arderon en Troia ou as que estiveron a piques de facernos tolear en Eea.

A lectura desta novela de Begoña Caamaño é un bo exercicio para impugnar o mundo establecido, e ademais de desfrutar de parágrafos tan fermosos coma este:

“Grazas, señora, pro me devolver o mar. A vós débovos recuperar o pracer polo azul, pola beleza dos solpores e polo rumor devalante das onde ao morreren nas areas de Ítaca, un rumor que paso de me semellar o alento de Ulises nos meus ouvidos a ser arrolo dos meus soños. Credes que para un espírito sempre en fuxida como o meu, foi este acougo un agasallo pequeno?”.

1 Comment

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.