![]()
A mitoloxía do monte do Seixo e o proxecto de preservación e divulgación do seu patrimonio material e inmaterial agromaron en Cerdedo hai 25 anos.
Por Calros Solla | 6/06/2025
Malia que lles proia a algúns, o albo fotográfico máis solicitado na comarca de Terra de Montes é hoxendía a peneda de Portalén, no monte do Seixo. Souben da “porta ao Outro Mundo” recén inaugurado o novo milenio, e fago gala de terlle ofrecido a primicia da súa existencia á galeguidade. Convido os desinformados –conscientes ou inconscientes– a consultar as hemerotecas, mesmo lles facilito o traballo: “Verbo Xido inaugura la segunda ruta Padre Sarmiento con una marcha por el Seixo” (Faro de Vigo, 12-12-2002). Antes, así se maten, rien de rien.
En decembro de 2005, tras non poucas visitas guiadas e co gallo da publicación do libro Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo, a prensa local nos dedicaba os seguintes titulares: “Os míticos vixías do monte Seixo” (FdV), “A montaña máxica de Cerdedo” (LVdG), “Patria de lenda: Máis alá do monte Seixo” (DdP)… A feliz iniciativa acadaba, en apenas tres anos, a súa consolidación. Lemos, por exemplo, no prestixioso blog “Arqueotoponimia” (outubro, 2021): O Alén mítico déunolo a coñecer a descuberta de Calros Solla, que fai anos recobrou a memoria colectiva da famosa Portalén, nome poético que lle deu á Porta do Outro Mundo (A Porteliña-Barcia do Seixo, A Lama) na súa obra ‘Almanaque de encantos’ (2005).
Advertidos polo que dixen e publiquei, ao longo de máis de dúas décadas, milleiros e milleiros de visitantes ascenderon a montaña sagrada do Seixo, fotografaron Portalén ou fotografáronse ao seu carón, propagando xa de palabra, xa naquela incipiente Internet a boa nova da súa descuberta e dos seus atributos rituais. Dixo Cunqueiro que moito lle satisfacía botar lendas a roular, que antes ou despois volvían a el por boca doutra xente. Asegúrolles que moito me chista ter xerado un cativador relato lendario que, a cada pouco, chega a min, como proveniente dun remoto pasado.
Afirmei xacando que, se me cadrase vivir hai un século, coñecida a noticia de Portalén e evidenciando o seu éxito, a Igrexa axiña se ocuparía de cristianizar o lugar –inescusábel, o peto das esmolas–. Aínda están a tempo, pois non cabe dúbida que, a canda os itinerarios xacobeos –que inzan coma ferrán–, a pagá peregrinación a Portalén tamén gaña adeptos (ou devotos) día tras día. O Concello de Cerdedo ben puido tirar proveito do chope, pero os seus estrategas, sobrados de fachenda e faltosos de enxeño, nin deron nin dan para máis.
Así e todo, considero necesario lembrar de cando en cando que o que hoxe se ten por herdanza inmaterial da comunidade, foi en orixe un ruxerruxe, o froito dunha providencial pescuda etnográfica que, principiada a finais dos anos noventa, me levou a recoller na contorna non só a toponimia do Seixo e do Cando, senón a identificación naquela cimeira dunha trintena de estacións mitolóxicas –pedras con lenda– da man dos meus selleiros informantes (deles teño soidades), oriúndos dos concellos de Cerdedo, Forcarei, A Lama e Cotobade. Entre elas, xaora, Portalén.
Tampouco está de máis recordar que o resultado das miñas investigacións deu para dúas monografías –editadas e felizmente reeditadas–: Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (2007, 2021) e Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas (2008, 2021, 2024 –en castelán– e 2025). Amais: innúmeros artigos en xornais, webs e revistas especializadas, charlas e presentacións por toda a xeografía do país (v.g.: o III Congreso Internacional sobre a Cultura Celta, Narón, 2011) e, en paralelo, incontábeis roteiros guiados (Roteiro da Montaña Máxica: máis de 5.000 participantes), soadas celebracións (XXXIX Romaxe de Irimia, 2016: 2.000 persoas congregadas no alto Seixo)…, cos que, boca-orella, no pasar do tempo e dende aquel venturoso Nadal de 2002, se deu xerado o fenómeno cultural coñecido por “monte do Seixo”, “Montaña Máxica”, “Portalén” etc.
![]()
Portalén e a súa regazada lendaria, transcrita por vez primeira no Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo (1ª ed., 2005), ten sido causa inspiradora para a creación, por exemplo, de pezas musicais de estilo variado (v.g.: a composición “Alén” de Eduardo Soutullo, coa que o músico conseguiu o Premio Aeos en 2019), de fotografías, pinturas, ensaios, reportaxes de prensa e TV, documentais e incluso novelas de distinta pelaxe. Houbo quen se apurou en localizar por aí adiante outras “Portalén”, a ver se batía coa trabe de ouro; decatándose de que non abonda con atopar unha pedra feituca, senón que cómpre adobiala belamente e porfiar na súa promoción. O nome de Portalén nomeou, á súa vez, eventos, asociacións culturais, proxectos empresariais… Algúns destes fascinados usuarios honráronme coa cortesía da cita; outros, “esqueceron” o que é de obriga. Deuse o caso dun novelisto de aquí ao lado que, dezaoito anos despois de dármola a coñecer, cacarexou oufano na prensa que recén el descubrira Portalén enfuscada no neboeiro. Con tal de gañar un peso na feira, hainos dispostos a facer o ridículo. Aínda por riba, a súa artimaña atraeu a Portalén a magufada.
