![]()
No documental de Alba López e Damián Varela, hai un feixe de testemuñas imprescindibles para coñecer un pouco máis a protagonista das Letras Galegas deste ano.
Por Angelo Nero | 16/04/2026
O certo é que teño bastante alerxia a todo aquilo que ven de lugares que nomean como Real (por convicción republicana) e como Academia (pola miña tendencia a desafiar toda autoridade pública), e pouco interese lle presto a unha institución como a RAG, que semella algo así como o Olimpo das nosas letras, tan afastado deste país que vai perdendo ós poucos a nosa fala. Máis co gallo do acertado nomeamento de Begoña Caamaño como protagonista das Letras Galegas deste ano, vou firman unha tregua co organismo que preside Henrique Monteagudo. E máis aínda despois de ollar o documental que produciron e que acaban de estrear, ‘Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul’, dirixido por Damián Varela Pastrana (Lugo, 1976) e Alba López Álvarez (Ribadeo, 1995), na que se fai un percorrido pola biografía e a obra da escritora viguesa que se atreveu a impugnar a mitoloxía patriarcal coa sua reinterpretación do mitos clásicos, torcéndolle ó pulso a Homero, un dos piares fundamentais da cultura occidental, e á Materia de Bretaña, na que se mergullarán vacas sagradas das nosas letras como Álvaro Cunqueiro.
Este interesante traballo documental, de obrigado visionado para aqueles que, coma eu, quedaron enredados nos fértiles territorios das letras de Circe e de Morgana, é unha viaxe dende a infancia de Begoña, no barrio vigués do Calvario, á mocidade, cando Begoña se fixo coiote, pasando polo instituto Alexandre Bóveda (no que eu tamén fixen que estudaba), ata os seus inicios como xornalista en diversos medios radiofónicos como Radio Noroeste ou Radio Popular, oficio no se consolidou, a pesar de que estudara maxisterio. E seguindo pola súa vida na capital do país, en Compostela, onde se incorporou á Radio Galega, traballando nos programas Diario Cultural, Andando a Terra e Expresso de Medianoite.
En Compostela agromaron as letras de Begoña Caamaño, e ademais de deixar un ronsel de artigos no semanario A Nosa Terra, escribiu dúas obras que convén festexar: Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), onde, dende unha ollada radicalmente feminista é quen de espir mitos como o de Ulises ou o de Merlín, para nos mostrar as voces que permaneceran silenciadas ata entón: as de Circe e Penélope, as de Morgana e Viviana. A súa escrita é tamén profundamente política, pois Begoña nunca quixo agochar o seu compromiso coa terra e co tempo que lle tocou vivir.
No documental de Alba López e Damián Varela, hai un feixe de testemuñas imprescindibles para coñecer un pouco máis a protagonista das Letras Galegas deste ano, comezando pola súa irmá Beatriz, que percorre os corredores e aulas do instituto Coia-2, onde tamén estudou, agasallándonos con anécdotas ou reflexións sobre a súa vida. Tamén recolle as olladas de compañeiras de xogo, de estudos ou de profesión como Maika Aguado, Amanda Álvares e Ana Romaní. De especial interese a testemuña das primeiras persoas que escrutaron o manuscrito de Circe, o que foi o seu editor, Víctor Freixanes, e Susana Reboreda, historiadora galega especializada en mitoloxía grega. Falan tamén mulleres da política ou da cultura que estiveron moi achegadas a ela, como as cantantes Uxía Senlle e Faia Díaz, a escritora Andrea Nunes, ou a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín. Tamén contamos coa propia voz de Begoña, a través de diversos arquivos sonoros, recuperados do seu paso pola radio.
Mais ‘Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul’ ten varias capas, pois ademais das testemuñas o documental dálle voz á mocidade dos IES Castelao e Alexandre Bóveda de Vigo, sobre temas relacionados coa obra da escritora, como o compromiso coa lingua, a mitoloxía ou o feminismo. Tamén son protagonistas os alumnos do CEIP Monte dos Postes de Compostela, onde desenrolan un programa de radio sobre Begoña.
Outra das capas é a belisima interpretación teatral do universo Caamaño, a través de pequenas pezas desenroladas pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, rodadas en escenarios naturais senlleiros como a Serra do Candán (Begoña tamén tivo unha vertente montañeira que cumpre salientar), na fraga de Catasós e no areal de Barra, nos que se recrean personaxes do imaxinario de Begoña, como Circe, Morgana ou Sherezade, a protagonista da novela que non chegou a escribir, coa que pensaba rematar unha triloxía que impugnara a mitoloxía patriarcal de Oriente e Occidente. Na recreación teatral da infancia de Begoña, tamén destacan as nenas Helena Rodríguez Otero e Laura Diniz Fontán, da escola de teatro Imaxinatea Labcreativo de Vigo, interpretando os seus xogos infantís no areal do Tombo do Gato e no Piñeiral de Samil.
“Todos estes elementos conflúen nunha obra que reafirma o noso compromiso cunha forma de crear e comunicar honesta, crítica e conectada co presente. Desde esta perspectiva, combinando a práctica xornalística das entrevistas e a documentación coa práctica artística da ficción audiovisual e da súa beleza, buscamos activar unha reflexión sobre os modos de narrármonos como sociedade, contribuíndo a través da creación audiovisual a xerar pensamento, memoria e futuro. Como Begoña Caamaño, nós tamén apostamos en Navegar no pracer do azul polo activismo, pola defensa dos medios públicos e por unha literatura universal feita en galego”, sinalaron os directores do documental Varela Pastrana e Alba López Álvarez.
Se el primero en comentar