Enorgullézome do éxito alleo e de que moitos viñesen botar as redes ao meu caladoiro, pois corrobora a valía e oportunidade deste labor de recolla e transmisión. Pola contra, non oculto que me provoca fastío testemuñar como, escudándose na impostura, degorados polos minutos de gloria, se atropelan individuos afanados en porfillar a criatura e, asemade, matar o pai, aplicando aquilo do “quítate ti, que me poño eu”. Portalén, amais de soleira do Outro Mundo, tense convertido en espello da conciencia de cadaquén. Retratados quedan para a posteridade.
![]()
Magóame presenciar como os que van de sabidos repiten coma loros o que a súa cabeza lles dá a entender, sen tan sequera consultar, en prol da fidelidade, as fontes xenuínas ao seu dispor –quen alumeou o manancial aínda está vivo–, nin respectar a memoria de quen mo transmitiu. Reitérolle á audiencia que as denominacións “Montaña Máxica”, “Portalén” ou “Porta do Alén” son creación literaria, plasmada nos meus libros co obxectivo de enxalzar a sabenza popular que a min se me confiou. Aqueles que empregan tales denominacións sen citar a orixe cometeron e cometen un uso indebido e vergoñoso da propiedade intelectual. Como dixen, fican retratados.
Naquel Roteiro Sarmiento celebrado en Cerdedo en decembro de 2002, os concorrentes oíron por vez primeira o chamadeiro Portalén a carón dos nomes das outras vinte e nove estacións míticas do Seixo. Co apoio dos milleiros de persoas convocadas en Cerdedo polas asociacións Verbo Xido, primeiro, e Capitán Gosende, despois (2002-2025); coa axuda dos medios de difusión ao alcance, das publicacións e das charlas –todo de balde e sen aceptar subsidio de administración ningunha–, a eufonía e singular feitura de Portalén callaron no maxín do pobo, forxando un símbolo, erixindo o sanctasanctórum do Seixo, un santuario montesío e pagán de nova creación. O Proxecto Montaña Máxica (léase: Faro de Vigo, 20-4-2007: “Una montaña mágica en Cerdedo”) converteuse da nada en polo inescusábel de atracción cultural, superando calquera outra iniciativa desenvolvida por particulares ou institucións no territorio cerdedés –salvante o Campo das Laudas.
Incomódame oír xente da comarca falando de Portalén, do Marco do Vento, da Cruz do Seixo, do milladoiro de Onde Morreu o Home…, exhibindo a súa ignorancia e silenciando sistematicamente o traballo desinteresado de quen llelo puxo en bandexa. Incomódame que lles neguen o pan e o sal aos veciños de Cerdedo, Forcarei e A Lama que gardaban na memoria as lendas que enfeitan o Seixo e Portalén: Manuela de Barro, Arxentina de Carballás, Clarita de Meilide, Xosé da Fonte, Manuel de Ratel, Vinicio da Cavadosa etc. etc.
![]()
Os inventores da pólvora fan festa con xofre alleo, pois nada habería hoxe de que gabarse se non fose por estes xenerosos informantes –ningún outro na comarca– e, permítaseme a inmodestia, por quen mostrou interese en escoitalos e en difundir o celme dos seus coñecementos.
A mitoloxía do monte do Seixo é un artefacto etnográfico-literario resultado da creación e da recreación popular, xa que humildemente me inclúo na cadea de transmisión do noso acervo. Este labor entregouse á comunidade de xeito absolutamente desinteresado.
Dito exercicio de recollida, escolma e sementeira tiña e ten un obxectivo: librar o monte do Seixo e Cando da chatarra eólica, promovida pola mesma ideoloxía que hogano pretende asoballar Galiza. O Proxecto Montaña Máxica, que botou a andar en 2002, propuña unha alternativa ecolóxica, identitaria, íntima e persoal: a palabra como arma incruenta, enarborada para enfrontar e paliar a desfeita física e moral perpetrada na montaña do Seixo. Como vaticinei daquela, deseguido o mal se estendeu a outras montañas da nosa xeografía. Cando, hai máis de dúas décadas, lle dei comezo á miña campaña de concienciación, sentinme coma predicador no deserto.
![]()
A divulgación dos seres míticos de Cerdedo, os amuletos e talismáns (LVdG, 5-5-2006), o panteón do Seixo (Portalén, o Marco do Vento, a Santa Mariña, a Moura trinitaria, o Castro Grande…) naceron en Cerdedo naquel Nadal de 2002. Moito galbán se ten aproveitado da lodada.
Porén, seguimos estando por quí, e no tocante á Montaña Máxica, mandaremos calar a quen faga falla. Hoxe como hai vinte e cinco anos, salvemos o Seixo e o país enteiro da invasión eólica, da megaminaría, das celulosas… e dos que, servíndose dos logros do voluntariado, degoxan meter o seu con día. Citar honra; citar é de lei. De ben nacidos e ser agradecidos.
![]()




Se el primero en comentar